 |
FICHA TÉCNICA
Estados Unidos (1940)
Director: John Ford
Guión de Nunnally Johnson baseado na novela de John Steinbeck
Fotografía: Gregg Toland
Montaxe: Robert Simpson
Música: Alfred Newman
Duración: 129 minutos
FICHA ARTÍSTICA
Henry Fonda: Tom Joad
John Carradine: Casy
Jane Darwell: Nai
Charley Grapewin: Avó
Doris Bowden: Rosa de Sharon
Russell Simpson: Pai
O.Z. Whitehead: Al
John Qualen: Muley
Eddie Quillan: Connie
Zeffie Tilbury: Franma
PREMIOS: Oscar ao Mellor Director, John Ford (1940) Oscar á Mellor Actriz Secundaria, Jane Darwell (1940) |
SINOPSE DA PELÍCULA E CONTEXTO HISTÓRICO
Tom Joad (Henry Fonda) regresa ás terras da súa familia en Oklahoma tras pasar catro anos no cárcere. Descubre entón que a finca familiar e a casa onde viviu toda a súa vida foron requisadas por unha gran compañía. Deciden entón iniciar unha longa marcha cara California na procura de traballo, unha desesperada travesía para chegar a un lugar onde os terratenentes e patróns se aproveitan das familias traballadoras, pagándolles soldos miserables e utilizando a autoridade para o seu propio beneficio, reprimindo calquera intento de protesta organizada mediante o matonismo e a ameaza. Ambientada na segunda metade dos anos 30, en plena “gran depresión”, leva a cabo unha crítica social que pasa polas desgrazas persoais e as relacións entre os membros dunha familia humilde da época.
Cara finais dos anos 20, no século XX, unha forte crise económica estaba estendida a nivel mundial. Pero o golpe definitivo foi causado pola crise da economía norteamericana, aló por 1928, e definitivamente co afundimento da Bolsa de Nova York en 1929.
Consecuencias desta caída foron os excesos na produción, a falta de inversións, ou a baixada repentina dos prezos de moitos produtos. A renda media dos americanos baixou nun 36%, e o desemprego chegou a afectar ao 25% da poboación.
Casos coma a familia Joad, que se viron repentinamente na pobreza e na necesidade de buscar un traballo case inexistente para sobrevivir, foron desafortunadamente frecuentes na sociedade daquela época.
Se queres saber máis sobre a “gran depresión”, visita estas ligazóns:
http://www.artehistoria.jcyl.es/historia/contextos/3115.htm
http://es.wikipedia.org/wiki/Gran_depresión
http://www.monografias.com/trabajos7/depre/depre.shtml
ACTIVIDADES PARA DESPOIS DO VISIONADO
+ Actividade 1
A continuación podes ler un fragmento do guión da película (na versión castelá). Despois de analizalo, compara o que vén sendo o funcionamento duna gran compañía dirixida xerarquicamente dende arriba e o que podería ser unha fórmula cooperativa, na que o poder estivese repartido entre os seus distintos membros. Podería esta ser unha solución para os membros da familia Joad e os seus veciños? Discúteo cos teus compañeiros.
Fillo: ¿De quén é a culpa?
Axente: Xa sabes quén é o dono da terra. A Shawnee Land e Cattle Company.
Pai: ¿E quén é Shawnee Land e Cattle Company?
Axente: Non é ninguén. É unha empresa.
Fillo: ¿Teñen un presidente, non? ¿Teñen alguén que saiba para qué é unha escopeta?
Axente: Oh, rapaz, non é culpa súa, porque o banco dille qué facer.
Fillo: Moi ben, onde está o banco?
Axente: En Tulsa. ¿Para qué tomala con el? Alí no hai ninguén excepto o administrador. E xa está medio tolo tratando de cumprir coas ordes que chegan do Este.
Fillo: Entón, a quén disparamos?
Axente: Amigo, non o sei. Se o soubera, diríacho.
+ Actividade 2
A estrutura da película xira en torno á viaxe que realizan os protagonistas cara a California. Pero, ademais de tratarse duna viaxe física, nalgúns casos supón unha viaxe interior, unha transformación persoal. Tomando o personaxe de Tom Joad, como crees que evoluciona a medida que transcorre a viaxe en canto á súa mentalidade cooperativista ou de organización do traballo obreiro? Se podes, recolle algunha das frases que di, que demostren eses cambios de actitude.
+ Actividade 3
Clasifica aos personaxes da película segundo a súa actitude cara aos obstáculos económicos: cales deles serían CONFORMISTAS? Cales deles DESESPERANZADOS? E cales deles serían LOITADORES?
+ Actividade 4
Despois de consultar a información sobre a Gran Depresión dos 30, compara a situación social e económica da película coa historia recente de Galicia. Coñeces a algunha persoa que tivese que emigrar para buscar un futuro mellor? Pregunta na túa familia, é posible que houbese algún caso. Comparte a experiencia cos teus compañeiros e compañeiras de clase.
+ Actividade 5
Analizade as novas que aparecen nos xornais e na televisión, Que tipo de novas aparecen sobre a emigración? Porque vía pensas que chegan máis inmigrantes ilegais? En canto tempo conseguen os deportistas a nacionalidade española?
|