Santiago, 20 de xuño de 2012| Galicia conmemora o Ano Internacional do Cooperativismo cunha reunión internacional
Cooperativas europeas e iberoamericanas participarán no Encontro Internacional Cooperativo que se celebrará en Santiago de Compostela, os días 5, 6 e 7 de xullo. Este foro está organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, e enmárcase na celebración este 2012 do Ano Internacional do Cooperativismo.
Expertos e asistentes abordarán temas como o cooperativismo ante a crise mundial ou as novas fórmulas de cooperación. As xornadas técnicas supoñen unha oportunidade única de coñecer outras experiencias de éxito e comparar os sistemas propios cos que se están a desenvolver noutros países, así como recoller ideas para novos proxectos emprendedores.
As xornadas terán lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia e nelas estarán representadas unhas trinta cooperativas e organismos vinculados ao fomento desta fórmula empresarial de Galicia, España e países como Ecuador, Arxentina, Perú, Bélxica, Francia ou Portugal. Baixo o lema As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor, presentaranse experiencias que destacan polo exercicio dos valores cooperativos e abordaranse especificamente as liñas de actuación públicas e privadas para o fomento do cooperativismo. Poden participar todos aqueles que así o desexen, cubrindo o boletín de inscrición na web da organización.
As xornadas formúlanse como un encontro de formación no que os participantes teñan oportunidade de compartir opinións. Pretenden difundir exemplos de boas prácticas no uso desta fórmula empresarial, tales como unha cooperativa de aforro e crédito para mulleres en Ecuador ou un proxecto de enerxías renovables en clave cooperativa en Cataluña. Desde Galicia, achegaranse casos de éxito ou de solucións creativas.
O Encontro forma parte dun programa conmemorativo máis amplo do Ano Internacional do Cooperativismo. Nel inclúese a celebración do Día do Cooperativismo Galego, coa entrega dos Premios ao Cooperativismo; unha Mostra Cooperativa de produtos e servizos cooperativos; e unha exposición dos traballos gañadores do Concurso de Pósters e Fotografías, convocado polo Consello Galego de Cooperativas.
A inscrición en todos os eventos programados é gratuíta. Pode realizarse antes do 25 de xuño a través da web www.cooperativasdegalicia.coop, do correo electrónico info@cooperativas2012.coop
Máis información:
Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas