Diario Oficial de Galicia

martes, 12 de febreiro de 2002

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Número do Dog: 31 Páxina do Dog: 1.623
Data da Disposición: 18 de decembro de 2001
Sección: I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo: CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS
Rango: Decreto
Título: Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia.




En virtude da competencia exclusiva en materia de cooperativas, con data 18 de decembro de 1998, foi aprobada a Lei 5/1998, de cooperativas de Galicia, que veu desenvolve-la previsión constitucional de fomento das sociedades cooperativas a través dunha lexislación adecuada.

Recoñece esta lei o carácter empresarial das cooperativas, tratando de potencia-la súa intervención competitiva no mercado a través de distintos mecanismos, entre os que se atopa como obxectivo declarado a dotación dunha regulación propia, avanzada, flexible e con vontade de estabilidade, que recolla as inquietudes destas entidades.

Con estas premisas creouse o Rexistro de Cooperativas de Galicia, como elemento aglutinador e continuador do servicio prestado polas seccións do Rexistro de Cooperativas da Xunta de Galicia, perfeccionándose a súa eficacia definida polos principios de publicidade material e formal, legalidade, lexitimación, prioridade e tracto sucesivo.

Nesta liña, potenciáronse as súas funcións incorporando a facultade de legalización de libros sociais e de recepción do depósito de contas anuais, entre outras, prestando especial atención á necesidade de coordinación rexistral, ó tempo que se preveu a figura de encargado do rexistro.

A referida lei, no seu título II, establece as características, organización e competencias deste rexistro, asignándolle as súas funcións ós distintos niveis e determinando outros aspectos básicos do seu funcionamento.Contempla, así mesmo, o necesario desenvolvemento regulamentario que concrete a súa organización e funcionamento, así como aqueles aspectos necesarios para a plena efectivización das previsións legais, e, na súa disposición derradeira terceira, faculta a Xunta de Galicia para que, no prazo de dezaoito meses e por proposta do conselleiro competente en materia de traballo, dicte as normas necesarias para o seu desenvolvemento.

En sintonía coa necesidade de completa-lo marco normativo específico para as cooperativas galegas, o regulamento que se aproba como anexo deste decreto configura o rexistro como un instrumento para a prestación dun servicio público que resulta necesario tanto para as propias cooperativas, como para terceiros e interesados en xeral, respectando o marco legal no que se insire e o mandato expreso da súa potenciación.

O carácter empresarial das sociedades cooperativas, a súa operatividade no mesmo mercado que as sociedades mercantís tradicionais, obrigan á súa equiparación nos aspectos referidos ó réxime de

garantías, reforzando a seguridade xurídica no tráfico mercantil, co obxecto de potencia-la súa intervención competitiva nos distintos mercados. Evidénciase, polo tanto, a necesidade de confluír coa práctica consolidada do Rexistro Mercantil, de cara a unha necesaria homologación de contidos, na liña apuntada polo lexislador.

O regulamento aborda a necesidade de compatibilizar esta homologación, dado o carácter xurídico do Rexistro de Cooperativas de Galicia e a súa adscrición a unha estructura administrativa típica, combinando as perspectivas das distintas normativas que conflúen na actuación rexistral, especialmente as referidas á regulación cooperativa, administrativa e mercantil, de xeito que permitan a necesaria aplicación dos seus aspectos substantivos.

Procúrase así mesmo a creación dun ámbito de actuación propio do Rexistro de Cooperativas de Galicia, dentro da Administración autonómica, para dotalo dunha maior eficacia dadas as súas peculiares características e a súa especialidade funcional.

Estructúrase o regulamento en dez capítulos, con cento oito artigos, dúas disposicións adicionais, sete transitorias e catro derradeiras.

O capítulo I contén as disposicións xerais relativas á organización, competencias e funcións do rexistro, explicitando o seu obxecto e natureza xurídica.

O Rexistro de Cooperativas de Galicia, adscríbese á consellería competente en materia de traballo, actualmente a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, estructurándose nun Rexistro Central dependente da dirección xeral competente nesta materia, actualmente a Dirección Xeral de Relacións Laborais, e nos correspondentes rexistros provinciais adscritos a cada unha das delegacións da consellería.

Concrétase a competencia de cada un dos rexistros en función do ámbito territorial das cooperativas, explicitando que o Rexistro Central, tamén resulta competente sobre as cooperativas de ámbito superior ó dunha provincia, que realicen principal e maioritariamente a súa actividade cooperativizada cos seus socios dentro do territorio da Comunidade Autónoma, reflectindo, neste punto, o necesario axuste ás modificacións operadas no ámbito da normativa estatal a través da Lei 27/1999, do 16 de xullo, de cooperativas.

Complétanse estas disposicións xerais coa definición de funcións dos rexistros, coa necesaria referencia ó seu réxime de funcionamento e ó carácter obrigatorio da inscrición, así como coa determinación do réxime competencial do encargado do rexistro e os requisitos e circunstancias para a súa designación.

O capítulo II reflicte os tradicionais principios inspiradores da actuación rexistral, xa enunciados pola propia lei galega, perfilándoos e complementándoos nos aspectos necesarios para a súa aplicación neste ámbito.

Saliéntase o carácter público do rexistro e indícase as formas nas que se realiza a publicidade, prevéndose tanto o acceso a copias dos libros, como o acceso por medios informáticos e a tradicional expedición de notas simples, se ben se reserva a certificación como único medio de acredita-lo contido do rexistro.

Os aspectos referidos ós libros do rexistro e ós asentos regúlanse nos capítulos terceiro e cuarto, respectivamente, contemplándose a incorporación dos medios informáticos.

O capítulo quinto regula a cualificación e o procedemento de inscrición, establecéndose a obrigatoriedade da cualificación para tódolos documentos que deban acceder ó rexistro, estendendo o peculiar sistema de cualificación previa ós distintos supostos de inscricións constitutivas.

Regúlase especificamente a cualificación das denominacións das entidades cooperativas, se ben tendo en conta que a competencia para expedi-la certificación negativa segue a tela a Sección Central do Rexistro de Cooperativas dependente da Administración do Estado.

Simplifícase o procedemento de cualificación e inscrición, eliminando trámites innecesarios e conxugando as características esenciais do procedemento administrativo e da práctica rexistral mercantil. Regúlase a emisión dunha nota de defectos específica por parte do encargado do rexistro, á vista da que cabe presentar alegacións ou emenda-los defectos observados.

A inscrición practicarase en virtude de resolución da autoridade administrativa competente, dictada como resultado da cualificación efectuada polo encargado do rexistro e a súa proposta, e contra ela caberán os recursos administrativos correspondentes ou reclamación previa á vía xudicial civil, de se-lo caso.

No capítulo sexto abórdanse os requisitos esixidos para as inscricións, tanto constitutivas como declarativas, entrando no detalle dos títulos e documentos que resultan preceptivos, forma de acreditación e todos aqueloutros aspectos que resultan necesarios para a inscrición dos distintos actos e negocios xurídicos.

Os depósitos e inscricións especiais, referidos tanto a seccións de crédito como a asociacións de cooperativas, son obxecto de regulación pormenorizada nos capítulos sétimo e oitavo, respectando o seu especial réxime de depósito

O capítulo noveno conta con dúas seccións diferenciadas que regulan procedementos que, por primeira vez en Galicia, se van asumir no rexistro propio das cooperativas; a primeira establece o relativo á legalización de libros e de nomeamento de expertos independentes, e a segunda regula o depósito de contas anuais.

Na legalización de libros contémplanse tódalas posibilidades que actualmente se están utilizando, tales como a presentación de libros en branco encadernados, a presentación de libros formados por follas soltas, e a legalización posterior de libros unha vez cubertos e encadernados, prevéndose un sistema simplificado de actuación administrativa para dotala de maior axilidade. Como excepción á norma xeral, a presentación debe facerse directamente nas dependencias do rexistro competente, dadas as características do trámite.

Para o nomeamento de auditores e outros expertos independentes por solicitude da cooperativa, establécese unha canle que debe contar coa decisiva intervención dos colexios profesionais correspondentes e que deberá facerse efectiva mediante os oportunos convenios de colaboración.

A regulación do depósito de contas das cooperativas concreta os documentos que hai que depositar e as súas características, homologándoas coas fixadas na normativa mercantil, engadindo a esixencia específica de presentación simultánea da certificación acreditativa do número de socios.

Clarifícase a eficacia deste depósito e poténciase o seu cumprimento mediante o pechamento da folla rexistral da cooperativa por falta de depósito de contas, se ben de forma matizada, dadas as especiais características destas sociedades.

O décimo e último capítulo reflicte a necesaria coordinación dos distintos rexistros e a incorporación de medios informáticos e de consulta suficientemente áxiles. A preocupación por unha adecuada coordinación rexistral obriga a definir con detalle as relacións entre os distintos rexistros, establecendo canles de comunicación e instrumentos unificadores dos criterios de cualificación.


As distintas posibilidades para formular consultas ó Rexistro de Cooperativas de Galicia sobre materias da súa competencia, tanto por parte das cooperativas e interesados en xeral, como polos encargados dos rexistros provinciais, xunto coa súa publicación, que se engade á prevista para as resolucións dos recursos e reclamacións, pode converterse nun elemento de primeira orde para consegui-la uniformidade dos criterios de cualificación e un alto grao de seguridade xurídica, na medida en que poida consolidarse unha práctica administrativa de referencia.

O tratamento informático de datos acumulados resérvase ó Rexistro Central, que xestionará un rexistro específico de carácter informativo, ó que poderá accederse por sistemas de comunicación telemática, e no que se poderán consulta-los datos básicos das sociedades cooperativas de Galicia.

As disposicións adicionais, transitorias e derradeiras regulan aqueles aspectos de carácter instrumental necesarios tanto para a correcta aplicación do regulamento como para facilita-la posta en marcha dos novos rexistros.

Contémplase a aplicación do procedemento administrativo común e da normativa mercantil e hipotecaria, con carácter supletorio, e préstase especial atención ó proceso de adaptación de estatutos previsto na disposición transitoria terceira da Lei de cooperativas de Galicia, publicando o calendario específico de carácter obrigatorio e as normas complementarias precisas para a adaptación dos estatutos das entidades cooperativas á devandita lei.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consultado o Consello Galego de Cooperativas, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:
Artigo único.-Aprobación do regulamento.
Apróbase o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia que se xunta como anexo a este decreto.

Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango contradigan ou se opoñan ó establecido neste regulamento dentro do seu ámbito de aplicación.

Disposición derradeira
Este decreto e o Regulamento do Rexistro de Cooperativas que se xunta entrarán en vigor ós trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil un.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
ANEXO
Regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto e natureza.
1. O Rexistro de Cooperativas de Galicia ten por obxecto a inscrición das sociedades cooperativas galegas e das súas asociacións, así como dos actos ou negocios xurídicos relativos a estas, nos termos establecidos na Lei de cooperativas de Galicia e neste regulamento.

Nos mesmos termos, tamén lle corresponde a legalización dos libros sociais e contables das referidas entidades, o nomeamento de auditores e outros expertos independentes, o depósito das contas anuais, e a publicidade e o tratamento estatístico

da información rexistral, así como levar a cabo aquelas actuacións que lle correspondan, conforme coas disposicións que as regulen.

2. O Rexistro de Cooperativas de Galicia ten natureza de rexistro xurídico, dependente da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Organización e competencia.
1. O Rexistro de Cooperativas de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de traballo, estructúrase no Rexistro Central dependente da dirección xeral competente nesta materia e nos rexistros provinciais dependentes das delegacións provinciais da referida consellería.

2. O Rexistro Central será competente respecto:
a) Das sociedades cooperativas de ámbito superior ó dunha provincia, que realicen principal e maioritariamente a súa actividade cooperativizada cos seus socios dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

b) Das cooperativas de crédito e de seguros.
c) Das cooperativas de segundo grao.
d) Das asociacións de cooperativas.
3. Os rexistros provinciais de cooperativas serán competentes respecto das restantes clases de cooperativas, nas que o ámbito territorial onde desenvolvan as súas actividades cooperativizadas cos seus socios non sexa superior ó da respectiva provincia.

Artigo 3º.-Normas complementarias para determina-la competencia.
Co obxecto de determina-lo carácter principal e maioritario da actividade cooperativizada, en relación co disposto na letra a) do número 2 do artigo anterior, computarase o volume de operacións de orde interna cooperativa realizadas pola cooperativa cos seus socios durante o último exercicio económico, no ámbito xeográfico correspondente. No caso de cooperativas en constitución terase en conta o domicilio social que se fixe estatutariamente, así como as previsións de actividade cooperativizada referidas ó primeiro exercicio económico.

Artigo 4º.-Funcións.
1. O rexistro de cooperativas asumirá nos diferentes niveis as seguintes funcións:

a) Cualificar, inscribir e certifica-los actos ou negocios xurídicos ós que se refire este regulamento.

b) Habilitar e legaliza-los libros obrigatorios das entidades cooperativas.
c) Recibir, cualificar e publica-lo depósito de contas anuais, remitíndolle copia ó Rexistro Mercantil competente, de se-lo caso.

d) Recibi-la certificación acreditativa do número de socios na data do peche de cada exercicio económico.

e) Aquelas que se establezan neste regulamento, ou nas disposicións que resulten de aplicación.

2. O Rexistro Central terá, ademais, as seguintes funcións:
a) Nomear auditores e outros expertos independentes, por solicitude das entidades cooperativas e por conta destas.

b) As relativas ás seccións de crédito.
c) Coordina-los rexistros provinciais de cooperativas, que axustarán a súa actuación ós criterios emanados do Rexistro Central e remitirán a este os datos puntuais que se soliciten no prazo máximo de cinco días.

d) A colaboración e coordinación con outros rexistros.
e) A ordenación, tratamento e publicidade da información rexistral acumulada.
f) Dictar instruccións e resolve-las consultas que sexan da súa competencia, en aplicación da normativa en materia de cooperativas.

Artigo 5º.-O encargado do rexistro.
1. Os rexistros de cooperativas estarán a cargo dun funcionario da Xunta de Galicia.

2. O encargado do rexistro de cooperativas designarase entre os funcionarios que posúan a necesaria formación en dereito cooperativo. Será mérito preferente estar en posesión da licenciatura en dereito, así como acreditar experiencia e formación rexistral.

3. Correspóndelle ó encargado do rexistro, nos termos previstos neste regulamento:

a) Cualifica-los documentos que pretendan acceder ós libros do rexistro e formula-la correspondente proposta de resolución, así como a emisión da nota de defectos, de se-lo caso.

b) Expedir certificacións sobre o contido dos asentos do rexistro e dos documentos depositados ou arquivados, así como a certificación prevista nos artigos 54º e 59º deste regulamento.

c) Legaliza-los libros das entidades cooperativas e inscribi-lo depósito de contas anuais.

d) Autentica-las sinaturas que se estampen na súa presencia para os efectos previstos neste regulamento.

e) Legaliza-los libros do rexistro e autoriza-los asentos, notas e dilixencias.
f) Dilixencia-lo proxecto de estatutos sociais sometido a cualificación previa.
g) As demais competencias previstas neste regulamento e nas disposicións que resulten de aplicación, así como as de carácter instrumental que resulten necesarias para o adecuado funcionamento do rexistro.

4. Correspóndelle así mesmo ó encargado do Rexistro Central de Cooperativas:
a) Efectua-lo nomeamento de auditores e outros expertos independentes, segundo o procedemento establecido nos artigos 92º e 93º deste regulamento.

b) Resolve-las consultas previstas no artigo 108 deste regulamento.
c) Elaborar instruccións, así como modelos e impresos normalizados para a súa utilización no ámbito rexistral.

d) Coordina-lo tratamento informático dos datos rexistrais e propoñer plans de formación para o persoal adscrito ós rexistros.

Artigo 6º.-Sistema de folla persoal e titulación pública.
1. O Rexistro de Cooperativas regulado por este regulamento, levarase polo sistema de folla persoal, que estará composta por un ou máis folios.

2. A inscrición no rexistro de cooperativas practicarase en virtude de documento público, e só poderá practicarse en virtude de documento privado cando así se estableza por lei ou neste regulamento e logo de lexitimación por notario, ou autenticación polo rexistro de cooperativas das sinaturas que conteña.

Artigo 7º.-Obrigatoriedade da inscrición e opoñibilidade.
1. A inscrición no rexistro terá carácter obrigatorio nos casos en que así se estableza expresamente na lei e neste regulamento.


2. A falta de inscrición non poderá ser invocada por quen estea obrigado a instala.

3. Os actos suxeitos á inscrición obrigatoria só serán opoñibles a terceiros de boa fe desde a data da súa inscrición.

Capítulo II
Principios inspiradores da actuación rexistral
Artigo 8º.-Legalidade.
1. O rexistro cualificará a legalidade das formas extrínsecas dos documentos sometidos a inscrición, así como a capacidade e lexitimación dos que os outorguen ou subscriban e a validez do seu contido con base no que deles resulte, e con referencia ós antecedentes rexistrais.

2. No caso de discordancia entre os títulos presentados para inscrición rexistral, co fin de coñece-los verdadeiros termos do seu contido, requirirase a entidade cooperativa para que achegue o correspondente libro social ou testemuño notarial deste, referido ó acordo ou acordos controvertidos.

3. O rexistro poderá solicita-la documentación complementaria e aclaratoria que resulte necesaria para levar a cabo a cualificación e inscrición do título.

Artigo 9º.-Lexitimación e fe pública.
1. O contido do rexistro de cooperativas presúmese exacto, válido e coñecido por todos, e non se poderá alega-la súa ignorancia. Producirá os seus efectos mentres non se inscriba a declaración xudicial da súa inexactitude ou nulidade.

2. Os dereitos que se adquiran en virtude dos actos e documentos válidos conforme o contido do rexistro, entenderanse adquiridos conforme a dereito.

3. A declaración de inexactitude ou nulidade dos asentos non prexudicará os dereitos de terceiros adquiridos de boa fe conforme o contido do rexistro.

4. A inscrición rexistral non valida os actos e contratos que sexan nulos de acordo coas leis.

Artigo 10º.-Prioridade.
1. O título que acceda primeiramente ó rexistro de cooperativas terá o carácter de preferente sobre os presentados con posterioridade.

2. A prioridade para efectos rexistrais adquírese segundo a orde de entrada no rexistro de cooperativas que resulte competente. Non obstante, os títulos e demais documentos inscribibles poderán presentarse en calquera das oficinas e rexistros ás que fai referencia a Lei procedemental administrativa. Para estes efectos a documentación presentada en lugar distinto do rexistro de cooperativas deberá ser remitida a este no prazo máximo de cinco días.

3. Inscrito ou anotado provisionalmente no rexistro calquera título, non poderá inscribirse ou anotarse ningún outro de igual ou anterior data que resulte oposto ou incompatible con el.

Artigo 11º.-Tracto sucesivo.
1. Para inscribir actos ou negocios xurídicos relativos a unha entidade cooperativa será precisa a previa inscrición desta.

2. Para inscribir ou anotar actos polos que se declaren, modifiquen ou extingan os actos ou títulos inscritos no rexistro de cooperativas, deberá constar previamente no dito rexistro a condición que lexitime a persoa que outorga ou no nome de quen sexan outorgados os títulos que conteñan os referidos actos.

3. A inscrición do nomeamento e cesamento de administradores, interventores e liquidadores, require a inscrición previa dos anteriores que, se é o caso, se producisen.

4. Para inscribir actos modificativos ou extintivos doutros anteriores, requírese a súa inscrición previa.

5. Interrompido o tracto sucesivo, recomporase mediante a inscrición daqueles actos que non fosen inscritos no seu momento, e practicarase de forma simultánea, outorgándolle a cada un o seu respectivo asento. Se concorresen circunstancias excepcionais, a inscrición dos cargos vixentes poderá levarse a cabo trala acreditación da publicación do contido do acordo de nomeamento de cargos sociais, nun

dos xornais de maior circulación da provincia do domicilio social, así como da notificación a tódolos socios da cooperativa.

Artigo 12º.-Publicidade.
1. O rexistro de cooperativas é público.
2. A publicidade do rexistro de cooperativas farase efectiva mediante a certificación expedida polo encargado do rexistro ou por nota simple. Tamén poderá realizarse a través de medios informáticos ou mediante a exhibición de fotocopias dos libros e documentos de arquivo a que fagan referencia os asentos rexistrais.

3. A certificación será o único medio de acreditar que fai fe o contido dos asentos do rexistro. Cando sexa literal poderá autorizarse mediante a utilización de calquera medio de reproducción. A expedición de certificados está suxeita á taxa por servicios administrativos nos termos establecidos legalmente, e deberase acredita-lo seu pagamento.

4. A nota simple expedirase no impreso elaborado polo Rexistro Central de Cooperativas, ou mediante fotocopia da folla rexistral.

5. O encargado do rexistro velará polo tratamento do contido dos asentos rexistrais, evitando a súa manipulación, e cumprindo as normas vixentes nas solicitudes de publicidade en masa, ou que afecten ós datos persoais indicados nos asentos.

Capítulo III
Dos libros e arquivos do rexistro
Artigo 13º.-Libros.
1. No Rexistro de Cooperativas levaranse os seguintes libros:
a) Libro diario.
b) Libro de inscrición de sociedades cooperativas.
c) Libro de legalizacións.
2. Ademais dos anteriores, no Rexistro Central de Cooperativas, levaranse:
a) Libro de inscrición de asociacións de cooperativas
b) Libro de depósito de seccións de crédito.
3. Os encargados do rexistro tamén poderán leva-los libros, cadernos e ficheiros auxiliares que estimen axeitados.

Artigo 14º.-Formalidades dos libros.
1. Os libros dos rexistros de cooperativas serán uniformes e axustaranse ó modelo elaborado polo Rexistro Central de Cooperativas. Deberán ser legalizados polo encargado do rexistro, co visto e prace da autoridade administrativa da que dependa.

2. Os libros comporanse de tomos, formados por follas móbiles que poderán confeccionarse por procedementos informáticos, numerados por orde de antigüidade. Cada un dos tomos estará composto polo número de follas persoais que se determine con inde

pendencia do número de folios que conteña, agás o libro diario, que conterá 250 folios útiles.

3. Os folios estarán numerados correlativamente respecto da correspondente folla persoal, se é o caso, selados co do rexistro competente e rubricados polo encargado do rexistro. Unha vez esgotado o folio abrirase a continuación un novo, asignándolle o seguinte número ordinal, e así sucesivamente. En tódolos folios haberá, na súa marxe esquerda, un espacio reservado para a práctica de notas marxinais.

4. O libro diario, o libro de legalizacións, o libro de depósito de seccións de crédito e os libros, cadernos e ficheiros auxiliares, poderán substituírse por arquivos informáticos que respecten as súas características esenciais.

Artigo 15º.-Libro diario.
1. No libro diario de presentación farase consta-la data de entrada dos documentos inscribibles no rexistro de cooperativas, o número do asento, así como o contido do asento de presentación.

2. Cada folio será autorizado polo encargado do rexistro, a continuación do último asento de presentación realizado neste e farase consta-lo número de asentos que contén.

Artigo 16º.-Libros de inscrición de entidades cooperativas.
1. Ós libros de inscrición de entidades cooperativas accederán os títulos e demais actos inscribibles, conforme a Lei de cooperativas de Galicia e a este regulamento.

2. Cada folio conterá a referencia ó libro, tomo e número de folla de inscrición de que se trate.

Artigo 17º.-Libro de legalizacións.
A legalización dos libros no rexistro onde figure inscrita a cooperativa anotarase na folla aberta á entidade no libro de legalizacións, na que figurarán os datos rexistrais relativos a esta, a clase de libros legalizados, o número dentro de cada clase, e a data de legalización.

Artigo 18º.-Libro de depósito de seccións de crédito.
1. No libro de depósito de seccións de crédito anotaranse tódolos actos ós que se refire o capítulo sétimo deste regulamento, e todos aqueles que se deriven deles e que deban acceder ó dito libro.

2. A cada sociedade cooperativa que presente para o seu depósito a preceptiva documentación para os efectos de crear unha sección de crédito, abriráselle a correspondente folla. Cada folio conterá a referencia ó libro, tomo e número de folla de que se trate, así como ó número de folla rexistral da sociedade cooperativa e rexistro onde figure inscrita.

Artigo 19º.-Ficheiro de entidades.
Os rexistros de cooperativas elaborarán, por medios informáticos, un ficheiro de entidades no

que constarán os datos básicos relativos a cada unha delas, para os efectos de facilita-la localización e consulta da súa situación rexistral.

Artigo 20º.-Arquivos.
1. Os títulos e documentos que accedan ó rexistro de cooperativas, formarán o expediente rexistral de cada entidade, que será custodiado nos arquivos do propio rexistro.

2. A documentación relativa ó depósito de contas e auditorías arquivarase separadamente nun expediente individualizado por cada entidade.

3. Tódolos documentos relativos á sección de crédito que teñan que depositarse no Rexistro Central de Cooperativas formarán un arquivo específico.


Capítulo IV
Dos asentos en xeral
Artigo 21º.-Clases de asentos.
1. Nos libros do rexistro estenderanse as seguintes clases de asentos: asentos de presentación, inscricións, anotacións preventivas, cancelacións e notas marxinais.

2. Se este regulamento non previse a clase de asento que lle corresponde ó documento obxecto de inscrición, o encargado do rexistro estenderá a correspondente anotación axustándose ás instruccións elaboradas polo Rexistro Central.

3. O encargado do rexistro autorizará coa súa sinatura os asentos e as notas ó pé do título, e poderá autorizar con media sinatura as demais notas e dilixencias.

Artigo 22º.-Ordenación dos asentos.
1. A primeira inscrición na folla aberta a cada entidade cooperativa será a relativa á súa constitución, ou a correspondente ós seus antecedentes rexistrais se estivese constituída e acceda doutro rexistro.

2. As inscricións practicaranse a continuación unhas doutras sen deixar espacio en branco entre elas, e a súa numeración será correlativa, consignadas en algarismos na súa columna respectiva, con sinatura do encargado do rexistro ó final de cada unha.

3. As anotacións preventivas, identificaranse mediante letras por orde alfabética na mesma columna cás inscricións, e levarán a referida sinatura.

4. A cancelación levarase a cabo do xeito que corresponda a cada clase de asento, estendendo nota marxinal de referencia no cancelado.

Artigo 23º.-Redacción dos asentos.
1. Os asentos do rexistro de cooperativas redactaranse en lingua galega.
Cando por medios informáticos se incorpore o texto dos títulos, ou a súa parte inscribible, que veñan

redactados en lingua castelá, accederán ó rexistro na dita lingua.
2. Dentro dos asentos as partes de liñas que non fosen escritas por enteiro inutilizaranse cunha raia.

3. Os asentos conterán clase, lugar e data do documento e datos da súa autorización, expedición ou sinatura, con indicación, segundo o caso, do notario, xuíz ou tribunal, ou funcionario que o expida, así como da correspondente resolución administrativa, cando proceda.

4. Elaboraranse preferentemente mediante a incorporación de texto do título sometido a inscrición. Cando isto non sexa posible ou non proceda, seguiranse as instruccións elaboradas polo Rexistro Central.

Artigo 24º.-Requisitos para a identidade.
Cando teña que facerse constar na inscrición a identidade dunha persoa, consignaranse:

a) Para as persoas físicas, as circunstancias persoais que, como mínimo, serán nome e apelidos, número de documento nacional de identidade, domicilio habitual, e nacionalidade, se é o caso.

b) Para as persoas xurídicas, a razón social ou denominación, os datos de identificación rexistral, o domicilio, e o número de identificación fiscal.

c) Para as comunidades de bens, as circunstancias persoais do partícipe, previamente designado polos comuneiros, con expresión do número de identificación fiscal da comunidade de bens.

d) Para a compañía familiar galega, as circunstancias persoais da persoa designada para a súa administración, así como o número de identificación fiscal e demais datos identificativos daquela.

Artigo 25º.-Reconstrucción do rexistro e rectificación de erros.
1. Se como consecuencia de causa de forza maior ou similar resultasen afectados os libros do rexistro, reconstruiranse os libros ou tomos a partir da folla ou folio que resultase destruída ou ilexible, notificándoselles ás entidades afectadas e tomando como base os datos que constan no rexistro de cooperativas, así como aqueles que lle poidan ser requiridos a aquelas.

2. Reconstruído o libro ou tomo, farase constar esta circunstancia por dilixencia do encargado do rexistro, quen procederá a practicar, a partir do último asento que se conserve, as anotacións ou inscricións destruídas, seguindo a súa correspondente orde. A continuación practicaranse os sucesivos asentos.

3. A rectificación de erros nos asentos realizarase segundo o previsto na normativa hipotecaria, en canto resulte de aplicación ás especiais características do rexistro de cooperativas.

Capítulo V
Da cualificación, da denominación das cooperativas e do procedemento
Sección primeira
Asento de presentación
Artigo 26º.-Contido do asento.
1. Presentado calquera documento que teña que acceder ós libros do rexistro, estenderase, por orde de entrada, o correspondente asento de presentación no libro diario.

2. De cada documento non se fará máis que un asento de presentación, aínda que este dea lugar a diferentes inscricións.

3. No asento farase consta-la denominación social da entidade, o solicitante, identificación do título, así como unha sucinta referencia ó acordo ou acordos que conteñan e que estean suxeitos a inscrición rexistral.

Artigo 27º.-Nota de inscrición.
Practicado o asento no libro que corresponda anotarase á marxe do de presentación a data daquel, tomo, folla e folio, así como o número ou letra do asento. Ó pé do título, que se lle devolverá ó interesado, estenderase unha nota análoga a esta.

Sección segunda
Da cualificación
Artigo 28º.-Cualificación.
1. Tódolos documentos presentados para a súa inscrición no rexistro serán cualificados polo encargado deste, co fin de que ós libros só accedan os títulos que cumpran os preceptos legais, regulamentarios e estatutarios de carácter imperativo.

A cualificación estenderase ós extremos sinalados no artigo 8º deste regulamento e basearase no que resulte dos documentos presentados e nos correspondentes asentos do rexistro. Na constitución das cooperativas ou modificación que afecte á súa clase, o encargado do rexistro tamén cualificará a clase de cooperativa.

2. Consideraranse faltas de legalidade nas formas extrínsecas dos documentos inscribibles as que afecten a súa validez segundo as leis que determinan a súa forma, sempre que resulten dos documentos presentados.

3. Do mesmo xeito, apreciarase a omisión ou a expresión sen claridade suficiente de calquera das circunstancias que necesariamente debe conte-la inscrición, a capacidade e lexitimación dos outorgantes, e a validez do contido dos documentos.

Artigo 29º.-Carácteres da cualificación.
1. A cualificación efectuada polo encargado do rexistro limitarase para os efectos de estender, suspender ou denega-lo asento solicitado.

2. A cualificación deberá ser global e unitaria por cada título, agás que proceda a acumulación.

3. O Rexistro Central de Cooperativas cursará as instruccións oportunas co fin de procura-la uniformidade dos criterios de cualificación.

Artigo 30º.-Efectos da cualificación.
1. Como resultado da cualificación, dictarase resolución en virtude da cal se procederá á extensión ou denegación do asento solicitado, segundo o procedemento previsto no artigo 36º e seguintes deste regulamento.

2. Se se aprecian defectos emendables, notificaráselle ó interesado a correspondente nota de defectos, suspendéndose a inscrición e estendéndose, por solicitude do interesado, anotación preventiva que manterá a súa vixencia ata a data de resolución do procedemento de inscrición.

Se os defectos fosen insubsanables, non poderá practicarse anotación preventiva.
3. Se os defectos apreciados afectasen a unha parte do título e non impedisen a inscrición do resto, poderá practicarse a súa inscrición parcial, logo de solicitude do interesado.

Artigo 31º.-Cualificación previa: alcance e eficacia.
1. A cualificación previa que consideran os artigos 15 e 74 da Lei de cooperativas de Galicia ten carácter de consulta e pode solicitarse nos supostos de constitución, modificación de estatutos sociais, fusión e escisión de cooperativas, así como no caso de transformación doutras sociedades en cooperativas.

2. Se como resultado da cualificación previa non mediasen defectos, o encargado do rexistro procederá ó dilixenciado do proxecto presentado, remitíndollo ó solicitante, con arquivo dunha copia.

Transcorridos tres meses desde a recepción do proxecto polo solicitante, sen que fose outorgada a escritura pública correspondente e solicitada a súa inscrición no rexistro de cooperativas, quedará sen efecto a cualificación efectuada.

Se o proxecto presentase defectos, o encargado do rexistro remitiralle ó solicitante a oportuna nota de defectos, con devolución do proxecto presentado.

Artigo 32º.-Cualificación previa: procedemento.
1. Os promotores facultados pola asemblea constituínte poderán, con carácter previo á elevación a pública da escritura de constitución, solicitar do rexistro de cooperativas competente a cualificación previa do proxecto de estatutos da sociedade cooperativa en constitución, agás acordo en contrario da propia asemblea.

Coa solicitude deberá presentarse un exemplar da acta da dita asemblea debidamente certificada polo secretario, co visto e prace do seu presidente, así como un exemplar do proxecto de estatutos sociais e o orixinal da certificación de que non existe inscrita outra sociedade con idéntica denominación, expedida pola sección central do Rexistro de Cooperativas dependente da Administración xeral do Estado.


2. A cualificación previa da modificación estatutaria poderá ser instada pola representación legal da cooperativa, presentando a certificación do acordo adoptado pola asemblea xeral e o texto modificado. No caso de que a modificación implique o cambio de denominación, tamén se deberá achega-la preceptiva certificación negativa de denominación.

Esta cualificación tamén a pode solicita-la cooperativa con carácter previo á adopción do acordo. Neste suposto o rexistro cualificará exclusivamente a legalidade do texto presentado, sen prexuízo nin menoscabo do seu sometemento á asemblea xeral.

Nos supostos de fusión, escisión e transformación aplicarase o previsto neste número en canto resulte procedente.

Sección terceira
Da denominación das entidades cooperativas
Artigo 33º.-Obrigatoriedade da certificación negativa.
1. Os promotores de entidades cooperativas deberán obte-la certificación acreditativa de que non figura inscrita outra entidade cooperativa coa mesma denominación cá que se pretende constituír. Deberán obter igualmente a dita certificación as cooperativas que pretendan modifica-la súa denominación.

2. En calquera caso, a referida certificación expedida polo Rexistro de Cooperativas dependente da Administración xeral do Estado, terá que se solicitar a nome dun promotor ou da propia entidade cooperativa, segundo proceda, e o orixinal vixente deberá incorporarse á correspondente escritura pública.

Artigo 34º.-Unidade e signos da denominación.
1. A denominación da entidade cooperativa será única, e non se admitirán siglas ou denominacións abreviadas como parte desta, agás as indicativas do tipo de entidade, que serán preceptivas, con independencia de que así figurasen ou non na certificación negativa, que non prexulga a cualificación que desta efectúe o Rexistro de Cooperativas no exercicio da súa exclusiva competencia.

2. A denominación deberá estar formada con letras do alfabeto, expresarase en lingua galega ou en calquera outra lingua, incluíndo necesariamente as palabras Sociedade Cooperativa Galega, ou a súa abreviatura S. Coop. Galega, agás que se trate de asociacións de cooperativas, que deberán incluí-los termos indicados no artigo 134 da Lei de cooperativas de Galicia.

3. Para a inscrición de denominacións sociais compostas polo nome de personalidades, requírese acreditar ante o rexistro de cooperativas competente a oportuna autorización expresa, cando así viñese imposta pola correspondente norma.

4. A denominación resulta modificada cando se supriman ou introduzan termos de carácter diferenciador na súa formación, con independencia da lingua na que se expresen.

Artigo 35º.-Prohibicións.
1. O rexistro de cooperativas non poderá inscribir entidades cunha denominación que non veña amparada pola correspondente certificación negativa.

2. As entidades cooperativas non poderán ter unha denominación social composta unicamente con nomes toponímicos, de organismos oficiais ou que coincida co nome, apelido, nomes ou apelidos de persoas.

A incorporación á denominación de adxectivos tales como autonómico, provincial, municipal ou de organismos ou entes públicos, require expresa autorización do organismo ou ente competente.

Tampouco poderán incluírse na denominación expresións que induzan a confusión respecto da clase e natureza da entidade cooperativa, obxecto social, ámbito, ou análogas.

3. As asociacións de cooperativas, para incluír na súa denominación a referencia a un ámbito xeográfico, cumprirán os requisitos que establecen os números 3 e 4 do artigo 133 de la Lei de cooperativas de Galicia.

Sección cuarta
Do procedemento para a inscrición
Artigo 36º.-Resolución.
1. O procedemento de inscrición tramitarase de acordo co previsto no presente regulamento, e coas normas de procedemento administrativo común no que resulten de aplicación. Terminará mediante resolución dictada pola autoridade administrativa da que dependa o rexistro.

2. Para estes efectos, o encargado do rexistro elevará a oportuna proposta de resolución fundada na cualificación efectuada que resultará determinante dentro do alcance do seu carácter. A proposta tamén poderá basearse na caducidade do procedemento.

Artigo 37º.-Prazos.
1. Nos termos previstos na Lei procedemental administrativa, a resolución expresa do procedemento de inscrición deberá notificarse no prazo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro de cooperativas que resulte competente, de acordo co previsto no artigo 2º deste regulamento.

2. A cualificación dos títulos suxeitos a inscrición, verificarase dentro dos trinta días seguintes á súa data de entrada no rexistro competente.

Realizarase no mesmo prazo o dilixenciado do proxecto ou a emisión da nota de defectos, previstos no trámite opcional de cualificación previa.

Artigo 38º.-Nota de defectos.
1. Se o encargado do rexistro apreciase defectos emendables, elaborará a correspondente nota comprensiva de todos eles, que lle será notificada ó solicitante para os efectos de emenda ou formulación de alegacións e achega de probas.

2. A redacción da nota de defectos será sucinta, citando os preceptos normativos e estatutarios ós que afectan en cada caso, así como as posibles contradiccións ou faltas de concordancia apreciadas. A nota será asinada polo encargado do rexistro.

3. Se a extensión dos defectos impedise a súa relación pormenorizada, a nota de defectos conterá unha remisión xeral ás normas que resultasen afectadas, sen prexuízo do dereito dos interesados a coñece-la totalidade dos defectos apreciados, para o que poderán presentarse no rexistro competente durante o prazo de alegacións.

Artigo 39º.-Emenda e alegacións.
1. Se existen defectos emendables, os interesados, á vista da cualificación efectuada polo encargado do rexistro, poderán emendalos ou formular escrito de alegacións no que se expoñan os extremos obxecto de reclamación e os motivos que fundamentan esta.

2. O prazo para emenda-los defectos ou formula-lo escrito de alegacións será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da notificación á que se refire o punto 1 do artigo precedente.O encargado do rexistro decidirá se reforma en todo ou en parte a cualificación inicial, ou se a mantén.

3. Procederá a cancelación do asento de presentación cando adquira firmeza en vía administrativa a resolución que denegue a inscrición.

Artigo 40º.-Recursos.
1. Contra a resolución da autoridade administrativa que poña fin ó procedemento de inscrición, os interesados poderán interpoñe-lo correspondente recurso ante o conselleiro competente en materia de traballo, ou, se é o caso, formular reclamación previa á vía xudicial civil.

2. Así mesmo, de non producirse a resolución expresa no procedemento de inscrición, os interesados poderán interpoñe-lo mencionado recurso contra a desestimación por silencio administrativo, ou formula-la devandita reclamación previa, de se-lo caso.

Artigo 41º.-Resolución do recurso.
1. O recurso, ou reclamación previa, instruirase e resolverase segundo o previsto na normativa do procedemento administrativo común. Se a resolución declarase procedente a inscrición, esta practicarase sen necesidade de efectuar novo asento de presentación.

2. Se se apreciasen defectos, e a resolución declarase que son emendables, estes poderán emendarse no prazo dos quince días hábiles seguintes á notificación da nota de defectos ó recorrente ou reclamante.

De non mediar emenda no prazo indicado, ou no caso de que a resolución declarase que non se poden emenda-los defectos, farase constar este extremo por medio de nota na marxe do asento de presentación.

3. As resolucións dos recursos, ou reclamacións previas, en materia rexistral, serán obxecto de publicación periódica, conxuntamente coa resolución das consultas previstas no artigo 108 do presente regulamento e nos mesmos termos.

Capítulo VI
Da inscrición e outros asentos
Sección primeira
Disposicións xerais
Artigo 42º.-Inscricións e outros asentos.
1. As inscricións, anotacións preventivas e as súas cancelacións practicaranse en virtude de resolución expresa dictada pola autoridade administrativa da que dependa o rexistro, ou en virtude de resolución xudicial ou administrativa dictada polo órgano competente.

2. Para practicar inscricións relativas ás cooperativas de crédito e de seguros, deberá acreditarse o cumprimento previo dos requisitos esixidos na súa normativa específica. Para estes efectos, a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia exercerá as funcións que lle correspondan sobre estas clases de cooperativas.

3. As notas marxinais, asentos de presentación e outras anotacións poderaas realizar directamente o encargado do rexistro, sen que medie resolución previa.

Artigo 43º.-Inscrición parcial do título.
1. A inscrición parcial prevista no artigo 30º deste regulamento pode levarse a cabo, logo de solicitude expresa do interesado, cando os defectos apreciados afecten a extremos de carácter potestativo ou cando a súa omisión rexistral quede suplida por norma legal, regulamentaria ou previsión estatutaria.

2. Igualmente, poderá practicarse inscrición parcial cando o título conteña varios acordos e algún deles teña defectos, e non afecte a validez dos outros, nin altere o tracto sucesivo.


3. Nestes casos, farase constar expresamente na resolución administrativa e na dilixencia do título os acordos que son obxecto de inscrición, expresando que esta non afecta os restantes.

Artigo 44º.-Actos inscribibles.
Con carácter xeral, as sociedades cooperativas deberán inscribir obrigatoriamente os seguintes actos:

a) A constitución da sociedade e as modificacións de estatutos sociais.
b) A fusión, escisión, disolución, reactivación, liquidación e transformación.
c) O nomeamento e cesamento de administradores, interventores, liquidadores, auditores e letrados asesores.

d) O nomeamento e cesamento de conselleiros delegados, así como as facultades conferidas.

e) Os apoderamentos e as súas modificacións, revogación ou substitución, exceptuando os outorgados para preitos ou os concedidos para a realización de actos concretos.

f) A emisión de obrigas.
g) A suspensión de pagamentos e crebas e as medidas de intervención administrativa.

h) As resolucións administrativas e xudiciais, nos termos establecidos legalmente.

i) A creación e peche das súas seccións de crédito.
j) Aquelas que modifiquen o contido dos asentos practicados.
k) Inscribiranse, así mesmo, aqueloutros actos ou contratos previstos pola Lei de cooperativas de Galicia, polo presente regulamento e pola normativa específica que resulte de aplicación.

Artigo 45º.-Requisitos formais.
1. Para a inscrición dos actos relacionados nos puntos a), b), d), e), f) e i) do artigo anterior, requirirase a súa constancia en escritura pública. Os actos ós que se refire o punto c), así como o cambio de domicilio social dentro do mesmo termo municipal, poderán inscribirse en virtude de certificación nos termos previstos neste regulamento.

2. Cando a cooperativa resulte obrigada a designar letrado asesor, en virtude do previsto no artigo 57 da Lei de cooperativas de Galicia, deberá constar nos títulos presentados para a súa inscrición, que os acordos figuran nos libros de actas dictaminados por este, indicando o seu número de colexiado.

3. As inscricións previstas nos puntos g) e h), realizaranse á vista das correspondentes resolucións administrativas ou xudiciais. Os actos e contratos que modifiquen o contido dos asentos practicados, inscribiranse en virtude de documento de igual clase ó requirido para a inscrición do acto que se modifica.

Artigo 46º.-Eficacia dos actos rexistrais.
1. De conformidade co artigo 101 da Lei de cooperativas de Galicia, a inscrición dos actos de constitución, modificación de estatutos sociais, fusión, escisión, disolución, reactivación e liquidación das sociedades cooperativas, así como a transformación en sociedades desta natureza, será constitutiva. Tamén terá eficacia constitutiva a inscrición das seccións de crédito e do seu regulamento, de acordo co previsto no artigo 10 da referida lei.

2. As restantes inscricións terán o carácter de declarativas.
Artigo 47º.-Prazo para solicita-la inscrición.
1. A inscrición dos actos que deban acceder ó rexistro debe solicitarse no prazo de trinta días, contados a partir do seguinte ó que se produce o acto, salvo que por disposición legal ou regulamentaria se estableza outro prazo.

2. O prazo para solicita-la inscrición da escritura de constitución será de dous meses desde o seu outorgamento.

3. O prazo para solicita-la inscrición da escritura pública de modificación de estatutos sociais, fusión, escisión, disolución, reactivación e liquidación, así como a transformación en sociedades cooperativas, será de tres meses desde o seu outorgamento.

Artigo 48º.-Obrigas fiscais e taxas.
1. Para o acceso ó libro de inscrición, será necesario acreditar previamente que se cumpriron as obrigas fiscais correspondentes ó título que se pretenda inscribir. Na primeira inscrición de sociedades, tamén resultará necesario comunica-lo número de identificación fiscal, que será consignado na folla correspondente.

2. As inscricións rexistrais están suxeitas a taxa por servicios administrativos nos termos establecidos legalmente, e deberase acredita-lo seu pagamento.

Artigo 49º.-Pechamento provisional da folla rexistral.
1. Procederá o pechamento provisional da folla rexistral no suposto e coas excepcións establecidas no artigo 99 deste regulamento, así como noutras disposicións legais.

2. O encargado do rexistro, ó anotar resolucións que impoñan o pechamento, fará constar literalmente a súa parte dispositiva.

3. A reapertura da folla rexistral efectuarase nos termos previstos neste regulamento, ou por resolución xudicial ou administrativa que dea lugar á cancelación do pechamento provisional.

Sección segunda
Da inscrición das sociedades cooperativas
Artigo 50º.-Constitución.
1. A solicitude de inscrición da constitución da sociedade cooperativa, deberá presentarse xunto cunha copia autorizada e outra simple da correspondente escritura pública.

2. De conformidade co número 1 do artigo 16 da Lei de cooperativas de Galicia, a escritura será outorgada polas persoas designadas para tal efecto pola asemblea constituínte con suxeición ós acordos adoptados por ela, agás que o sexa pola totalidade dos promotores, e deberá conter, como mínimo, os extremos previstos no número 2, do mesmo artigo e a data na que a cooperativa comezara as súas operacións.

3. Na inscrición farase constar necesariamente, ademais dos datos identificativos da escritura pública, a clase de cooperativa que se constitúe, a relación de promotores, os estatutos sociais, as circunstancias de desembolso de achegas e do capital social mínimo estatutario, a identidade das persoas designadas para desempeña-los cargos dos órganos sociais e calquera outro pacto ou acordo inscribible adoptado polos socios promotores.

Artigo 51º.-Acreditación do desembolso.
1. O total desembolso do capital social mínimo establecido estatutariamente acreditarase mediante certificación da entidade de crédito na que se realizou o depósito a favor da sociedade cooperativa en constitución, que se incorporará á referida escritura, cando se trate de achegas en diñeiro.

2. Cando se realicen achegas que non sexan en diñeiro, describiranse na escritura os bens e os dereitos que se acheguen, con indicación dos seus datos rexistrais, se é o caso, o título ou concepto da achega, así como o valor asignado a cada un deles e a identidade do promotor que as realice, incorporándose á escritura o informe de experto independente. Se existisen diferencias entre o valor atribuído polo experto e o aprobado polos promotores, farase constar expresamente. Procederá a denegación da inscrición cando o valor escriturado supere en máis dun 20 por cento ó atribuído polo experto; tamén procederá a denegación cando transcorran máis de seis meses entre a data do informe e a de outorgamento da escritura.

Artigo 52º.-Modificación de estatutos.
1. A solicitude de inscrición da modificación de estatutos, deberá presentarse acompañada dunha copia autorizada e outra simple da correspondente escritura pública.

2. De conformidade co artigo 74 da Lei de cooperativas de Galicia, a escritura pública de modificación de estatutos deberá conte-la certificación do acordo adoptado pola asemblea xeral. A certificación incorporará o texto completo dos artigos afectados pola modificación e acreditará o cumprimento dos requisitos previstos no número 1 do devandito artigo e nos propios estatutos da cooperativa.

3. A inscrición rexistral do cambio de domicilio social dentro do mesmo termo municipal, acordado polo consello rector ó abeiro do previsto no número 5 do artigo 74 da Lei de cooperativas de Galicia, poderá practicarse en virtude de certificación do acordo coas sinaturas do secretario e do presidente do consello rector ou do administrador único, se é o caso, lexitimadas notarialmente ou autenticadas polo rexistro de cooperativas. Neste caso tamén deberá acreditarse a comunicación ós socios.

4. Na inscrición faranse conta-los datos identificativos da escritura pública e os artigos dos estatutos sociais modificados, así como as circunstancias do desembolso de achegas no caso de incremento do capital social mínimo estatutario.

Artigo 53º.-Outros requisitos.
1. Para a inscrición dos acordos sobre cambio de denominación, cambio de domicilio, modificación do obxecto social ou do capital social mínimo, tamén se deberá acredita-la publicación do anuncio do acordo nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa. A publicación da inscrición destes acordos no Diario Oficial

de Galicia, será tramitada polo rexistro de cooperativas competente con carácter gratuíto.

2. Cando a modificación supoña un incremento do capital social mínimo estatutario, deberá acreditarse o seu desembolso da maneira indicada no artigo 51º, ou no caso de que o referido incremento estivese desembolsado con carácter previo á adopción do acordo, mediante certificación de tal extremo expedida polos administradores da propia cooperativa, acompañada de balance pechado o día anterior ó acordo de modificación.

3. No caso de que a modificación estatutaria implique o cambio da parte diferenciadora da denominación, tamén deberá incorporarse a certificación de que non existe outra sociedade coa mesma denominación.


Artigo 54º.-Fusión: procedemento.
1. A solicitude de inscrición deberá presentarse acompañada dunha copia autorizada e outra simple da escritura de fusión.

Así mesmo, acreditarase a publicación do anuncio do acordo de fusión de cada unha das cooperativas participantes nesta, no Diario Oficial de Galicia e nun dos diarios de maior circulación da provincia na que teñan o seu domicilio social cada unha das cooperativas.

2. Cando no rexistro competente para a inscrición da fusión non figuren inscritas a totalidade das entidades participantes nesta, tamén se achegará certificación literal dos asentos rexistrais que deban quedar vixentes de cada unha das sociedades que figuren inscritas no rexistro distinto, xuntando a copia dilixenciada do expediente rexistral, se é o caso, e declaración da inexistencia de obstáculos rexistrais para a pretendida fusión, asinada polo encargado do rexistro de orixe, o cal efectuará a correspondente anotación preventiva. No caso de que as cooperativas participantes na fusión estean inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia, os trámites previstos no presente número realizaranse de oficio.

3. Se na fusión participan sociedades laborais ou sociedades agrarias de transformación, resultará necesario acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación aplicable a estas.

Artigo 55º.-Fusión: escritura pública.
1. De conformidade co artigo 82 da Lei de cooperativas de Galicia, a escritura de fusión, que deberá ser única, incorporará as certificacións dos acordos adoptados por cada unha das asembleas xerais das cooperativas que se fusionan, acreditando o cumprimento dos requisitos previstos nos artigos 76, 77 e 78 da referida lei.

A escritura tamén incorporará o proxecto de fusión aprobado, o balance de fusión das sociedades que se extinguen e a declaración dos respectivos outorgantes sobre a inexistencia de oposición dos acredores ou, se é o caso, a identidade dos que se opuxe

ran, o importe do seu crédito, o seu aboamento ou as garantías que prestou a cooperativa, se é o caso.

A escritura deberá conter, ademais, os requisitos esixidos para a inscrición de constitución de cooperativas se a fusión se realiza mediante a creación dunha nova sociedade. No suposto de realizarse por absorción, e dese lugar a modificación estatutaria da sociedade absorbente, acomodarase ó previsto nos artigos 52 e 53 deste regulamento. En ámbolos casos, en canto resulte de aplicación.

2. A escritura terá validez para a cancelación das sociedades que se extinguen e para a inscrición da nova constituída ou modificacións da absorbente.

A cancelación realizarase de oficio no rexistro onde estivesen inscritas mediante un único asento con este fin, e, se é o caso, o rexistro que inscriba a fusión comunicaralles ós de orixe a inscrición realizada.

A inscrición da fusión practicarase facendo consta-los datos identificativos da escritura pública e os extremos previstos neste regulamento para a constitución ou modificación de estatutos, segundo se trate dunha nova sociedade ou dunha absorción, en canto resulten aplicables, así como as demais circunstancias do acordo de fusión e os datos rexistrais das entidades que se extinguen.

Artigo 56º.-Escisión de cooperativas.
1. A inscrición da escisión de cooperativas regularase polas normas establecidas nos artigos anteriores para a fusión en canto resulte de aplicación.

En todo caso, deberá especificarse se a escisión leva aparellada a extinción da cooperativa e se as cooperativas beneficiarias da escisión son de nova creación ou se existían con anterioridade.

Tamén se acreditará, mediante certificación que se incorporará á escritura, o total desembolso das achegas subscritas polos socios da cooperativa escindida.

2. Resultará competente para inscribi-la escisión o rexistro onde figure inscrita a cooperativa que se escinde. A escritura de escisión terá validez para tódalas inscricións que se deriven desta.

3. No caso de que a inscrición das cooperativas do nova creación ou das absorcións resultantes deban realizarse no rexistro distinto do que inscriba a escisión, o rexistro de orixe trasladará copia do expediente de escisión, xuntamente coa copia da folla e expediente rexistral ós rexistros que resulten competentes para a inscrición da nova cooperativa, que procederán ás oportunas inscricións rexistrais e a comunicar esta ós rexistros de orixe.

4. De producirse a extinción da cooperativa escindida, o rexistro procederá á cancelación dos asentos rexistrais referidos a esta. No caso de segregación, inscribirase esta na folla aberta á cooperativa segregante. En ámbolos casos, o asento practicarase logo de realizadas as inscricións das cooperativas de nova creación e/ou das absorcións resultantes.

Artigo 57º.-Transformación de cooperativas noutras sociedades: procedemento.
1. A transformación de sociedade cooperativa en sociedade civil ou mercantil farase constar en escritura pública de conformidade co artigo 84 da Lei de cooperativas de Galicia, outorgada pola sociedade e por tódolos socios que pasen a asumir algún tipo de responsabilidade persoal polas débedas sociais. Con carácter previo á súa presentación no rexistro que resulte competente para a súa inscrición, deberá obter do rexistro de cooperativas onde figura inscrita a certificación á que se refire o número 1 do artigo 59 deste regulamento.

2. A solicitude da certificación anterior deberá presentarse xunto cunha copia autorizada e outra simple da escritura, e do ingreso de taxa por certificación. Cando se trate de cooperativas de crédito e de seguros, deberá xuntarse a autorización previa dos organismos competentes.

Tamén deberá acreditarse a publicación do acordo nun dos diarios de maior circulación da provincia onde se sitúe o domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 58º.-Escritura pública de transformación noutra sociedade.
1. De conformidade co previsto no artigo 84 da Lei de cooperativas de Galicia, o acordo de transformación, co balance, nos termos previstos na letra b) do número 2 do citado artigo, e coas mencións igualmente sinaladas na mesma letra deberá elevarse a escritura pública, que incorporará informe dos expertos independentes sobre o patrimonio social, que serán designados de conformidade co previsto na lexislación mercantil, ou, no seu defecto, polo Consello Galego de Cooperativas.

A escritura pública de transformación tamén deberá recoller, se é o caso, a relación dos socios que exercesen o dereito de separación e o capital que representen; en tal caso incorporarase á mencionada escritura o balance final pechado o día anterior ó do outorgamento dela.

2. Na certificación do acordo de transformación adoptado pola asemblea xeral, deberá consta-lo cumprimento dos requisitos legais ou estatutarios para a súa adopción, así como a inexistencia de socios que exercesen o dereito de separación, de se-lo caso.

3. Esta certificación deberá complementarse coa declaración das operacións realizadas en aplicación do número 4 do artigo 84 da Lei de cooperativas de Galicia, con expresión das cantidades transferidas á nova sociedade e sobre as que o Consello Galego de Cooperativas teña a condición de acredor preferente, así como das cantidades postas á disposición deste e os seus conceptos, e coa certificación bancaria do ingreso realizado a favor do citado órgano.

Artigo 59º.-Emisión da certificación e efectos da inscrición.
1. De conformidade co establecido no artigo 84 da Lei de cooperativas de Galicia, solicitarase do rexistro de cooperativas competente, logo de acreditación do destino das cantidades a que se refire o número 4 do citado artigo, certificación na que consten a transcrición literal dos asentos que deban quedar vixentes e a declaración de inexistencia de obstáculos para a inscrición da transformación.

2. A certificación na que conste a declaración de inexistencia de obstáculos emitirase polo rexistro onde figure inscrita a cooperativa, logo de resolución favorable fundada no cumprimento dos requisitos establecidos na Lei de cooperativas de Galicia e neste regulamento. A propia certificación deberá conte-la transcrición literal dos asentos que deban quedar vixentes, así como a constancia da anotación preventiva que este rexistro debe efectuar. Inscrita a transformación no rexistro que corresponda, este comunicarallo de oficio ó de cooperativas, que procederá á cancelación dos asentos relativos á sociedade.

3. Se non resultase obrigatoria a inscrición da sociedade transformada, a resolución prevista no número anterior, ordenará a inmediata cancelación dos asentos rexistrais da cooperativa transformada.

A cancelación farase constar por un único asento, no que figurará o rexistro onde foi inscrita a sociedade transformada, así como a súa denominación e datos rexistrais, a identificación da escritura de transformación, o balance e as operacións indicadas no número 3 do artigo 58º deste regulamento, e a data de finalización do prazo de afectación dos importes transferidos á nova sociedade.

Artigo 60º.-Transformación doutras sociedades en cooperativas: procedemento.
1. A transformación doutras sociedades ou agrupacións de carácter non cooperativo en sociedades cooperativas, farase constar en escritura pública outorgada pola entidade e por tódolos socios que teñan asumida responsabilidade persoal polas débedas sociais.

2. A solicitude de inscrición deberá presentarse no rexistro de cooperativas, xuntando unha copia autorizada e outra simple da escritura pública de transformación.


Tamén deberá presentarse certificado do rexistro onde figure inscrita a entidade, se é o caso, na que conste a declaración da inexistencia de obstáculos para a inscrición da transformación, a transcrición literal dos asentos que deban quedar vixentes e a anotación preventiva de transformación.

Para a transformación en cooperativas de crédito e de seguros, deberá xuntarse autorización previa dos organismos competentes.

3. A inscrición da escritura de transformación practicarase a continuación da relativa ós antece

dentes rexistrais da entidade transformada, e nela faranse constar ademais dos datos identificativos da escritura pública, os extremos previstos neste regulamento para a constitución, o balance da sociedade e calquera outro acordo inscribible.

Inscrita a transformación, o rexistro de cooperativas comunicarallo de oficio ó rexistro onde figuraba inscrita a entidade, que procederá á inmediata cancelación dos asentos relativos a esta.

Artigo 61º.-Escritura pública de transformación en cooperativas.
A escritura pública de transformación expresará necesariamente o cumprimento de tódolos requisitos e as mencións esixidas pola Lei de cooperativas de Galicia para a constitución dunha cooperativa e deberá conter, como mínimo, o seguinte:

a) Certificado do acordo adoptado pola xunta xeral, ou mediante o sistema válido equivalente para facer consta-la vontade social que acredite o cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación aplicable para a adopción do acordo.

b) Balance da sociedade, pechado o día anterior ó do acordo de transformación, así como o informe dos expertos independentes sobre o patrimonio social. No caso de existir socios que exercesen o dereito de separación, deberá incorporarse relación comprensiva de todos eles e do capital que representen, así como balance final pechado o día anterior ó do outorgamento.

c) Os documentos e mencións esixidas pola lexislación aplicable á entidade que se transforma.

d) Os estatutos sociais.
e) O certificado negativo de denominación.
f) Relación dos socios cos seus datos de identificación persoal ou a denominación ou razón social, a actividade comprometida, e o importe e clase das achegas recoñecidas a cada un deles, así como a súa participación nos fondos de reserva repartibles, se é o caso.

Artigo 62º.-Disolución.
1. A inscrición da disolución das sociedades cooperativas practicarase de oficio, ou por petición de calquera interesado, cando a disolución se producise polas seguintes causas:

a) Por cumprimento do termo fixado nos estatutos, sen que medie acordo en contrario da asemblea xeral da cooperativa nos termos previstos no artigo 86 da Lei de cooperativas de Galicia.

b) Polo transcurso do prazo fixado no presente regulamento, sen que se adaptasen os seus estatutos á Lei de cooperativas de Galicia e se solicitase a súa inscrición no rexistro de cooperativas competente.

c) Por descualificación da sociedade cooperativa nos termos previstos no artigo 141 da Lei de cooperativas de Galicia.

2. De conformidade co previsto no artigo 87 da Lei de cooperativas de Galicia, a inscrición da disolución da cooperativa por causas distintas das indicadas no número anterior, practicarase en virtude de escritura pública. A solicitude de inscrición acompañarase dunha copia autorizada e outra simple da escritura, a acreditación da publicación do anuncio nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia.

Tamén se practicará a inscrición, en virtude de testemuño xudicial da sentencia firme pola que se declare a disolución da sociedade.

3. A escritura pública deberá conte-lo certificado do acordo adoptado pola asemblea xeral, que acredite o cumprimento dos requisitos previstos na Lei de cooperativas de Galicia e nos propios estatutos da cooperativa, con indicación expresa, se é o caso, da causa ou causas que motivaron a disolución.

4. A inscrición especificará a causa ou causas que determinan a disolución e a identificación da escritura pública ou, se é o caso, das resolucións xudiciais ou administrativas.

As inscricións de disolucións prevista no número 1, ou as practicadas por resolucións xudiciais, deberan ser publicadas no Diario Oficial de Galicia, tramitándose polo rexistro de cooperativas competente con carácter gratuíto.

Artigo 63º.-Liquidadores e interventores da liquidación.
1. O nomeamento e cesamento dos liquidadores inscribirase en virtude dos títulos e requisitos previstos, e segundo o procedemento establecido, nos artigos 68º e 69º deste regulamento para o nomeamento de administradores ou, se é o caso, en virtude de resolución administrativa ou xudicial.

2. Para a inscrición do nomeamento e cesamento dos interventores da liquidación, será precisa a correspondente resolución xudicial ou administrativa.

3. Na inscrición faranse consta-los datos identificativos do título inscribible e das persoas designadas ou cesadas, a data de nomeamento ou cesamento, así como as circunstancias da súa designación, de se-lo caso.

A inscrición do nomeamento de liquidadores e do cesamento de administradores será simultánea e requirirá a aceptación previa dos nomeados.

Artigo 64º.-Reactivación da sociedade cooperativa.
1. A inscrición da reactivación da sociedade cooperativa, practicarase en virtude de escritura pública. Á solicitude de inscrición xuntaráselle unha copia autorizada e outra simple da escritura, acreditación da publicación do anuncio nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia.

2. A escritura pública deberá conter certificado do acordo adoptado pola asemblea xeral que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 88 de la Lei de cooperativas de Galicia e nos propios estatutos da cooperativa, e o nomeamento dos administradores e interventores nos termos previstos neste regulamento. A escritura deberá incorporar balance pechado o día anterior ó acordo de reactivación e, se a causa da disolución foi a creba, tamén deberá incorporarse copia do convenio acordado cos acredores.

3. Na inscrición faranse consta-los datos identificativos da escritura pública e das persoas elixidas como administradores e interventores.

Artigo 65º.-Cancelación: procedemento e efectos.
1. De conformidade co artigo 95 da Lei de cooperativas de Galicia, unha vez rematada a liquidación e materializada esta, os liquidadores outorgarán a escritura pública de extinción que se inscribirá no rexistro de cooperativas competente e que terá eficacia para a cancelación dos asentos rexistrais da sociedade.

2. A solicitude de cancelación presentarase xunto cunha copia autorizada e outra simple da escritura pública de extinción. Tamén se deberá acredita-la publicación do anuncio relativo á aprobación do balance final de liquidación e do proxecto de distribución do activo, nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia.

Coa mencionada solicitude deberán xuntarse para o seu depósito os libros e documentos da cooperativa, debidamente identificados e relacionados coa sinatura lexitimada notarialmente ou autenticada polo rexistro de cooperativas, que se conservarán no rexistro durante un período de seis anos desde a data do asento de cancelación.

3. A cancelación farase constar por un único asento, no que figurarán os datos identificativos da escritura de extinción, o balance final de liquidación e operacións de distribución do activo, así como as circunstancias referidas á consignación de cantidades. Tamén se fará consta-lo depósito dos libros e documentos da cooperativa, e a data en que remata a obriga da súa conservación.

