Con esta entrevista preténdese afondar na realidade dunha cooperativa: dificultades reais, ilusións persoais, motivacións, aspectos positivos, obstáculos.
"Hoxe estamos en Palas de Rei en Lugo, visitando esta cooperativa, chámase Milhulloa. Entrar aquí é como entrar no fogar dunha familia. Respírase entre eles unha dose alta de confianza mutua e optimismo. Defínense como loitadores, emprendedores, e outras cousas semellantes. Cren no equipo como forma de traballo e case de vida. Ademais de compartir os beneficios da súa empresa cooperativa, coñecen as datas dos seus respectivos aniversarios. Comezaron esta aventura por probar unha fórmula, e agora son cooperativistas convencidos e militantes. Constitúen o equipo perfecto: Carmela é bióloga, Chusa é farmacéutica, e Xaquín estudou Ciencias Empresariais. Todo o traballo descansa sobre as súas costas, pero a ilusión que transmiten pesa moito, moito máis."
+ Cal é a actividade principal á que se dedica a vosa cooperativa?
Carmela: Traballamos dende o cultivo de plantas medicinais até a súa transformación, que é o deshidratado, para a elaboración de infusións, etc. Pero tamén temos outra liña de produtos, debido a que o ciclo das plantas é estacional, Démonos conta de que no inverno o traballo se detiña, e comezamos a ampliar o traballo ás hortalizas, en concreto o grelo, a espinaca ou o tomate, todos eles produtos autóctonos. Sempre buscamos recuperar plantas de aquí, e intentamos que non desaparezan as especies. Hoxe vendemos grelos para moitos lugares fóra de Galicia: dende Palma a Moscova ou incluso a selva de México.
+ Cando iniciastes a vosa andadura?
Chusa: No 2001. Carmela e mais eu participamos nun Máster para mulleres emprendedoras, organizado pola Consellería de Familia, e alí planeamos comezalo todo. Xaquín supervisou o proxecto dende o punto de vista económico, e aló o presentamos. O bo é que dispuñamos dos terreos, que pertencían a unha das nosas familias, e transformamos o que era unha corte de vacas nos locais que temos hoxe en día.
+ E como foron os comezos?
Carmela: Pois botamos os dous primeiros anos acondicionando o terreo, e facendo as obras. Aprendemos sobre cultivos partindo de cero. Descubrimos que a mellor axuda foi sempre a dos veciños e a xente maior da zona. Eran os que mellor coñecían as plantas de aquí, as condicións climáticas, as distintas maneiras de sementar cada planta, etc.
+ Por que unha cooperativa e non outro tipo de empresa?
Xaquín: Porque é unha das fórmulas xurídicas máis democráticas que existen. No noso caso, aínda que traballamos o agro, somos unha cooperativa de traballo asociado.
+ Que tipo de obstáculos atopastes nesta aventura?
Xaquín: Ao comezo tes moitísimo papelexo, e pasas varios meses pendente da burocracia. Tivemos que presentar o proxecto da cooperativa, pero tamén contamos cunha boa receptividade por parte da Administración, que nos foron asesorando cando o precisabamos. Outro atranco foi que as entidades bancarias ás veces tardan en crer en que o teu proxecto vai saír adiante. Pero a ilusión que mantivemos sempre estivo por riba das dificultades. O feito de que nos coñecésemos e fosemos amigos xa antes fixo que nos apoiásemos constantemente para non desfalecer. As axudas institucionais son fundamentais ao comezo desta aventura.
+ Cales son as principais diferenzas que atopades entre unha cooperativa e outro tipo de empresas?
Carmela: Nós definitivamente non dariamos este paso que demos se non se tratase dunha cooperativa, porque agora levamos o traballo de maneira compartida, e ao tomar as decisións en equipo, sénteste moi apoiado polos teus socios. A diferenza básica entre unha cooperativa e outro tipo de empresa está na toma de decisións día a día. Aquí o socio non é só un traballador, senón que está implicado en todo o labor organizativo, e iso fai que te involucres moito máis no proxecto. Es a un tempo empresario e traballador.
+ Que lle diríades á xente nova que pense en formar unha cooperativa como saída laboral?
Chusa: Pois que o primeiro é mirar moi ben con quen te asocias. Ten que haber un clima de total confianza. E despois, o traballo é moito máis doado porque todo o decides cos teus socios. Nós coñecemos a moitos outros cooperativistas, e notas que hai un sentido de comunidade entre uns e outros. Entre todos nos sentimos moi arroupados e, sobre todo, informados. Pertencemos a unha asociación de cooperativas que se chama UGACOTA, e incluso agora damos ás veces charlas, obradoiros, e informamos a outra xente sobre o que facemos. O ambiente do cooperativismo é algo que anima moito a seguir traballando nesto.
|