PrimariaSecundariaF.P.
Guía cooperaSegundo ciclo de primaria
Cooperar é naturalQueres ser un animal cooperativo?ActividadesEntrevistaCineLetrasSuxestións

Lección 1: Cooperar é "natural"

Sabías que moitos dos coñecementos do home foron adquiridos por imitación da natureza? Hoxe en día contamos con avances tecnolóxicos resultantes da observación do comportamento de moitos animais. A invención dos avións non se produciría sen observar o voo dos paxaros, a dos helicópteros, sen analizar a maneira de voar das libélulas. Non poderiamos “ver” aos fetos no ventre materno senón estudaramos como os morcegos utilizan os ultrasóns como ferramenta para desprazarse e alimentarse. Tampouco os barcos poderían detectar co seu sonar a pesca que hai no mar senón tiveramos estudado o sistema de detección que empregan os golfiños e outros animais mariños.

Pero non só foron os avances técnicos o que nos proporcionou a observación da natureza. O traballo cooperativo, en equipo, utilizando as destrezas de cadaquén para acadar beneficios en común, é algo que está presente en moitas especies animais dende hai milleiros de anos.

Coñecerás que as abellas son animais que cooperan entre si para sobrevivir. A raíña é a encargada de poñer ovos para toda a comunidade (poden chegar a poñer 3000 ovos diarios!); os abázcaros encárganse de fecundala, e de dar calor á colmea e ás larvas; as abellas obreiras, por último, son as que recollen o polen e o néctar das plantas, constrúen os panais, e defenden a colmea. Teñen incluso unha conduta cooperativa sorprendente: cando son atacadas por un abáboro, mátano cubríndoo entre todas e batendo as ás para elevarlle a súa temperatura corporal ata “queimalo”.

Tamén é sabido que as formigas posúen un sistema organizativo quizais máis complexo aínda: a raíña é a encargada de reproducirse; as obreiras son as que buscan comida, e algunhas delas, as nais, nunca saen do formigueiro, para coidar ás larvas; as soldados dedícanse á defensa da comunidade. Pero as formigas chegan incluso a cooperar con outras especies animais! Utilizan aos pulgóns, aos que alimentan, para extraerlles un néctar que utilizan como alimento. É dicir, que posúen unha especie de rabaños particulares.

E temos tamén aos lobos. Eses animais que a literatura e os mitos nos pintan como sinistros e sanguinarios son un exemplo de traballo cooperativo e intelixente. De todos é sabido que cazan en manada, distribuíndo as funcións segundo as habilidades de cada individuo. Así, por exemplo, cando se trata de cazar presas pequenas, coma coellos, uns deles fan de batedores, e cando a presa sae, os outros, que están ao asexo, danlle caza. Se se trata dunha presa que poida estar defendida por un adulto perigoso, entón un par de lobos déixanse ver para distraer ao posible inimigo, mentres os outros atacan á presa. Incluso cando se desprazan a outro territorio, fano de maneira cooperativa, de modo que o que vai en cabeza “informa” aos demais das posibles incidencias que poida atopar.

Existen outras moitas especies animais que fan uso do traballo en común como estilo de vida, e sen o cal non poderían subsistir. A quenlla, unha especie tan fera, coopera cuns peixes pequenos que lle limpan a dentadura a cambio de protección e alimento; e o mesmo ocorre cos pequenos paxaros que se alimentan dos parasitos dos rinocerontes. Cooperar está na natureza, porque o grupo reforza ao individuo, e o esforzo compartido fai que se consuman menos enerxías. Cooperar é, pois natural.

De todas maneiras os seres humanos temos unha diferenza substancial no noso comportamento con respecto aos animais, nós tomamos as nosas decisións voluntariamente. Desta maneira, cando decidimos realizar unha tarefa de maneira cooperativa, facémolo conscientemente e non por un simple impulso ou un instinto de supervivencia. Desta maneira a cooperación entre humanos ten un valor moi superior.

Na sección de "Actividades" atoparás propostas prácticas sobre os contidos desta lección.


Consello Galego de CooperativasXunta de Galicia

Copyright 2008 | O Cooperativismo na Escola
www.cooperativasdegalicia.com/educacion