PrimariaSecundariaF.P.
Guía cooperaSegundo ciclo de primaria
Cooperar é naturalQueres ser un animal cooperativo?ActividadesEntrevistaCineLetrasSuxestións

Entrevista: Medelle Servicios Comunitarios

En Galiza hai unha chea de COOPERATIVAS, e existen moitos tipos delas (agrarias, educativas, de transporte, e moitas máis). Se queredes coñecer unha en directo, montade na nosa nave, que imos ir cara ao concello ourensán de Avión. Despegamos!

Falamos con Esther Pérez Enríquez, a presidenta da Cooperativa Medelle Servicios Comunitarios. Parece unha muller moi interesante, porque sabe moito deste tema, pero míranos cunha cara un pouco estraña: nin que nunca vira un alieníxena con cinco cabezas!!

A NOSA ENTREVISTADA

María Esther Pérez Enríquez
29 anos
Presidenta da cooperativa
Actividades fundamentais: coordina os servizos e actividades prestadas e realiza as actividades de animación sociocultural, psicoestimulación cognitiva,...
É Licenciada en Psicopedagoxía, Diplomada en Educación Social, experta en programas socio-educativos en institucións de maiores, e aínda por riba ten un Master en Xerontoloxía Educativa e Social.

Terrícola Esther, a que vos dedicades exactamente na vosa cooperativa?
Medelle Servicios Comunitarios, como o seu propio nome indica, dedícase a múltiples actividades, aínda que son de destacar dúas fundamentais:
En primeiro lugar, a axuda no fogar, é dicir, e para que o entendades, a axuda que se lle proporciona ás persoas con algún tipo de dificultade, tanto física como psíquica ou social. Esta actividade realízase maioritariamente, aínda que non en exclusiva, coas persoas maiores; e abarca dende a realización do aseo persoal, ata a limpeza dos domicilios, ou a elaboración de alimentos, o acompañamento ó médico,...

A outra actividade principal da empresa, e que merece a pena destacar é, a animación sociocultural, animación que , igual que a actividade anterior, vai dirixida a toda a poboación; aínda que na actualidade unha das maiores demandas que posuímos é de animación infantil en festas coma aniversarios, bautizos ou festas populares.
Cando comezastes esta aventura?
Medelle é unha cooperativa moi recente, que case poderíamos dicir que está comezando, pois a súa andadura iniciouse a mediados do mes de xuño de 2005.
E que tal foron os comezos?
Os comezos? Pois ... supoño que como a maioría dos proxectos novos: atopámonos con obstáculos, aínda que non moitos, cometemos erros e equivocámonos máis dunha vez..., aínda que a valoración é bastante positiva.

Medelle xurdiu a partir de dous acontecementos case paralelos: o primeiro foi un Obradoiro de Emprego onde un dos módulos era o de “axuda no fogar”, do cal eu era monitora e catro das socias actuais eran alumnas; durante a realización do mesmo e tamén ao seu remate, foi algo ao que demos moitas voltas. Por outra banda, unha amiga e compañeira de formación tamén me animou para crear a empresa e ampliar os servizos a prestar, incluíndo outros como a animación sociocultural, máis relacionados coas nosa inquedanzas.
E así foi como iniciamos a nosa andadura, xuntándonos naquel momento 5 socias-traballadoras, 3 alumnas do obradoiro e 2 educadoras sociais.

E por que unha cooperativa e non outro tipo de empresa?
Cando comezas de cero buscando unha saída laboral o traballo de equipo facilita moito as cousas, ademais do apoio que nos podemos dar unhas a outras. Tamén son importantes axudas e beneficios fiscais que ten unha cooperativa fundamentais para o comezo dunha nova actividade.
Cantas persoas formades a vosa cooperativa?
Na actualidade, a nosa cooperativa está formada por 6 socias-traballadoras con dedicación completa á cooperativa, das cales 2 somos educadoras sociais e 4 auxiliares de axuda no fogar. Ademais, temos contratada unha traballadora social a tempo parcial; e en función dos servizos a prestar, en ocasións concretas contratamos a auxiliares de axuda no fogar.
E é certo que nas cooperativas tomades as decisións entre todos?
Si, claro. A maioría das decisións tomámolas entre tódalas socias. Realmente é algo moi sinxelo de facer, pois de momento somos poucas. Nalgún caso puntual, cando non se trata de cousas moi importantes, é o Consello Reitor o que toma as decisións.
Que tipo de obstáculos atopastes nesta aventura?
A maioría dos obstáculos, aínda que non moitos, foron debidos ao descoñecemento que as socias tiñamos nalgúns aspectos como contabilidade, marketing,...
Tamén nos custou algo comezar a prestar os servizos, quizás polo tipo de servizos que son, pois traballamos sempre coas persoas e dependemos da súa confianza, e na maioría das situacións, ou na súa totalidade, no caso do servizo de axuda no fogar, traballamos dentro dos propios domicilios das persoas.
Cales son as principais diferenzas que atopades entre unha cooperativa e outro tipo de empresas?
A verdade é que non coñezo moi ben os outros tipos de empresas, só teño unha ideas moi básicas, pero penso que unha das diferenzas principais é que nas cooperativas, como indica o seu nome, tódolos socios cooperan, traballan polos mesmos intereses e teñan as mesmas inquietudes, ou cando menos moi similares.

A empresa é de todos os socios e socias, que normalmente ademais de ser os donos son tamén os traballadores. Mentres que noutros tipos de empresas hai unhas persoas que son as donas e despois a maioría son traballadores e traballadoras.

E tamén existen diferenzas fiscais, pois as cooperativas están máis protexidas e contan con máis beneficios.
Que lle diriades aos terrícolas pequenos e aos mozos que pensen en formar unha cooperativa como saída laboral?
Pois toma nota:
  • Que é unha boa saída laboral.
  • Que se informen ben, primeiro, do que é unha cooperativa.
  • Que definan claramente as actividades ás que se van dedicar.
  • Que consulten e soliciten todas as axudas ofertadas.
E que definan claramente as súas funcións dentro da mesma, as actividades que cada socio ou socia vaia desenvolver.
Vale, Esther, graciñas polo teu tempo, e ánimo coa vosa aventura. De seguro que teredes éxito!
Ata sempre, Coopi.

+ Proposta práctica

Reunide a un grupo de persoas da clase ou a varios amigos ou amigas, e facede unha entrevista similar a algún membro dunha cooperativa que teñades próxima ao voso colexio. Se non tedes ningunha preto de vós, lembrade que a podedes realizar tamén a través do correo electrónico, enviando as preguntas e recibindo as respostas por escrito.

O voso mestre ou mestra vos poderá axudar a contactar con eles. E se podedes facelo en vivo, aproveitade para tomar algunhas fotos da cooperativa, e así ilustrar o voso texto!


Consello Galego de CooperativasXunta de Galicia

Copyright 2008 | O Cooperativismo na Escola
www.cooperativasdegalicia.com/educacion