
As características diferenciadoras da cooperativa e máis en concreto os seus principios, nos remiten de forma directa o control do poder e da propiedade, e desde o punto de vista subxectivo, ó sentimento de integración ou compromiso coa organización. Esto significa que a maior parte do financiamento que precisa a empresa debería ser aportado polos socios, de xeito que tanto o seu control como a propiedade esté en más dos cooperativistas, e non de terceiras persoas.
O Capital da cooperativa é variable, pero cada socio debe realizar unha aportación mínima acordada nos estatutos, e a maiores pode realizar aportacións voluntarias, ata o limite do 33% do capital total da empresa. Deberíamos evitar no posible que entre os distintos socios existan grandes diferencias nas súas aportacións, xa que a longo prazo isto pode provocar problemas cando se dan de baixa, cando se transmite a súa aportación, e incluso levar a unha errada interpretación sobre a participación na cooperativa. Para solventar estes problemas podemos desviar este financiamento dos socios a outras fórmulas como os préstamos ou títulos de débeda.
As cooperativas están promovidas polos poderes públicos, tanto con rebaixa de impostos, como con axudas e subvencións específicas. Estos motivos non deben ser os principais para elixir esta fórmula xurídica, porque non debemos esquecer que as cooperativas contan cunha filosofía propia que esixe un gran compromiso co grupo primando as persoas fronte ós capitais. Isto debe terse moi en conta porque afectará a actividade e sobre todo ós obxectivos que tiveramos establecido para a nosa empresa. Unha consecuencia pode ser o propio financiamento, xa que ás socias da cooperativa que non tivesen moito diñeiro efectivo para aportar, logo de desembolsar o mínimo acordado por elas nos estatutos, poderían financiar o resto con pagos mensuais unha vez cobrado o seu salario. Isto sería un exemplo de flexibilidade e solidaridade, onde a cooperativa favorece a entrada daquelas persoas que desexan apostar pola empresa, independentemente de que non podan desembolsar nun principio toda a aportación.
Unha das máximas financeiras é a de manter o equilibrio entre os recursos e as necesidades a curto e longo prazo. O capital fixo (recursos a longo prazo) debe financiar o investimento a longo prazo e parte do investimento a curto prazo ou circulante. De non facerse así -e coas salvedades de cada actividade económica- é posible que a empresa teña problemas para facer fronte ós seus pagos chegados os vencementos.
A busca de novas fontes financeiras é unha tarefa primordial: (sociedades de capital-risco, capital-semente, viveiros de empresas, busca de socios, obligacionistas, prestamistas, socios colaboradores) pero débese conxugar coa permanencia do control do noso proxecto. Sen esquecer que o financiamento que nos faciliten terceiras persoas, xa sexan bancos, caixas, ou provedores, estarán precedidas de que poidamos ofrecer garantías.Isto vos vai obrigar a ter que facer un maior esforzo na configuración do Proxecto, sendo rigurosos e creibles ó establecer previsións, contribuíndo así a garantir a viabilidade e estabilidade da Empresa.
DECIDIR SOBRE AS DISTINTAS ALTERNATIVAS DE FINANCIAMENTO É AVALIAR, A OPORTUNIDADE, O CUSTE, O RISCO DE DEVOLUCIÓN, O TEMPO, E O CONTROL SOBRE A EMPRESA. |