O 4 de xullo celebraremos o día do cooperativismo baixo o lema escollido pola Alianza Cooperativa Internacional para o ano 2015 “elixe cooperativismo: elixe equidade”. Acadar o maior grao de benestar posible para as persoas é un dos principais obxectivos da humanidade e, para conseguilo, promovemos o crecemento económico que nos permita desenvolver as nosas comunidades.
O desenvolvemento económico resulta básico para acadar a mellora das condicións de vida. Non obstante, de pouco valería esta mellora económica se non vén acompañada dunha mellora social. O grao de benestar acadado polas persoas está en función da calidade do desenvolvemento que, a súa vez, vén definida por parámetros tales como a eficaz utilización dos recursos dispoñibles, a sostibilidade e, especialmente, a equidade.
Un desenvolvemento carente de equidade ten efectos negativos graves tanto no ámbito económico, desacelerando o crecemento e impedindo a capitalización do capital humano, como no ámbito social: pobreza, exclusión social, desemprego… As cooperativas apoiándose nos valores que lles son propios teñen construído un modelo de desenvolvemento de calidade, enfocado cara as persoas para ofrecerlles unha forma digna e sostible de gañarse a vida e de contribuír ao benestar social das súas comunidades, proporcionando emprego, bens e servizos básicos de boa calidade.
Aplicando os seus valores e conxugando os resultados financeiros coa satisfacción das necesidades dos seus socios, as cooperativas convertéronse nunha ferramenta de inclusión económica e social de alcance mundial, facendo bo o axioma: a máis cooperativismo, máis equidade.
Nun mundo cada vez máis globalizado no que a desigualdade vai en aumento, as empresas cooperativas teñen demostrado a súa utilidade para combater a desigualdade en todas as súas manifestacións: pobreza e exclusión social, discriminación de xénero, raza ou orixe social,…
En particular e no ámbito da creación de emprego, o emprendemento ten na fórmula cooperativa unha ferramenta excepcional que lle permite conxugar resultados económicos e resultados sociais, baixo a óptica da equidade, achegando novas e eficientes solucións para os novos e vellos problemas. Solucións centradas nas persoas, que perduran e resultan sostibles precisamente por asentarse en valores como a equidade e a igualdade.
En nome do Consello Galego de Cooperativas anímovos a participar nos actos do día do cooperativismo galego, que terán lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Saúdos cooperativos,
A presidenta do Consello Galego de Cooperativas e conselleira de Traballo e Benestar
Beatriz Mato Otero