PrimariaSecundariaF.P.
Guía cooperaTerceiro ciclo de Primaria

A receita cooperativa

O mellor de traballar en equipo é que cada unha das persoas aporta o mellor de si, para que os demais se beneficien. Imaxinades que un de vós intentase escribir unha revista sen axuda de ninguén? Tería que pensar as noticias, escribilas, facer as fotos, debuxar, levar todo á imprenta, e moitas cousas máis. Pero, e se fosedes un grupo no que un pensa os temas, outro escribe, outros debuxan e fan fotos, etc.?

  1. A continuación podedes ver aos nosos amigos de “A Vida Ameazada”. Coñecédeos mellor, e descubride que se lle dá ben a cada un deles.
  2. Tedes despois unha pequena lista de actividades que poderían levar a cabo en grupo. Escollede unha delas e contade cal sería a mellor maneira de organizala, tendo en conta as habilidades e a forma de ser de cada un dos nosos protagonistas.

 

CÁSTOR:
É amable e moi, moi imaxinativo. Sempre se lle ocorren ideas estupendas. Debuxa moi ben, e sabe bastante de música. A súa nai ten unha colección de CDs moi extensa, e el adoita escoitala sempre que pode. Ademais, como seu pai traballa nunha empresa de informática, ten un bo equipo informático na casa. Tamén é afeccionado á lectura: apaixónanlle as historias de ciencia-ficción.

CARME:
Normalmente é que tira do grupo. Co seu carácter alegre e disposto, sempre se encarga de tomar a iniciativa e de coordinar as tarefas de todos, incluídas as dela. É moi traballadora, e nunca ten medo a facer as cousas. Vive soa coa súa nai, que ten unha empresa pequena, e aprendeu dela que o traballo en equipo dá mellores resultados que o traballo individual. Carme é afeccionada ao teatro, a ler ou recitar en público, e a cantar. Sabe tocar a guitarra.

CHENCHO:
O seu sentido do humor é coñecido por todos. Asegura que sabe uns mil chistes, e debe de ser certo, porque nunca os repite. Le libros de misterio, e coñece os nomes de todos os xogadores de fútbol da liga, ademais dos adestradores. Na casa utiliza moito a internet para obter información para traballos, ou simplemente para descubrir cousas. Vive co seu pai, que é electricista, e aprendeu del a andar cos aparellos electrónicos: o MP3, a gravadora de voz, as luces, etc.

HÉCTOR:
Tolea polo cine. Sempre que pode vai ver unha película cos seus pais, e logo comenta o mellor dela no colexio, cos compañeiros. Fanático de Star Wars, sempre admirou o labor dos maquilladores de cine. De feito, súa nai, marroquí de procedencia, é maquilladora nunha pequena produtora de cine. A el gustaríalle seguir os seus pasos. Pinta moi ben, e non se lle dá mal bailar, coma a seu pai.

LUZ:
É unha sentimental empedernida. Nunha ocasión foi a París cunha viaxe do colexio, e dixo que xa cumprira o seu soño de visitar a cidade do amor. Luz ten outras paixóns: a moda, e o deporte. Seu pai é xastre, e sempre veu na casa teas por todos os sitios. Manéxase ben coa agulla, e xa ten debuxado algún patrón para a súa colección particular. Encántalle correr, xogar ao baloncesto, e ao fútbol. Nunca pode estar quieta.

BENI:
É o máis tranquilo do grupo. Como ten cinco irmáns, sabe que o mellor é o traballo en equipo. Fala inglés moi ben, porque os seus pais foron emigrantes, e agora xa regresaron de Inglaterra, aínda que nas vacacións sempre volven por alí. É unha persoa moi informada, e le o xornal case todos os días. Ás veces incluso mira as noticias na internet. Non se lle dá mal o da informática: ten amigos en Londres cos que chatea de cando en vez.

 

PROPOSTAS A REALIZAR:

  • Unha obra de teatro
  • Un magosto.
  • A limpeza e acondicionamento dun espazo natural próximo ao centro (a beira dun río, un parque, etc.)
  • Un cine-club cooperativo.

Consello Galego de CooperativasXunta de Galicia

Copyright 2008 | O Cooperativismo na Escola
www.cooperativasdegalicia.com/educacion