4 de xullo de 2012| O Igape informará sobre os programas como o re-Emprende, re-Imaxina e re-Acciona
A Consellería de Economía e Industria achegará información sobre as diferentes axudas e servizos habilitados coa fin de apoiar os novos investimentos ou as iniciativas para facilitar a mellora da competitividade ou a internacionalización das empresas aos asistentes ao Encontro Internacional Cooperativo que se desenvolve, a partir de mañá, 5 de xullo, no Palacio de Congresos de Santiago.
A través dun espazo habilitado para o Instituto Galego de Promoción Económica, a Consellería de Economía e Industria achegará información detallada sobre os diferentes servizos e axudas a disposición dos promotores de actividades empresariais, incluídas as cooperativas, en Galicia. Este encontro celebrase tamén co obxectivo de xerar máis e mellores empregos, mediante a realización de accións de asesoramento, formación e información dos diferentes axentes vinculados á promoción do cooperativismo e da economía social.
En concreto, responsables do Igape facilitarán durante o desenvolvemento deste evento internacional información sobre as liñas de apoio que están abertas na actualidade á presentación de solicitudes, como por exemplo a liña de apoio a grandes investimentos; o programa re-Emprende, para apoiar novos investimentos de novas pemes ou emprendedores, e o re-Imaxina, para apoiar investimentos de microempresas, novas pemes ou empresas que desexan mellorar a súa competitividade.
O Igape achegará igualmente información sobre o novo programa re-Acciona, que está impulsando para facilitar a prestación de servizos avanzados orientados a facilitar a mellora da competitividade das pemes; e sobre os servizos e apoios existentes para facilitar a internacionalización das empresas galegas.
O encontro organizado pola Consellería de Traballo desenvolverase, o 5 e 6 de xullo, baixo o lema “As cooperativas axudan a construír un mundo mellor”. Enmarcase nas actividades divulgativas e formativas do proxecto europeo COOPERA+, cofinanciado polo Programa De Cooperación Territorial España - Portugal 2007 -2013, que articula medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.
Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas