Presentación

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 2012 como o Ano Internacional das Cooperativas e resaltou a contribución das cooperativas ao desenvolvemento económico e social, especialmente o seu impacto na redución da pobreza, a creación de empregos e a integración social.


Baixo o lema “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor”, o ano internacional ofrece una magnífica oportunidade para mostrar o impacto das grandes e tamén das pequenas e medianas cooperativas que melloran significativamente a vida das persoas no mundo, ademais, ao crear conciencia sobre as cooperativas, o Ano contribuirá a fomentar o apoio e desenvolvemento deste tipo de empresas.


En especial permite destacar a importancia das cooperativas para o emprendemento e a xeración de emprego e, particularmente, que as cooperativas:

  • Ofrecen un enfoque de crecemento económico a longo prazo e oportunidades para articular e viabilizar proxectos.
  • Teñen unha importante resistencia á crise económica global e crean empregos sostibles en todos os sectores, evitando a deslocalización.
  • Procuran a satisfacción das necesidades dos socios e da súa contorna social, creando riqueza e benestar social.

Organizacións e institucións de todos os ámbitos que gardan relación co cooperativismo, están poñendo en marcha distintas actuacións para celebrar este ano internacional, desde a Alianza Cooperativa Internacional, ata os gobernos e institucións públicas, pasando polas organización representativas dos cooperativistas, estanse a desenvolver iniciativas cun importante esforzo de divulgación.


Na Comunidade Autónoma, estas iniciativas estanse xestionando de xeito cooperativo e coordinado entre a Consellería de Traballo e Benestar e as asociacións de cooperativas, que elaboraron unha programación conxunta para a realización de distintos actividades e eventos durante este ano 2012, no que Galicia segue sumándose ao cooperativismo.


A través desta páxina web pódese acceder á información relativa aos eventos programados e pódese realizar a inscrición para participar neles.

 

 

 

 

"As cooperativas son un recordatorio á comunidade internacional de que é posible perseguir a viabilidade económica e responsabilidade social".

Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas