30 de xuño de 2012| O Encontro reunirá a representantes de diferentes países europeos e iberoamericanos
Continúa aberto o prazo para inscribirse por Internet nestas xornadas técnicas e de formación, que terán lugar do 5 ao 7 de xullo
A Consellería de Traballo e Benestar e o Consello Galego de Cooperativas organizan este Encontro, que reunirá a representantes de diferentes países europeos e iberoamericanos
Un encontro internacional reunirá en Santiago de Compostela a cooperativistas europeos e iberoamericanos, os días 5, 6 e 7 de xullo, para poñer en valor esta fórmula empresarial como xeradora de emprego, riqueza e xustiza social en tempos de crise. O foro está organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, e enmárcase na celebración este 2012 do Ano internacional do cooperativismo. A inscrición é gratuíta e pode realizarse na páxina web da organización.
O evento forma parte dun amplo programa conmemorativo do Ano Internacional das Cooperativas, que se completa coa celebración simultánea dunha mostra cooperativa de produtos e servizos e co acto multitudinario de entrega dos Premios Cooperativos e do Certame Cooperativismo no Ensino no Día do Cooperativismo Galego, o sábado 7 de xullo. A inscrición en todos os eventos programados é gratuíta. Pode realizarse a través da web www.cooperativasdegalicia.coop, do correo electrónico info@cooperativas2012.coop ou do teléfono 981 569 040.
O Encontro está formulado como unhas xornadas técnicas e de formación, que supoñen unha oportunidade para coñecer as saídas laborais e profesionais que ofrecen o emprendemento cooperativo e o autoemprego. Expertos e asistentes ao Encontro Internacional Cooperativo compartirán experiencias de boas prácticas e cooperativas exitosas, tanto no aspecto económico como na creación de benestar social, baixo o lema "As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor".
Terán lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia con representación dunhas trinta cooperativas e organismos vinculados ao fomento desta fórmula empresarial de Galicia, España e países como Ecuador, Arxentina, Perú, Bélxica, Francia ou Portugal. Nas mesas redondas poranse en común de proxectos cooperativos de éxito nos ámbitos agrario, dos servizos sociais e do traballo asociado. Tamén se abordarán as novas fórmulas de cooperación e as redes internacionais, entre outros temas.
O cooperativismo galego reúne a 88.000 socios agrupados ao redor de 1.136 entidades. As empresas cooperativas galegas presentan un volume de facturación de máis de 2,4 millóns de euros. No referido á súa composición social, contan con menos socios de idade avanzada que os que corresponderían de seguir a pauta demográfica global, mentres que o incremento da presenza de mulleres segue unha tendencia ascendente.
Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas