TRESCENTOS COOPERATIVISTAS REÚNENSE A PARTIR DE MAÑÁ EN SANTIAGO NUN ENCONTRO INTERNACIONAL

4 de xullo de 2012| O Encontro enmárcase na celebración este 2012 do Ano Internacional do Cooperativismo

 

O Encontro Internacional Cooperativo reúne a preto de trescentos cooperativistas a partir de mañá, xoves 5 de xullo, en Santiago de Compostela. Chegados de diferentes puntos de Galicia, España e de países como Ecuador, Perú, Bélxica, Francia ou Portugal, os participantes compartirán ao longo de dous días no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia casos de éxito no emprendemento cooperativo e no autoemprego. O foro está organizado pola Consellería de Traballo e Benestar e o Consello Galego de Cooperativas.

O Encontro enmárcase na celebración este 2012 do Ano Internacional do Cooperativismo. Forma parte dun amplo programa, no que se inclúe a celebración do Día do Cooperativismo Galego, o sábado 7 de xullo, e a exposición nunha mostra de produtos e servizos cooperativos.

Baixo o lema “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor”, no evento que se inaugura mañá amosaranse experiencias cooperativas xeradoras de emprego, riqueza e xustiza social en tempos de crise. Na primeira xornada, o director xeral de Relacións Laborais da Xunta, Odilo Martiñá, moderará unha mesa redonda sobre intercooperación ou colaboración en rede, na que intervirán destacados representantes de organismos vinculados á difusión e promoción desta fórmula empresarial en Europa e no mundo.

Completan o programa do xoves unha mesa redonda sobre experiencias cooperativas no ámbito dos servizos sociais e un debate sobre novas fórmulas cooperativas, tales como unha cooperativa de aforro e crédito para mulleres en Ecuador ou un proxecto de enerxías renovables en clave cooperativa en Cataluña. Os ámbitos rural e do traballo asociado protagonizarán os debates do venres, día no que tamén se abordarán as liñas de actuación públicas e privadas para o fomento do cooperativismo.

No Día do Cooperativismo Galego, o sábado 7 de xullo, terá lugar a entrega dos premios ás cooperativas Os Irmandiños (Ribadeo), Sonaxe (Boiro), Máis Galicia (A Coruña) e Nova Aseconia (Santiago). No acto concederanse tamén os galardóns do Certame Cooperativismo no Ensino, que nesta edición recaeron en centros escolares de Cee, A Coruña, Monfero, Barreiros, Moaña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ponteareas, Lugo e Betanzos.

Coincidindo con estas actividades o Pazo de Congresos acolle de forma simultánea e complementaria unha exposición de produtos e servizos cooperativos, na que participan máis de corenta cooperativas e organismos públicos vinculados á difusión desta fórmula empresarial.

Unhas 88.000 persoas participan do movemento cooperativo galego, agrupados ao redor de 1.136 entidades. O volume de facturación das empresas cooperativas galegas supera os 2,4 millóns de euros. A viabilidade desta fórmula empresarial en España, que actúa en todos os sectores económicos, queda demostrada polas 22.178 cooperativas existentes, responsables de 282.631 empregos.

 

 

 

"As cooperativas son un recordatorio á comunidade internacional de que é posible perseguir a viabilidade económica e responsabilidade social".

Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas