PrimariaSecundariaF.P.

Historia do Cooperativismo

Entrevista: a cooperativa Andaina

+ Cal é a actividade principal á que se dedica esta empresa? (a que niveis atende...)
A actividade principal de Andaina é o ensino. Dende as súas orixes nunha Escola Infantil Municipal, a Cooperativa xestiona hoxe un Centro de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, ademais de actividades no ámbito da educación non formal (ocio e tempo libre) como as colonias de verán.
+ Cando se creou?
Andaina como proxecto xurde no ano 1986 cando un grupo de persoas, a súa maioría profesionais do ensino, nos unimos en torno á preparación dun proxecto educativo para a concesión da xestión dunha escola infantil municipal.
+ Cantas persoas traballan nela?
A día de hoxe a Cooperativa conta con 25 socios (profesionais do ensino) máis outros tantos contratados e contratadas.
+ Porque este tipo de empresa e non outra modalidade empresarial?
No ámbito do ensino era frecuente no momento en que naceu Andaina que as cooperativas nacesen por iniciativa de profesores e profesoras que se facían cargo do seu centro de ensino para manter os postos de traballo; en Andaina operouse un fenómeno diferente: a elección deste modelo foi unha decisión colectiva totalmente consciente. O enunciado dos principios cooperativos responde perfectamente aos nosos intereses organizativos. Valores como a axuda mutua, a responsabilidade compartida, a democracia, a igualdade, a equidade e a solidariedade forman parte do propio ideario de todos os socios e socias.
+ Que diferenzas podes ver entre a túa empresa que funciona como cooperativa e outras empresas do sector que non son cooperativas?
Como diciamos, o modelo cooperativo parte de principios como a convivencia democrática ou a corresponsabilidade, isto permite un modelo de organización empresarial democrático e participativo, o cal non quere dicir que non exista unha estrutura e modelo de xestión claramente definido e operativo.
+ Como tomades as decisións?, ¿cal é a estrutura organizativa da empresa?
Neste momento e tras un longo proceso de avaliación e mellora continua do modelo, contamos cun modelo de xestión que diferenza claramente os ámbitos de responsabilidade societaria e profesional. A nivel político, o Consello Reitor é o máximo órgano de representación da asemblea; a nivel executivo existe un equipo de Dirección Xeral da empresa.
+ Como repartides as ganancias?
Nunha empresa cooperativa, o concepto de “ganancias” debe matizarse. Existe un “anticipo” mensual dos resultados anuais da empresa, que viría a ser o concepto de salario. As ganancias serían os “retornos cooperativos”. No momento en que estes se dean, poden repartirse entre os socios e socias ou reverter directamente no propio proxecto.

Vídeo sobre a coperativa Andaina:

El contenido de esta página requiere una versión más reciente de Adobe Flash Player.

Obtener Adobe Flash Player


Consello Galego de CooperativasXunta de Galicia

Copyright 2008 | O Cooperativismo na Escola
www.cooperativasdegalicia.com/educacion