Que empresa máis singular, que é o que facedes aquí?
 Esta é unha empresa que se dedica ao engorde de rodaballo. Temos 536 gaiolas nas que hai arredor de 1200000 rodaballos en diferentes estados de crecemento, e cada ano véndense aproximadamente 450 tn. de peixe. Esta é a única empresa do mundo que cría o rodaballo no seu propio medio natural, e non nunha piscifactoría, polo que o peixe ten un maior parecido ao salvaxe, e máis escuro que o de piscifactoría, ten menos graxa e está moito máis musculado, o que seguro que lle da un mellor sabor.
Nós o que facemos é alimentalos e clasificalos.
Que curioso. E medran moito os rodaballos?
Si, cando os traemos de San Cibrao en Lugo nun transporte especial, teñen 120 ou 130 días e pesan 8 ou 10 grs. É o momento máis crítico do proceso, pero despois xa están no mar e nós engordámolos durante 30 meses ata que chegan ao seu peso comercial que é 1 kg., aínda que algúns poden pasar dos 2 kg.
No meu planeta non vin á venda estes rodaballos. Onde se venden?
O noso rodaballo distribúese fundamentalmente en Italia, en tamén en Cataluña e Valencia, pero aínda non chegamos ao rendemento máximo da explotación, así que e posible que dentro de pouco o poidamos vender tamén no teu planeta.
Por certo, por que decidistes que a vosa empresa fose unha COOPERATIVA?

Nós eramos un colectivo de persoas que estabamos a traballar no mar. Viviamos da pesca no banco canario sahariano e ao non renovarse o convenio que nos permitía pescar alí tivemos que comezar a buscar unha alternativa. Coa nosa idade, e sen experiencia de traballar en terra sabiamos que por separado tiñamos pouco futuro, de maneira que sempre pensamos nunha solución colectiva. Consultamos con expertos, buscamos información, formámonos e finalmente o 14 de setembro de 2001 47 socios fundadores constituímos a cooperativa.
Vese que sodes xente loitadora e decidida supoño que por iso levades o nome de Loitamar, loita no mar, porque de feito seguides loitando no mar, non?. Porque o rodaballo?
Cando buscamos alternativas ao noso anterior traballo na pesca sempre tivemos claro que tería que ser algunha actividade relacionada co mar, a primeira opción foi a de poñer unhas bateas de mexillón, pero o mercado estaba saturado e non había cota dispoñible. Nese momento soubemos que un investigador, Antonio Pallares Méndez, estaba a experimentar coa cría de rodaballo no mar, puxémonos en contacto con el, explicounos a súa idea e hoxe é o noso director técnico ademais de levar a dirección de varias piscifactorías con troitas, salmóns e rodaballos.
E cal é a estrutura organizativa da empresa?
Como todas as cooperativas ten unha Asemblea Xeral e uns órganos directivos que son os que toman as decisións empresariais e despois esta a parte técnica onde, no noso caso, hai un director técnico que é o que toma as decisións técnicas sobre un equipo que ten un encargado e dous xefes de equipo.
Pois moitas grazas por contarme todo isto, supoño que tal como está a pesca pronto veremos outras iniciativas como a vosa.
Esperemos que si, xa que a nosa iniciativa pretendía non só ser unha opción de futuro para nós, senón ser tamén un modelo para que outros traballadores puideran seguir o mesmo camiño. Ata outra Coopi.
|