[1] O día era coma outro calquera. Chovía, e entre tromba e tromba, unha raiola de rol. Na clase, Mariana, a titora, explicaba as diferenzas entre uns medios de comunicación e outros. Tocaba sesión de lingua. Os medios de comunicación poden ser escritos ou audiovisuais, e hoxe en día contamos cun novo, que é a internet.. Fóra chovía, e moito.
[2] Pero de súpeto, a voz de Mariana soou diferente: “E que tal se facemos un programa de radio?” As nosas miradas erguéronse do papel, e fitaron o seu rostro riseiro. “Non me miredes así, que non dixen nada estraño”. Un programa de radio. Coma os de Corre Carmela que chove, ou Plis-plas do sábado polas mañás, ou tantas e tantas voces que engaiolaban á xente. Molaría iso de comezar: “Bos días, Galiza, estamos no aire!”
[3] A titora explicou que debiamos organizar o traballo por grupos, e que cada un tería un cometido. “Seguramente pensades que todo o programa o fan os presentadores, e que todo o que din se lles ocorre a eles nese momento”. “Pois claro, pensei eu”. “Pois noooon!”, berrou Mariana. Detrás deles hai unha manchea de xente que traballa a cotío para sacar o programa adiante.
[4] O caso é que fixemos o grupo dos guionistas, o grupo dos técnicos de son, os presentadores, e incluso os “actores”. Eu apunteime ao dos guionistas, porque seica tiñamos que escribir o que os demais ían dicir. Xenial, porque así non tiña que falar en público, que me dá mazo de corte. No grupo dos técnicos estaban Cástor, Chencho, Marga, Beni, vamos, os que controlan de MP3, e historias desas, porque agora, segundo contou a titora, xa non se fai radio cunha radio, senón cun ordenador e unha tal “mesa de mesturas”. Logo estaban os presentadores. Aí si que dixo que era importante que se apuntasen os que tiveran unha voz clara e forte. Eu non valería para iso, porque ademais do corte, falo moi baixiño. E os actores, ... bo, tiñan que facer un pouco de todo: uns cantar e tocar algo a guitarra ou a frauta; outros representar un fragmento teatral ou ler un poema ou un relato. Vamos, que o do programa non era moco de pavo!
[5] Mariana estableceu un calendario de reunións: unha á semana, no recreo. Xuntabámonos na sala de audiovisuais, e cada equipo tiña que contar aos demais os seus avances. Nós, por exemplo, na segunda reunión, xa tiñamos escrito o guión dunha sección de contos tradicionais, e incluso tiñamos xa buscados algúns deles. Héctor, que ten uns bisavós moi maiores, pediulles que lles contasen algúns, e ela gravounos... co móbil. Despois, os técnicos tiñan que ir xuntando o material que iamos recollendo e preparándoo todo para emitilo o día sinalado. Uxía, a que os pais teñen un pub, trouxo da casa uns discos, pensamos que estaría ben poñer música baixiño mentres se lían os contos. Chegado o día, os actores terían que recitalos, así que foron practicando para que ese día lles saíse ben. Porque, non sei se o dixen, pero a primeira emisión ía ser en directo!! E con todo o colexio escoitando!!
[6] Pasou o tempo, e as reunións ían tomando cada vez máis forma. Xa tiñamos a sección dos contos lista, con músicas e todo, e tamén un apartado de entrevistas, que lle fixemos á alcaldesa, a un escritor que veu falarnos ao colexio, e a unha muller que dirixe a empresa máis grande da comarca. Tiñamos que perfeccionar a sección musical, porque uns compañeiros querían ensaiar unha canción humorística sobre os profesores, pero non lles daba saído (a verdade é que desafinaban un pouco!).
[7] Luz xunto coas súas amigas fixeran un feixe de pulseiras e tiñan pensado vendelas para xuntar cartos para a excursión de fin de curso, Mario pensou que sería boa idea aproveitar o programa de radio para facer publicidade das pulseiras. Desta maneira todo o alumnado do centro o sabería e poderiamos facer unha viaxe moito máis longa.
[8] O director encargou que se instalase un sistema de altofalantes por todo o centro, e viñeron uns técnicos a tirar cable duns corredores a outros. Parecía que preparaban unha verbena. E os nosos técnicos foron practicando co ordenador da sala da radio, poñendo os discos a man, facendo probas,... Xa só quedaba unha semana, e todos andabamos nerviosos. “E se me dá un ataque de tose no momento de comezar?”, dicía desesperada Luz, unha das presentadoras. “O peor é se che dá a risa, que non podes parar”, dicía outra. Os guionistas eramos os que máis tranquilos estabamos, porque xa tiñamos todo o traballo máis ou menos feito, e non tiñamos que dar a cara, e moito menos en directo!!
[9] E chegou o día. Lembro que esa mañá chegaran invitados rapaces e rapazas doutro colexio, que eran o público do primeiro día de emisión. Á nosa radio bautizámola “Radio Bolboreta”, porque por fin voaba tras un longo período de preparación.
E ese día botouse a voar!... E si, houbo erros. Un presentador, cos nervios, chegou a dicir que “agora imos escoitar un conto que recolleu Cristina Pato do seu avó”. É que tiña o disco diante, e trabucouse. E Cástor, cando tiña que poñer unha melodía de fondo tranquila, puxo unha canción dos Diplomáticos de Monte Alto que non deixaba escoitar ao presentador. Pero todo foise corrixindo.
[10] E todo pasou tan rápido, que non durou nin media hora. E para iso botaramos varios meses traballando! Non quero nin pensar o choio que dá facer un programa profesional, con tantísima xente alí metida! Agora Mariana di que, despois desta experiencia, o seguinte trimestre imos tratar de facer un xornal. En principio a idea mola, pero só de pensalo, xa empezo a suar!
Na sección de "Actividades" atoparás propostas prácticas sobre os contidos desta lección. |