A mediados do século XIX Inglaterra había tempo que superara a Revolución Industrial e os traballadores vivían en condicións bastante penosas, os nenos e nenas eran empregados en traballos insalubres e xornadas esgotadoras polas que percibían míseros salarios.
Para loitar contra esta situación penosa das clases traballadoras e presentar alternativas a esa situación tan deshumanizada, organizáronse diferentes movementos sociais e políticos entre os que destacan: O sindicalismo, o socialismo e o cooperativismo. Estes movementos tiñan moitos puntos de conexión, así por exemplo, o movemento coñecido polo dos socialistas utópicos , que como o seu nome indica, realizaba propostas fundamentalmente teóricas, tivo entre os seus máis destacados participantes a Robert Owen que sería un precursor do movemento cooperativo, e que ademais tratou de levar as súas ideas á práctica.
Desta orixe xorden os valores do cooperativismo que se manterán ao longo da súa historia, valores de solidariedade, equidade, igualdade, responsabilidade, democracia e axuda mutua. No ano 1843, en Rochdale, preto de Manchester, un grupo de 28 traballadores da industria téxtil constitúen en Toad Lane (rúa do sapo) a “Sociedade dos Equitativos Pioneiros de Rochdale” que será a primeira cooperativa.
Os principios que guiaban a filosofía deste movemento agrupáronse na “Carta da Cooperación”.
+ Pulse aquí para ver/ocultar os principios
• A cooperación completa a economía política ao organizar a distribución da riqueza.
• Non afecta á fortuna de ninguén.
• Non trastorna a sociedade.
• Non molesta ao homes do Estado.
• Non constitúe unha asociación secreta.
• Non quere ningunha violencia.
• Non causa ningún desorde.
• Non ambiciona honores.
• Non reclama favores.
• Non pide privilexios especiais.
• Non trata con larcháns.
• Non busca axuda oficial.
• Sinte horror polos monopolios e os combate sen cesar.
• Desexa a concorrencia seria e honesta na cal se ve a almo de todo progreso de verdade; significando a responsabilidade persoal, a iniciativa persoal e a participación nese prestixio que o traballo e o pensamento saben conquistar.
Estes principios fóronse reformulando, por parte da Alianza Cooperativa Internacional, ao longo da historia do movemento, ata a súa ultima actualización en 1995, pero sempre mantendo os dous principios fundamentais:
• Unha persoa, un voto.
• Remuneración por calidade ou cantidade de traballo desenvolvido ou polo consumo producido.
A evolución do movemento cooperativo e da competitividade destas empresas as presenta na actualidade como unha alternativa ás empresas do capital e compiten con elas para atopar un lugar no mercado. Esta importante evolución levou a Asemblea Xeral da ONU a instituír o Día Internacional das Cooperativas.
O número de cooperativas crece continuamente e diversifica o número de sectores nos que desenvolve a súa tarefa, por este motivo e posible que o símbolo deste movemento sexa unha bandeira multicolor, aínda que a veces tamén se simboliza ao cooperativismo por un piñeiro. Galiza non é unha excepción dentro deste movemento mundial, e así vemos como xa no ano 2003 había máis de mil cooperativas que atendían a moi diferentes sectores produtivos:

+ Ver/ocultar datos do diagrama (Cooperativas activas en Galicia 2003)
Cooperativas de traballo asociado: 484
Cooperativas agrarias: 272
Cooperativas explot. com. da terra: 21
Cooperativas de vivenda: 73
Cooperativas de transporte: 30
Cooperativas de servizos: 22
Cooperativas do Mar: 20
Cooperativas de 2º grao: 14
Cooperativas de consumidores usuarios: 13
Cooperativas de ensino: 53
Outras cooperativas: 2
TOTAL 1.004
Glosario de termos
Revolución industrial
Revolución industrial é o proceso que conduce a unha sociedade dende unha economía agrícola tradicional ata outra que emprega procesos de produción mecanizados para fabricar bens a gran escala. Foi o primeiro paso para a sociedade moderna e comezou en Inglaterra.
Socialistas utópicos
Defensores dun socialismo humanista con certa orientación libertaria e que pretendía unha nova sociedade baseada na solidariedade e a xustiza social.
Robert Owen
 Robert Owen, 1771 - 1858. Copropietario dunha fábrica téxtil en Escocia. Consciente de todo o que implicaba a industrialización emprendeu unha serie de reformas. Reduciu a xornada laboral, prohibiu que se empregasen nas súas fábricas pícaros de menos de 10 anos. Fundou unha escola infantil e abriu un economato. Estes cambios, con todo, non foron aceptados polo resto dos empresarios, polo que se trasladou a Estados Unidos, alí creou, xunto cos seus discípulos, colonias de tipo socialista, pero todas elas fracasaron. Firme defensor dos dereitos sociais, cando regresou a Gran Bretaña foi elixido polos obreiros para liderar un movemento cooperativista.
Manchester
Cidade do noroeste de Inglaterra, centro administrativo do condado metropolitano do Gran Manchester, á beira dos ríos Irwell, Medlock, Irk e Tib. Manchester é un importante centro industrial e durante moito tempo foi o principal centro de produtos téxtiles de algodón de Gran Bretaña. Tamén é un importante porto inglés, que se comunica a través da canle de transporte de Manchester (que se construíu en 1894) con Eastham (no río Mersey) e ao que poden acceder os barcos transatlánticos. Na diversificada industria da cidade prodúcese papel, medicamentos, equipamentos eléctricos e de transporte aéreo, equipos informáticos e produtos alimentarios. Manchester está situada preto dunha rexión dedicada á minería de carbón, aínda que a súa produción industrial descendeu a partir a década de 1960.
Alianza Cooperativa Internacional
Alianza Cooperativa Internacional (ACI), fundada en Londres en 1895 asocia a cooperativas de máis de 100 países do mundo e dende 1892 ten a súa sede central en Xenebra.
Día Internacional das Cooperativas
En 1923 o Comité Executivo da Alianza Cooperativa Internacional (ACI) recomendou conmemorar un día internacional das cooperativas. O 16 de decembro de 1992 a Asemblea Xeral da ONU (Nacións Unidas), a través da resolución 47/90, proclamou a necesidade de realizar un "Día Internacional das Cooperativas" a partir de xullo de 1995, en conmemoración ao centenario da creación da Alianza Cooperativa Internacional.
|