Diario Oficial de Galicia

mércores, 7 de febreiro de 2001

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Número do Dog:27Páxina do Dog:1.590
Data da Disposición:18 de xaneiro de 2001
Sección:I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS
Rango:Decreto
Título:Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas.




A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, dedica o seu capítulo II do título IV á creación do Consello Galego de Cooperativas establecendo a súa natureza, funcións e composición.

Prevé así mesmo, o necesario desenvolvemento regulamentario que determine a estructura, a composición e as funcións dos órganos do consello, o sistema de elección e as súas atribucións, así como o número respectivo de representantes que correspondan tanto as entidades representativas do cooperativismo, como á Xunta de Galicia, concellos e universidades.

A disposición derradeira terceira da devandita lei faculta a Xunta de Galicia para que no prazo de dezaoito meses e por proposta do conselleiro competente en materia de traballo, dicte as normas necesarias para o seu desenvolvemento.

Dada a especial importancia do consello como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo en Galicia, así como o seu papel de canle de participación institucional do movemento cooperativo e a conveniencia de que os propios representantes das cooperativas participen na propia aplicación e desenvolvemento da normativa autonómica na materia, faise necesario complementa-la Lei de cooperativas de Galicia nos aspectos que posibiliten a constitución do Consello Galego de Cooperativas.

Establecese a súa inmediata entrada en vigor, dada a urxencia de contar con este órgano consultivo, atendendo así as peticións formuladas polo movemento cooperativo galego.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil un

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Do Consello Galego de Cooperativas.
O Consello Galego de Cooperativas é o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma de Galicia, constituíndose, ademais, como órgano consultivo e asesor das administracións públicas galegas naqueles temas que afecten ó cooperativismo.

Para o cumprimento dos seus obxectivos gozará de plena capacidade de obrar, axustando a súa actua

ción ás previsións contidas na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e nas normas de desenvolvemento dela.

Ademais da súa normativa específica, ó consello resultaranlle de aplicación as normas previstas nos artigos correspondentes ó título II, capítulo II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativas ós órganos colexiados.

O Consello Galego de Cooperativas adscríbese á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que lle asignará o persoal funcionario e os recursos económicos suficientes para o seu funcionamento.

Artigo 2º.-Sede.
O Consello Galego de Cooperativas ten o seu domicilio na cidade de Santiago de Compostela.

Artigo 3º.-Funcións.
1. Son funcións propias do Consello Galego de Cooperativas:
a) Facilitar e colaborar na investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e fomento do cooperativismo, prestando un especial interese polos programas da Unión Europea, así como promove-la educación e formación cooperativa.

b) Elaborar propostas, dictames e informes en relación coas cuestións que afecten ó cooperativismo.

c) Realizar estudios e impulsa-las accións encamiñadas a facilita-la intercooperación.

d) Emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos de disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou as súas organizacións, así como procura-la súa difusión.

e) Contribuír ó perfeccionamento do réxime legal e institucional do ordenamento socioeconómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Conciliar e exerce-la arbitraxe nas cuestión litixiosas que se susciten entre cooperativas, entre estas e os seus socios, ou no seo delas entre os seus socios, cando ámbalas partes o soliciten ou ben estean obrigadas a iso en razón ó establecido nos seus estatutos.

g) Promove-la educación e formación cooperativa nos distintos niveis do sistema educativo xeral.

h) Exercer tódalas accións que resulten necesarias para percibi-los fondos irrepartibles, así como o remanente do haber líquido social das cooperativas.

i) Percibir, planificar e xestionar mediante un programa específico os fondos de formación e promoción nos supostos previstos na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

j) As demais funcións que lle atribúa a Lei de cooperativas de Galicia e as súas normas de desenvolvemento.

2. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Galego de Cooperativas poderá participar nos organismos e nas institucións que contribúan ó desenvolvemento socioeconómico de Galicia, así como naqueloutros que poidan corresponderlle.

Artigo 4º.-Composición.
1. O Consello Galego de Cooperativas estará integrado polos seguintes membros:
a) O presidente, que será o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

b) O director xeral de Relacións Laborais.
c) Un representante por cada unha das seguintes consellerías:
-Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.
-Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
-Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
d) Un representante dos concellos de Galicia.
e) Un representante das universidades galegas.
f) Sete representantes das cooperativas galegas.
g) Un representante das cooperativas de crédito galegas.
Un dos representantes das cooperativas ocupará o cargo de vicepresidente.
2. O consello tamén contará cun secretario, que actuará con voz pero sen voto. Existirá un suplente de cada un dos vocais do consello e do secretario.

3. O consello poderá convocar ás reunións dos seus órganos a calquera persoa ou entidade que poida colaborar na consecución dos seus obxectivos, que asistirán con voz pero sen voto. A través do regulamento de réxime interno, poderá determinarse o resto de condicións de asistencia e participación e os criterios para a realización da convocatoria, especialmente daquelas asociacións que non conten con representación no consello, cando se traten asuntos propios da clase de cooperativas que agrupan.

Artigo 5º.-Nomeamento.
1. Os membros do Consello Galego de Cooperativas -agás o presidente e o director xeral de Relacións Laborais, que o serán en razón do seu cargo- e os suplentes serán nomeados e cesados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, por proposta dos titulares das distintas consellerías, no suposto do punto c) do número 1 do artigo anterior e a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias e do Consello Universitario de Galicia nos casos dos puntos d) e e) do mesmo artigo, respectivamente.

2. O nomeamento e cesamento dos representantes das cooperativas galegas será proposto polas unións,

federacións ou confederacións nas que aquelas se integren, legalmente constituídas, con actividade acreditada, e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, segundo a súa representatividade do seguinte xeito:

a) O número de representantes que poderá propoñer cada asociación será proporcional ó número de cooperativas que asocien.

Atribuirase a cada asociación o número de membros do consello que lles corresponda, de conformidade co cociente que resulte de dividi-lo número total de cooperativas asociadas en Galicia entre o número de representantes que se determinan no punto f), do artigo 4º.

De existir representantes sen atribuír, asignaranse, en orde decrecente, ás asociacións que conten cun maior resto de cooperativas asociadas.

O numero máximo de representantes que poderá propoñer cada asociación en ningún caso poderá ser igual ou superior ó 50% do total de representantes do cooperativismo.

b) Non terán dereito a propoñer representantes aquelas asociacións que non conten cun mínimo de cooperativas asociadas superior ó 5% do total das asociadas en Galicia, agás que se trate de unións que asocien o 75% das cooperativas inscritas e con actividade acreditada dunha mesma clase.

c) Para aplicación de límites e atribución de representantes, unicamente se terán en conta os datos obrantes no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, acreditados mediante a correspondente certificación.

Para estes efectos e para contabiliza-lo número de cooperativas asociadas ás federacións, teranse en conta as integradas indirectamente a través das unións asociadas sempre que a estas non lles corresponda propoñer representantes no consello, ou cedan global e voluntariamente a súa representatividade á federación. No caso das confederacións procederase de igual xeito e, de se-lo caso, teranse en conta as cooperativas integradas indirectamente a través das unións ou federacións.

No suposto de que o asociado sexa unha cooperativa de segundo grao, computaranse as cooperativas de primeiro grao integradas a través dela, sempre e cando non estean asociadas directamente na asociación.

3. O representante das cooperativas de crédito galegas será proposto por acordo das cooperativas de crédito inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia e con actividade acreditada.


4. O secretario será nomeado polo presidente do consello entre funcionarios con acreditada cualificación técnica na área do cooperativismo, adscritos á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e por proposta da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 6º.-Duración do mandato.
O nomeamento dos representantes da Xunta de Galicia, concellos e universidades, así como o do secretario, terá carácter indefinido, realizándose as substitucións por acordo do órgano encargado da súa proposta, que deberá ser comunicada ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o correspondente nomeamento.

Os representantes do cooperativismo serán nomeados por un período máximo de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substitución dos titulares ou suplentes durante o devandito período, por iniciativa da entidade que os propuxo. Finalizado este período procederase á súa renovación, adxudicando o número de representantes que corresponda propoñer a cada asociación, en función dos criterios establecidos no artigo 5 e segundo os datos pechados na data de renovación. Os membros saíntes continuarán tendo os seus cargos ata a toma de posesión dos nomeados.

Artigo 7º.-Funcionamento.
O consello funcionará en pleno e en comisión permanente, podéndose crear, ademais, comisións de traballo.

Artigo 8º.-O Pleno.
1. Ó Pleno, integrado por tódolos membros do consello e polo secretario, correspóndelle o exercicio das funcións previstas no artigo 3º do presente decreto, e ademais as seguintes:

a) Aprobar o Regulamento do réxime interno e as súas modificacións.
b) Constituír comisións de traballo, determinando os seus compoñentes.
c) Propoñer á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o orzamento anual do consello.

d) Calquera outra que puidera corresponder para o cumprimento dos seus obxectivos e non estea reservada a outro órgano.

2. O Pleno reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez cada seis meses, e con carácter extraordinario será convocado polo presidente a iniciativa propia, ou a petición da comisión permanente ou da cuarta parte de membros do consello.

Quedará validamente constituído cando concorran á reunión máis da metade dos seus compoñentes e necesariamente o presidente e o secretario ou quen os supla. Cada membro terá un voto, e o voto do presidente dirimirá os empates.

Os seus acordos serán adoptados por máis da metade dos votos validamente expresados, agás que para o suposto do que se trate o regulamento de réxime interno estableza unha maioría especial.

Artigo 9º.-A comisión permanente.
1. A comisión permanente estará integrada polo presidente, vicepresidente, secretario, e tres representantes das cooperativas e outros tres do resto de

membros do consello. Os membros electivos da comisión permanente serán designados polo Pleno, segundo o procedemento que se estableza no Regulamento de réxime interno.

2. Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) Executa-los acordos do Pleno.
b) Resolve-las cuestións de trámite e a xestión ordinaria.
c) Prepara-la orde do día e a convocatoria das reunións ordinarias do Pleno.
d) Coordina-las comisións de traballo.
e) Propoñer ó pleno as medidas que estime convenientes para o mellor funcionamento do consello.

f) Todas aquelas que lle sexan encomendadas polo Pleno.
3. Nas reunións da comisión, o director xeral de Relacións Laborais suplirá a ausencia do presidente, incluso para efectos de voto, exceptuándose a función de presidir que exercerá o vicepresidente.

Artigo 10º.-O presidente.
Ó presidente do Consello Galego de Cooperativas correspóndelle:
a) Te-la representación do consello.
b) Ordena-los pagamentos.
c) Elabora-la orde do día, de conformidade coa decisión adoptada pola comisión permanente, convocar, presidir e modera-las reunións do Pleno e comisión permanente, así como visa-las actas e certificacións dos seus acordos.

d) Todas aquelas funcións que lle sexan encomendadas polo Pleno.
Tódalas funcións do presidente son delegables no vicepresidente.
Artigo 11º.-O vicepresidente.
O vicepresidente será nomeado polo Pleno do consello de entre os representantes das asociacións de cooperativas e a súa proposta.

Correspóndelle ó vicepresidente atender, e se é o caso, presidir en representación do presidente aquelas comisións de traballo que o Pleno do consello determine constituír.

No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o presidente poderá ser substituído polo vicepresidente, que a súa vez e polas mesmas causas poderá ser substituído por un membro da comisión permanente elixido para tal efecto.

Artigo 12º.-O secretario.
Ó secretario correspóndelle:
a) Exerce-la coordinación técnico-administrativa do consello e custodiar a súa documentación.

b) Enviar ós membros do consello as convocatorias para a celebración do Pleno ou comisión permanente,

así como levantar actas das reunións de ambos órganos.
c) Expedir certificacións das actas, acordos e outros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do presidente.

d) As funcións que expresamente lle encomende o Pleno do consello.
Artigo 13º.-As comisións de traballo.
O Pleno poderá encargar ás comisións de traballo o estudio de cuestións concretas e a elaboración de informes e dictames.

As comisións de traballo que se constitúan extinguiranse polo cumprimento da finalidade para a que foron creadas, ou por acordo expreso do Pleno.

Artigo 14º.-Financiamento.
O consello contará cos seguintes recursos económicos:
a) As cantidades que lle asignen os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
b) As cantidades procedentes dos supostos previstos na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

Artigo 15º.-Dereito a indemnización dos membros do consello.
Os membros do Consello Galego de Cooperativas terán dereito a indemnización por asistencia ás reunións do citado órgano.

Disposicións adicionais
Primeira.-O Consello Galego de Cooperativas establecerá as súas regras de funcionamento mediante un Regulamento de réxime interno que será aprobado polo Pleno.

Segunda.-As resolucións do consello que teñan o carácter de actos suxeitos ó dereito administrativo poñerán fin á vía administrativa.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para que leve a cabo o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil un.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais




[Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]


© Xunta de Galicia 1998
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servicio prestado pola Consellería da Presidencia e Admón. Pública
URL: http://www.xunta.es/dog/dog.nsf
E-mail:
webdoga@xunta.es
inclu../imagenes/descargas/200406172047520.Decreto 25-2001-Galego.htm