5 de xullo de 2012| O mandatario galego presidiu hoxe en Santiago a inauguración do Encontro Internacional Cooperativo
Asegura que valores como a solidariedade, a axuda mutua, a responsabilidade compartida, a equidade ou a igualdade, asociados ás cooperativas, “han de ser promovidos e apoiados desde os poderes públicos en todo momento”
Resalta as liñas de axuda da Xunta a estas iniciativas, cun orzamento total de 4,5 millóns de euros en 2012; o asesoramento e acompañamento, mediante a posta en marcha da Rede Eusumo, na que se teñen investido 300.000 euros no ano 2012; ou a Lei de Cooperativas, aprobada no Parlamento galego o pasado mes de decembro
Lembra que existen máis de 1.100 cooperativas en Galicia que superan os 88.000 asociados e que anualmente se crean entre 40 e 50 novas cooperativas cun número de socios novos de arredor de 1.500 cada ano
Resalta a importancia de lograr mercados máis alá das nosas fronteiras e de establecer alianzas con empresas doutros países logrando, ao tempo, demostrar que Galicia é solvente e merecedora de toda confianza para investir
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a necesidade de apoiar o cooperativismo debido á súa “importancia crecente” en todos os sectores de actividade, por ser unha fórmula empresarial “capaz de crear emprego en todos os ámbitos da actividade económica” e por ter demostrado unha mellor residencia fronte á crise. Así o asegurou esta tarde, durante o acto de inauguración do Encontro Internacional Cooperativo, que se está a desenvolver en Santiago.
Segundo o presidente “o cooperativismo é unha fórmula moi propicia nos momentos de dificultade económica e moi interesante nos momentos que estamos a vivir”. O responsable autonómico lembrou como a “ONU declarou este ano como o Ano das Cooperativas” e sinalou a importancia deste modelo económico que conta con “800 millóns de socios e máis de 100 millóns de empregos a nivel mundial”. Así, destacou a “importancia desde o punto de vista económico, desde o punto de vista social e desde o punto de vista de emprego desta fórmula de crear riqueza que se traslada a moitos lugares del mundo”.
“Debo dicir que Galicia non é allea a esta importancia crecente do cooperativismo en todos os sectores de actividade”, asegurou Feijóo, lembrando valores como a solidariedade, a axuda mutua, a responsabilidade compartida, a equidade ou a igualdade, asociados ás cooperativas, “son valores que han de ser promovidos e apoiados desde os poderes públicos en todo momento. E moito máis –apostilou-, nun contexto de dificultades como o actual”.
“Son valores que esquecemos en moitos momentos da nosa economía e que hoxe botamos de menos”. O presidente advertiu que “se eses valores estiveran presentes no momento do quecemento da economía, hoxe non estariamos na situación na que nos atopamos”. Deste xeito, Feijóo agradeceu “o traballo dos cooperativistas” e animounos “a seguir creando emprego e riqueza, que son os sustentos do benestar e que o benestar é sen dúbida algunha, a clave dunha sociedade moderna”.
Feijóo exemplificou a importancia das cooperativas en Galicia lembrando que existen máis de 1.100 cooperativas activas que superan os 88.000 socios (o que supón que existan cooperativas en 1 de cada 11 fogares galegos), que anualmente se crean entre 40 e 50 novas cooperativas (en 2010 creáronse 43 novas cooperativas e en 2011, 48), cun número de socios novos de arredor de 1.500 cada ano.
“É innegable, polo tanto, o impacto que as cooperativas teñen en calquera tecido produtivo e é por isto polo que, desde a Xunta de Galicia –argumentou-, somos conscientes da necesidade de apoiar este tipo de iniciativas”. Neste sentido, lembrou que o Executivo autonómico aposta polas cooperativas con apoio económico, mediante diferentes liñas de axuda que contan con un orzamento total de 4,5 millóns de euros en 2012; con asesoramento e acompañamento, mediante a posta en marcha da Rede Eusumo, unha iniciativa que promove a información e a formación para o autoemprego colectivo, así como a divulgación dos beneficios do cooperativismo e na que se teñen investido 300.000 euros en 2012; e coa mellora do marco lexislativo, coa reforma de Lei de Cooperativas, aprobada no Parlamento de Galicia o pasado mes de decembro. Unha reforma, lembrou “para superar o texto de 1998 e adaptarse á nova realidade dun contorno competitivo e global”.
Buscar a internacionalización e demostrar que Galicia é solvente e inspira confianza
Precisamente o carácter global das relacións comerciais actuais é o que obriga a considerar que o éxito dos proxectos empresariais depende hoxe, en grande medida, de cómo se adapten ao seu contorno de clientes e competidores, máis alá do mercado doméstico. Por iso, afirmou Feijóo, o propio carácter “internacional” deste encontro de cooperativas é a proba de que, cada vez máis, “todos nos demos conta de que se non se atende á exploración doutros mercados máis alá das nosas fronteiras; se non se tenta aprender das experiencias doutros países; ou se non se tentan establecer alianzas con empresas doutros países será moito máis difícil afrontar o futuro”.
“A innovación e a internacionalización resultaron dúas ferramentas fundamentais para afrontar con maior tenacidade e con mellores resultados a crise que nos axexa”. A este respecto, o presidente lembrou que Galicia é a comunidade con menos déficit público do conxunto de España, durante o ano 2009, durante o ano 2010 e durante o ano 2011”.
Nesta liña, o presidente da Xunta remarcou que Galicia está facendo un esforzo no sentido de estreitar lazos co exterior, por un lado, tentando axudar ás empresas galegas a mellorar a súa presenza exterior e aumentar as súas exportacións; e, por outro, traballando para ser unha comunidade solvente e que inspire confianza, para lograr que así se consoliden investimentos doutros países.
O presidente insistiu nos valores das cooperativas que comparte o Goberno da Xunta. Os cooperativistas sempre encontrarán na medida das nosas posibilidades, non só un aceno ás súas expectativas senón tamén a axuda que podamos outorgar de acordo coas nosas capacidades orzamentarias. Feijóo dirixiuse a “aquelas cooperativas do resto de España e de países que nos visitan” para asegurar que “Galicia é un lugar apropiado para investir a pesar de la situación económica que vivimos”.
Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas