Importancia da celebración

O Consello Galego de Cooperativas o día 1 de xuño de 2012 aprobou a seguinte declaración:

O Consello Galego de Cooperativas aprobou unha declaración institucional de apoio ao Ano Internacional das Cooperativas.

No día de hoxe, 1 de xuño de 2012, o Pleno do Consello Galego de Cooperativas reunido en sesión extraordinaria baixo a presidencia da conselleira de Traballo e Benestar, aprobou unha declaración institucional de apoio á celebración do Ano Internacional de Cooperativas.

Texto da declaración institucional:

A ONU proclamou o ano 2012 como Ano Internacional das Cooperativas, destacando a súa importante contribución á construción dun mundo mellor e alentando aos estados membros e a todas as persoas e entidades interesadas, a promover as cooperativas e aumentar a conciencia sobre a súa contribución ao desenvolvemento económico e social.

O Consello Galego de Cooperativas quere sumarse a esta iniciativa e declarar a importancia e carácter nuclear que ten o cooperativismo, como elemento de creación de riqueza e benestar social en Galicia e particularmente a súa contribución a un desenvolvemento equilibrado e harmónico dos distintos territorios e das súas xentes.

As achegas que realiza o cooperativismo galego compren significarse tanto no aspecto cuantitativo, no que compre destacar os 88.000 socios agrupados ao redor de 1.136 entidades, como no aspecto cualitativo, polas súas achegas ao desenvolvemento de distintos sectores económicos, pola súa aposta polo emprego de calidade, e pola súa vocación social.

Non obstante, aínda queda moito potencial por desenvolver. Sendo importante a labor de divulgación e fomento do cooperativismo, ten marxe de actuación e mellora. E nese obxectivo compre implicar a todos os actores sociais, para que teñan en conta as oportunidades que ofrece o emprendemento cooperativo e, particularmente, o autoemprego como saída laboral e profesional.

Este Consello, como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo en Galicia, renova a súa aposta por achegar os valores e potencialidades do cooperativismo a toda Galicia e, de xeito especial, a todos os niveis de ensino, co obxecto de dinamizar os mellores recursos cos que contamos: ás persoas, e poñer en valor as súas capacidades, para un aproveitamento integral e sustentable dos recursos existentes.

Para facer realidade esta aposta, o Consello e a Xunta de Galicia, xunto coas asociacións representativas do cooperativismo, e outras institucións públicas e privadas, impulsan a posta en marcha de proxectos e a realización de actividades dirixidas ao fomento desta fórmula empresarial.

Invitamos a todas as persoas e institucións públicas e privadas a sumarse a celebración deste ano internacional, participando nos eventos previstos e asinando o manifesto galego a prol do cooperativismo. Animámolos, igualmente, a que contribúan á divulgación do cooperativismo, confiando en que, deste xeito, estarán colaborando a construír un mundo mellor.
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2012