O DÍA DO COOPERATIVISMO GALEGO REUNIRÁ MAÑÁ EN SANTIAGO A 500 COOPERATIVISTAS DE TODA GALICIA

6 de xullo de 2012| Día Galego do Cooperativismo

 

- O Pazo de Congresos acolleu hoxe, venres, a segunda xornada do Encontro Internacional Cooperativo, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar e o Consello Galego de Cooperativas
- A entrega dos premios a iniciativas cooperativistas e centros de ensino pecha mañá o programa galego de conmemoración do Ano Internacional do Cooperativismo


Santiago acolle mañá, sábado 7 de xullo, a conmemoración do Día Galego do Cooperativismo cun acto ao que se prevé a asistencia de 500 cooperativistas das catro provincias galegas. No evento entregaranse os Premios á Cooperación 2012, que na súa undécima edición recaeron na cooperativa de subministración agraria Os Irmandiños (Ribadeo); de formación e produción musical Sonaxe (Boiro); de distribución alimentaria Máis Galicia (A Coruña); e de rehabilitación de inmobles Nova Aseconia (Santiago).

O acto celébrase no Pazo de Congresos da capital galega –coincidindo tamén coa conmemoración mañá do Día internacional do cooperativismo- e inclúe diversas actividades organizadas co dobre obxectivo de favorecer as relacións entre as persoas que forman parte do movemento cooperativo galego e divulgar a importancia desta fórmula empresarial no tecido económico galego.

A entrega dos Premios dará remate ao programa de actividades organizadas co gallo da celebración do Ano Internacional das Cooperativas, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar e o Consello Galego de Cooperativas. Neste marco continúa hoxe, venres, o desenvolvemento do Encontro Internacional Cooperativo, que desde onte, xoves día 5, reúne en Santiago a expertos de distintos países europeos e hispanoamericanos para analizar as potencialidades da fórmula cooperativa nun contorno económico como o actual. A importancia desta fórmula en Galicia vén dada por feitos como que 1 de cada 11 fogares galegos conta cun asociado de cooperativas.

Alianzas para xerar riquezas nas comunidades
O director xeral de Produción Agropecuaria da Xunta, José Álvarez Robledo, presidiu a última hora desta mañá unha mesa redonda do Encontro centrada na produción cooperativa no contorno do rural, na que se destacou a importancia de conseguir alianzas que garantan que os cooperativistas participen de todo o proceso produtivo e de transformación, algo que, afirmaron, “é particularmente importante nos sectores agrario e gandeiro”.

Josefina Gonell, representante da organización valenciana Intercoop, salientou neste sentido que as alianzas permiten “deixar o emprego e os beneficios na comunidade, que é ao fin e o cabo o que todos buscamos”. Analizou en concreto o caso de Intercoop, que incorpora non só a produción agraria base senón tamén os procesos de transformación e empacado dos produtos; a venda a través dunha cadea de supermercados franquiciada; e mesmo servizos especializados en aspectos como o da calidade ou a innovación; e todo con base cooperativa.

Pola súa parte Jean Luc Duval, de Agrial-Florette (Francia), defendeu a unión de socios para a creación de cooperativas polivalentes, nas que as diferentes divisións compensen fortalezas e debilidades ata acadar un equilibro de éxito no mercado. Agrial-Florette facturou en 2.011 un total de 2.715 millóns de euros e dá emprego a 7.500 persoas, 1.150 delas en España.

O representante galego na mesa, José Luis Antuña, director xeral de Feiraco, defendeu a innovación e a cooperación como fórmulas de valor engadido para os produtos lácteos. Ao seu entender, a tendencia destrutiva dos mercados con respecto ao prezo pódese combater con “argumentos científicos” e liñas como as postas en marcha por esta cooperativa de poñer en valor o leite de calidade fronte aos múltiples produtos lácteos existentes hoxe no mercado.

Na xornada de hoxe, os participantes no Encontro coñeceron tamén as experiencias cooperativas de traballo asociado fóra do sector primario, concretamente nos ámbitos téxtil, da mensaxería, da tradución e da innovación e industrial, en lugares como Arxentina, Zaragoza, Bélxica e Galicia. Todos eles puxeron de manifesto a importancia das cooperativas como redes democráticas de creación de emprego, riqueza e benestar social.

 

 

 

"As cooperativas son un recordatorio á comunidade internacional de que é posible perseguir a viabilidade económica e responsabilidade social".

Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas