1. Os traballos presentados deberán ser elaborados por un único autor ou equipo de autores, e deberán axeitarse á temática e contido do Encontro Internacional das Cooperativas, é dicir versará sobre calquera aspecto que teña relación con experiencias de boas prácticas ou de cooperativas exitosas, tanto no aspecto económico e social, de distintas partes do mundo.
2. A inscrición ao concurso é gratuíta e o prazo límite para a recepción dos traballos finaliza o 25 de xuño de 2012.
3. Para participar no concurso deberá cumprimentarse a ficha de inscrición ás xornadas integramente, e enviar o traballo en formato dixital ao correo info@cooperativas2012.coop sinalando a modalidade de participación: Póster ou Fotografía.
4. Poderán remitirse un máximo de 3 fotografías por autor ou equipo de autores.
5. Poderá remitirse un único póster por autor ou equipo de autores, que deberá ir acompañado dun resumo escrito, dun mínimo de dúas e un máximo de cinco páxinas, en formato DIN-A4, en Word, en tipo de letra Arial 12, a dobre espazo.
6. A selección de finalistas e a designación de gañadores, realizarase a través dun sistema mixto, no que participaran técnicos designados polo Consello Galego de Cooperativas que asignarán o 50% da puntuación outorgada a cada obra, adxudicándose o restante 50% mediante votación realizada a través da web.
7. As persoas elixidas como finalistas poderán ver os seus traballos destacados na exposición do Encontro Internacional de Cooperativas de Santiago de Compostela e serán obsequiados con material bibliográfico e promocional do Consello Galego de Cooperativas. Designaranse unicamente como gañadores aos traballos que acaden o primeiro, segundo e terceiro posto sendo obxecto de recoñecemento no Encontro Cooperativo mediante a entrega dun galardón de distinción como tales e publicando en sitio destacado o seu traballo, tanto na web cooperativasdegalicia.com como na Mostra exposición que acompaña ao Encontro Cooperativo.
8. Os traballos fotográficos e os pósters gañadores serán expostos na Mostra Cooperativa cos respectivos créditos. Así mesmo, poderán ser utilizados en diferentes publicacións e materiais impresos polo Consello Galego de Cooperativas. O autor ou autores autorizan expresamente ao Consello Galego de Cooperativas e a Xunta de Galicia para a utilización gratuíta e sen ánimo de lucro, das fotografías e posters presentados ao concurso.
"As cooperativas son un recordatorio á comunidade internacional de que é posible perseguir a viabilidade económica e responsabilidade social".