Este é un material que se engade a maiores para uso do profesorado. Son dinámicas de grupo que se poden aplicar a diferentes situacións do día a día dun centro escolar, e pretenden reforzar as interrelacións grupais.
Ao comezar a Educación Secundaria é posible que se creen grupos formados por nenos e nenas que anteriormente non estaban no mesmo colexio e que polo tanto non se coñecen. A continuación presentamos algunha técnicas ou xogos que nos poden axudar nos primeiros momentos de constitución do grupo:
Lembrando nomes
É un xogo que ten o seu sentido se a grande parte do grupo non se coñece. A primeira persoa di o seu nome o seguinte ten que dicir o seu máis o da persoa anterior, o terceiro o seu máis os dous anteriores, e así sucesivamente. Cando alguén se trabuca a seguinte persoa comeza unha nova serie ata que rematemos coa lista de persoas da clase. O xogo pode repetirse algunha vez máis segundo vexamos o número de erros que se producen, e mesmo se pode repetir algún día posterior para afianzar esa aprendizaxe dos nomes dos compañeiros. Pode ter múltiples variantes, por exemplo, cada persoa que di o seu nome pode indicar que será a seguinte, en lugar de seguir a orde dos asentos. Outra variante é dicir o nome e completalo cun pareado, “eu son Antón o máis fortachón”, “eu son Carolina e son a máis guapiña”, e cada persoa ten que ir repetindo as anteriores. Unha variante moi coñecida e que xa é case un xogo diferente é o que se coñece por “me pica”, cada persoa di o seu nome e sinalando unha parte do seu corpo engade “e me pica aquí”, cada persoa ten que ir engadindo os nomes e os picares dos anteriores.
Unha estatística revolta
Para romper o xeo do primeiro encontro e obter información do grupo podemos dividir o total de persoas en pequenos grupos, dándolle a cada un deles unha pregunta da que debe obter a resposta de todas as demais persoas. As preguntas poden ser moi variadas, mesturando cuestións formais con outras máis intranscendentes. Marcamos un tempo deliberadamente escaso para obter as respostas (3 ou 4 minutos) e pedímoslles que fagan unha estatística aproximada dos resultados, de maneira que nese tempo todo o grupo terá que estar intentando conseguir respostas de todos os demais alumnos e alumnas da clase.
O novelo
Unha persoa cun novelo de la collido por un dos extremos di o seu nome bótallo á persoa que quere e pregúntalle o seu, e esta fai o mesmo con outra, e así ata formar un gran guedello, que logo podemos tratar de desenguedellar facendo as preguntas ao revés e devolvéndolle o novelo a quen nolo enviou.
Entrevista e presentación
Fórmanse parellas con todos os presentes e durante cinco minutos os alumnos e alumnas entrevístanse mutuamente intercambiando os datos e informacións que cada quen considere oportunos (por exemplo: nome, lugar onde naceu, afeccións, grupo preferido, etc.). A continuación cada persoa presenta ante o grupo ao seu compañeiro ou compañeira de entrevista ata esgotar todas as parellas formadas. |