PrimariaSecundariaF.P.
Guía cooperaSegundo ciclo de primaria
Cooperar é naturalQueres ser un animal cooperativo?ActividadesEntrevistaCineLetrasSuxestións

Un paseo polo cine: Bichos

FICHA TÉCNICA:

Directores: John Lasseter e Andrew Stanton

Produtores: Darla K. Anderson e Kevin Reher para Pixar Animation Studios/Walt Disney Productions

Guión: Andrew Stanton, Don McEnery e Bob Shaw, segundo un argumento de John Lasseter, A. Stanton e Joe Ranft
Fotografía: Sharon Calahan
Música: Randy Newman
Montaxe: Lee Unkrich
Nacionalidade e ano: USA 1998
Duración: 96 min.

 

SINOPSE:

Unha colonia de formigas non poden vivir tranquilas porque uns saltóns, capitaneados por Hopper, as molestan e acoden cada ano a recadarlles un imposto de alimentos. As formigas, a pesares de representar un número infinitamente superior aos saqueadores, non son quen de facerlles fronte. Sen embargo, todo cambia cando unha das formigas, Flik, estraga toda a ofrenda dun ano por un erro. Os saltóns ameazan con destruír á colonia e á Raíña se na seguinte temporada non recadan o dobre do habitual. Flik marcha do formigueiro en busca dunha solución, e dá cunha caravana de artistas ambulantes, cos que intentará vencer aos invasores.


ACTIVIDADES PARA DESPOIS DO VISIONADO:

  1. “Bichos” é unha película que fala do traballo en equipo, do grupo por riba do individuo. Flik comprende que el só non pode contra os saltóns, e decide formar un grupo, no que cada un ten unha habilidade. Imaxina que ese grupo non aparece, e que os saltóns chegan á colonia das formigas para cumprir a súa ameaza. Escribe como sería o final da historia.
  2. Os saltóns son tamén un grupo, pero menos organizado cós compañeiros de Flik. Que diferenzas ves entre uns e outros?
  3. Na película vemos como un grupo de individuos se unen para loitar contra un inimigo común. Na túa vida terás coñecido situacións nas que as persoas teñen que cooperar unhas coas outras para combater unha ameaza común: incendios, desastres ecolóxicos, vertidos nas praias. Conta algunha experiencia que saibas de alguén a quen coñeces.
  4. Imaxinade que na clase sodes membros da colonia das formigas, e tedes que buscar solucións para evitar a ameaza dos saltóns. Non dispoñedes do grupo de artistas ambulantes, e vós mesmos tedes que atopar outras alternativas. Establecede un debate e intentade chegar a conclusións.
  5. Apetéceche saber como soan as voces orixinais da película? Visita o tráiler da película facendo clic aquí.

SABÍAS QUE?

  • Esta película tamén foi un excelente traballo en equipo: case catrocentas persoas, con arredor de mil ordenadores.
  • A película está baseada no filme “Os sete magníficos” e, por tanto, tamén en “Os sete samurais”.
  • Para darlle realismo ás escenas, colocouse unha cámara no extremo dunha barra, que se movía a ras de chan, para tratar de ver o mundo dende a perspectiva dun insecto. E para conseguir o son das ás do escaravello, utilizouse o ruído dun helicóptero de carga, transformado informaticamente.

 


Consello Galego de CooperativasXunta de Galicia

Copyright 2008 | O Cooperativismo na Escola
www.cooperativasdegalicia.com/educacion