A XUNTA PON EN VALOR AS COOPERATIVAS COMO FERRAMENTA E OPORTUNIDADE PARA A CREACIÓN DE EMPREGO E RIQUEZA

7 de xullo de 2012| Cincocentos asistentes ao acto de entrega dos Premios galegos á cooperación

 

A XUNTA PON EN VALOR AS COOPERATIVAS COMO FERRAMENTA E OPORTUNIDADE PARA A CREACIÓN DE EMPREGO E RIQUEZA

- Cooperativas de Boiro, Santiago, A Coruña e Ribadeo ven recoñecido o labor que desenvolven no ámbito da economía social
- A entrega dps Premios galegos á Cooperación pecha o programa conmemorativo do Ano Internacional das Cooperativas, celebrado baixo o lema “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor”


As cooperativas constitúen “unha ferramenta e unha oportunidade para a xeración de emprego e riqueza”, afirmou hoxe en Santiago o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, que salientou asemade que estas fórmulas empresariais están a demostrar a súa capacidade de resistencia nun contorno económico adverso como o que estamos a atravesar.

Odilo Martiñá presidiu esta mañá no Pazo de Congresos en Santiago o multitudinario acto de entrega dos Premios galegos á Cooperación, seguido por máis de 500 cooperativistas chegados das catro provincias galegas respondendo á convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar e o Consello Galego de Cooperativas. A importancia desta fórmula empresarial en Galicia vén dada por datos como os 80.000 socios e 28.000 empregos directos que xeran as 1.150 cooperativas existentes na Comunidade. O director xeral sinalou a importancia tanto cuantitativa como cualitativa destes datos, lembrando que se trata de “postos de traballo caracterizados pola súa estabilidade e contribución ao desenvolvemento social, á igualdade, conciliación da vida familiar e laboral, inserción da muller no mercado laboral e ao aprendizaxe permanente”.

Os Premios á Cooperación 2012 recaeron na súa undécima edición en Sonaxe (Boiro), Máis Galicia (A Coruña), Nova Aseconia (Santiago) e Os Irmandiños (Ribadeo). No caso de Sonaxe, dedicada á formación e produción musical, o xurado concedeulle o Premio aos Valores Cooperativos pola capacidade dos seus socios de organizárense e atopar estabilidade laboral a través da fórmula cooperativa e da xestión democrática.

Máis Galicia e Nova Aseconia comparten o premio ao mellor proxecto cooperativo. O xurado valorou a innovación de Máis Galicia, que fusiona a tradición na obtención dun produto alimentario certificado coas novas tecnoloxías na súa distribución. Mentres, Nova Aseconia destaca por lograr ser competitiva nun dos sectores de actividade máis danados pola crise, o da construción e rehabilitación de inmobles.

Pola súa parte, a traxectoria de Os Irmandiños foi recompensada co Premio á Promoción do Cooperativismo. Con sede en Ribadeo desde 1976, a facturación desta cooperativa de servizos e subministracións agrarias supera na actualidade os 30 millóns de euros, conta con máis dun milleiro de socios e está presente en máis de corenta concellos galegos e do occidente de Asturias.

Premios ao ensino
No acto entregáronse tamén os 13 premios do Certame Cooperativismo no Ensino, ao que concorreron centros escolares e de ensino profesional de toda Galicia. O obxectivo da convocatoria, de longa tradición no entorno escolar, é o fomento dos valores e actitudes cooperativas no seo do alumnado, promovendo a realización de actividades relacionadas co cooperativismo e impulsando esta fórmula de traballo como saída laboral nos centros de F.P.

Na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e vídeo resultaron premiados os alumnos do CPR Plurilingüe Andaina (A Coruña), do CPI Virxe da Cela de Monfero, do CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) e do CEIP San Miguel de Reinantes Barreiros. Nesta mesma modalidade recibiron un accésit os escolares de Manuela Rial Mouzo SLU Concertada de Cee, CEIP San Miguel de Reinantes e CEIP Domaio.

Na modalidade de actividades cooperativizadas, os traballos gañadores foron os dos alumnos de Educación Secundaria do Colexio M. Peleteiro de Santiago e do IES Pedra da Auga, de Ponteareas. Por último, tres alumnas de Educación Infantil do CIFP Compostela gañaron o Premio ao Mellor Proxecto Empresarial Cooperativo no apartado reservado aos centros de formación profesional, no que tamén foron recoñecidos cun accésit os traballos do CIFP Politécnico de Lugo e do IES As Mariñas de Betanzos.

O Día do Cooperativismo Galego pechou os actos conmemorativos en Galicia do Ano Internacional das Cooperativas, que se abriu o pasado xoves coa celebración dun Encontro Internacional seguido por 300 asistentes. No foro puxéronse de manifesto casos de éxito no emprendemento cooperativo e no autoemprego, desenvolvidos en diferentes países europeos e iberoamericanos.

 

 

Máis información:

 

"As cooperativas son un recordatorio á comunidade internacional de que é posible perseguir a viabilidade económica e responsabilidade social".

Ban Ki-moon, secretario xeral das Nacións Unidas