O vindeiro día 2 de xullo celébrase en Palas de Rei o Día do Cooperativismo Galego, coincidindo coa conmemoración internacional que exalta en todo o mundo os valores cooperativos.
O lema internacional elixido para este ano está directamente vencellado ao futuro das cooperativas e á súa capacidade para absorber e integrar activamente á xuventude. A xuventude: o futuro da empresa cooperativa é un lema en aparencia sinxelo pero en realidade cargado de simbolismo. Sen a incorporación da xuventude a cooperativa non ten futuro; polo que cobra especial importancia a labor de transmitirlles aos máis novos o interese e confianza no mundo cooperativo.
Neste día, os cooperativistas son os auténticos protagonistas co desenvolvemento dunha serie de actos de promoción dos valores que guían a súa actividade e, tamén, de recoñecemento do seu traballo. Con esta premisa, os actos teñen lugar nas instalacións dunha cooperativa sobre a que recae en 2011 a personificación do labor diario de todas as cooperativas galegas.
En Palas de Rei, as socias de Milhulloa, Sociedade Cooperativa Galega dedican o seu esforzo ao cultivo ecolóxico, transformación e comercialización de plantas medicinais e hortalizas. Unha actividade que representa en si mesma o afianzamento dos valores máis ancestrais do agro galego, pero enmarcados no devir do século XXI, procurándose a rendibilidade desde a innovación e o traballo en común. Exemplos como o de Milhulloa deben ser dados a coñecer, para demostrar na práctica á xuventude que desde o cooperativismo se poden acadar obxectivos económicos, sociais e persoais.
En nome do Consello Galego de Cooperativas anímovos a participar na celebración do noso Día en Palas de Rei, e compartir así experiencias que nos axuden a mellorar e a implicar a xuventude no futuro cooperativo.
Saúdos cooperativos
A presidenta do Consello Galego de Cooperativas
conselleira de Traballo e Benestar
Beatriz Mato Otero
Día do cooperativismo galego - Sábado, 2 de xullo de 2011
MILHULLOA, S. COOP. GALEGA.
Coto, 1 - Palas de Rei
Aviso legal