A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, activou ao longo do ano 2007 un estudo sobre a evolución histórica, situación actual e potencialidades de promoción do cooperativismo no mar no ámbito galego.

Con este estudo, pretendíase orientar accións de apoio e promoción da fórmula cooperativa como ferramenta de desenvolvemento social e económico no sector do mar.

Neste sentido, inscríbese na implementación do Plan Estratéxico para o Cooperativismo.

A realización do estudo asentouse na análise de diversas fontes documentais, na implementación dunha enquisa ao conxunto de cooperativas do mar e na realización de entrevistas en profundidade a informantes clave; no ámbito da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, das cooperativas do mar, da Universidade e das distintas entidades que traballan no apoio ao cooperativismo.

Todo este proceso de traballo permitiu obter unha serie de conclusións para as perspectivas de investigación histórica, actual e prospectiva; que foron contrastadas cos axentes participantes no estudio nunha xornada de debate celebrada o 07 de novembro de 2007, nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).

Presentamos aquí un conxunto de informes que dan conta dos datos e as conclusións conformadas desde as diferentes perspectivas contempladas no estudo.

Preténdese, con esta iniciativa, reforzar a utilidade do esforzo investigador realizado, e potenciar a visibilidade social das contribucións e potencialidades que ofrece a fórmula cooperativa ao desenvolvemento actual do sector do mar.