Artigo 66º.-Escritura pública de extinción.
1. A escritura pública de extinción conterá a certificación relativa á aprobación do balance final de liquidación e das operacións de distribución do activo, que acredite o cumprimento dos requisitos previstos nos artigos 93 e 94 de la Lei de cooperativas de Galicia, e nos propios estatutos da cooperativa.

Na escritura tamén deberán consta-las seguintes manifestacións dos liquidadores:
a) Que transcorreu o prazo para impugna-los acordos de aprobación do balance final e do proxecto de distribución do activo sen que fosen formuladas reclamacións, ou que adquiriron firmeza as sentencias que as resolveron.

b) Que se procedeu á satisfacción dos acredores ou á consignación do seus créditos, con expresión, neste caso, da identidade dos acredores, dos importes e da entidade onde foron consignados.

c) Que se puxeron a disposición do Consello Galego de Cooperativas as cantidades derivadas da aplicación do artigo 93 de la Lei de cooperativas de Galicia, incorporando á escritura pública a certificación bancaria do ingreso.

d) Que se lles reintegrou ós socios as cantidades previstas no mencionado artigo 93, ou que foron consignadas á súa disposición, con indicación da identidade dos socios, dos importes e da entidade onde foron consignados.

2. Se logo de cancelados os asentos relativos á cooperativa aparecesen bens ou dereitos dela, os liquidadores outorgarán escritura pública de adxudicación a favor de quen corresponda segundo o procedemento previsto no citado artigo 93, que se inscribirá a continuación da cancelación efectuada.


3. Tratándose de cooperativas de segundo grao resultará de aplicación o previsto anteriormente, coas particularidades establecidas no artigo 130 da Lei de cooperativas de Galicia.

Artigo 67º.-Apoderamentos.
1. Os apoderamentos de facultades representativas conferidos polo órgano de administración de sociedades cooperativas, inscribiranse en virtude de escritura pública que deberá conte-lo certificado do acordo adoptado no que consten as facultades conferidas, identificación dos apoderados e as circunstancias do exercicio de representación. A súa modificación, revogación e substitución, así como a renuncia, deberá constar, así mesmo, en escritura pública coas mesmas características que resulten procedentes.

2. A solicitude de inscrición deberá presentarse no improrrogable prazo dos trinta días seguintes á adopción do acordo, acompañada dunha copia autorizada e outra simple da escritura.

3. Na inscrición faranse consta-los datos identificativos da escritura pública, das persoas apoderadas, así como as facultades representativas conferidas e as circunstancias para o seu exercicio, ou as súas modificacións ou revogación, segundo o caso.

Artigo 68º.-Nomeamento e cesamento de administradores e interventores.
1. A inscrición dos actos relativos ó nomeamento e cesamento de administradores e interventores, practicarase en virtude de escritura pública ou certificado da acta da asemblea xeral emitido polo secretario do consello rector co visto e prace do presidente, ou polo administrador único, coas sinaturas lexitimadas notarialmente ou autenticadas polo rexistro de cooperativas.

2. A solicitude de inscrición deberá presentarse no rexistro competente, no prazo dos 30 días seguintes á aceptación do seu cargo, ou á adopción do

acordo de cesamento, se é o caso, xuntando a certificación do acordo por duplicado, ou ben achegando copia autorizada e simple da escritura pública que a incorpore.

3. Na inscrición faranse consta-los datos identificativos do título inscribible, das persoas designadas e cesadas, a data do nomeamento e cesamento, e o prazo e cargo para o que foron nomeados, de se-lo caso.

No caso de que existan máis dun vocal ou suplente do consello rector, ou máis dun interventor, deberán estar numerados correlativamente para os efectos da súa correcta identificación.

A inscrición do nomeamento dos administradores e interventores caducará cando finalizado o prazo de duración do seu nomeamento transcorra o prazo de celebración da primeira asemblea xeral ordinaria. O encargado do rexistro fará consta-la caducidade mediante nota marxinal, cando deba practicar algún asento na folla aberta á sociedade ou se solicitase certificación.

Artigo 69º.-Contido do título.
1. O documento presentado para a inscrición deberá conte-las circunstancias da adopción do acordo, a identidade dos nomeados e cesados, o seu cargo, así como, se é o caso, os suplentes. Deberá constar, así mesmo, a expresa aceptación do cargo por parte dos nomeados, a declaración de que non lles afectan ningunha das incapacidades ou incompatibilidades para o exercicio do cargo previstas no artigo 48 de la Lei de cooperativas de Galicia e a notificación ós cesados. Para a inscrición de nomeamentos debe especificarse a identidade dos cesados nos respectivos cargos.

2. No suposto de que resultasen elixidos socios colaboradores ou persoas non socios, deberá facerse constar esta circunstancia e o cumprimento específico dos requisitos legais e estatutarios para o seu nomeamento.

3. Se o nomeamento recae nunha persoa xurídica, tamén deberá facerse consta-la identidade da persoa física que, vinculada por calquera título a esta, fose designada para representala no exercicio das funcións propias do cargo.

4. A inscrición de nomeamentos a través do sistema de substitución indicado no número 5 do artigo 45 da Lei de cooperativas de Galicia, require a constancia no rexistro da elección como suplente e do cesamento do anterior titular.

Artigo 70º.-Nomeamento e cesamento de conselleiros delegados.
1. O nomeamento de conselleiros delegados inscribirase en virtude de escritura pública, que incorpore certificado do acordo con expresión das circunstancias da súa adopción e do precepto estatutario habilitante, na que consten a identidade dos nomeados, a enumeración particularizada das facultades conferidas e das circunstancias do seu exercicio, así como a súa aceptación.

2. O cesamento dos conselleiros delegados, así como a modificación das súas facultades deberá constar, así mesmo, en escritura pública coas mesmas características no que resulte procedente.

3. A solicitude de inscrición presentarase no improrrogable prazo dos 30 días seguintes á adopción do acordo xunto cunha copia autorizada e outra simple da escritura pública.

4. Na inscrición faranse consta-los datos identificativos da escritura pública, das persoas designadas ou que cesen, a data do nomeamento ou cesamento así como as facultades conferidas e as circunstancias para o seu exercicio, ou as súas modificacións ou revogación, segundo o caso.

Artigo 71º.-Nomeamento e cesamento de auditores e letrados asesores.
1. O nomeamento e cesamento de auditores de contas e letrados asesores da cooperativa deberá inscribirse no rexistro de cooperativas competente, mediante certificación emitida polo secretario do consello rector co visto e prace do presidente, ou polo administrador único, coas sinaturas lexitimadas notarialmente, ou autenticadas polo rexistro de cooperativas.

2. A certificación relativa ó nomeamento deberá conte-las circunstancias da adopción do acordo, a identidade dos nomeados como titulares ou suplentes, de se-lo caso, o prazo de duración e aceptación expresa do nomeamento, así como a declaración de que non lles afectan ningunha das incapacidades ou incompatibilidades para o exercicio do cargo previstas legal ou estatutariamente.

No caso de cesamento deberá constar na certificación a notificación do acordo ó interesado.

Artigo 72º.-Inscrición.
1. Na inscrición faranse consta-la identidade, así como a data e o prazo do nomeamento, ou a data do cesamento, de se-lo caso.

Se a designación fose efectuada mediante resolución xudicial ou polo Rexistro Central de Cooperativas, farase constar así expresamente.

2. Será de aplicación ó nomeamento e cesamento de auditores e letrados asesores, así como á súa inscrición, o previsto nos artigos 68º e 69º deste regulamento na medida en que resulte compatible.

Artigo 73º.-Emisión de obrigas.
1. A inscrición da emisión de obrigas e a súa cancelación, practicarase en virtude de escritura pública, na que conste o cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa aplicable e as circunstancias da emisión. No caso da emisión tamén deberá consta-la valoración patrimonial da sociedade, segundo o último balance aprobado. Os demais actos relacionados directamente con esta, que deban acceder ó rexistro, inscribiranse tamén en virtude de escritura pública na que conste tanto o cumprimento dos requisitos legais, como as circunstancias do acto inscribible. A solicitude de ins

crición deberá acompañarse dunha copia autorizada e outra simple da escritura.
2. Na inscrición faranse consta-los datos identificativos da escritura pública e as circunstancias da emisión, da cancelación ou do acordo inscribible.

Artigo 74º.-Suspensións de pagamentos e crebas.
1. A providencia de admisión a trámite da solicitude de declaración do estado de suspensión de pagamentos, así como as demais resolucións xudiciais que constitúan, modifiquen ou extingan as situacións de concurso que afecten a cooperativa, deberán inscribirse no rexistro de cooperativas competente, de acordo co artigo 96 da Lei de cooperativas de Galicia.

2. A inscrición practicarase en virtude de mandamento xudicial ou testemuño da resolución correspondente, facendo consta-la data e órgano emisor e transcribindo a súa parte dispositiva. En tanto non sexan firmes, serán obxecto de anotación preventiva.

3. En toda anotación preventiva ou inscrición relativa a unha cooperativa en suspensión de pagos ou creba, farase constar esta circunstancia.

4. A cancelación dos asentos referentes a estas situacións realizarase en virtude de mandamento xudicial, transcribindo a parte dispositiva da resolución xudicial firme.

Artigo 75º.-Operacións con terceiros.
1. As autorizacións para a realización de operacións con terceiros, previstas no artigo 8 da Lei de cooperativas de Galicia, deberán inscribirse na folla aberta á cooperativa no libro de inscrición.

2. A inscrición realizarase en virtude da correspondente resolución administrativa. Para estes efectos, a autoridade administrativa que resolva favorablemente a concesión deberá ordena-la súa inscrición no rexistro de cooperativas competente.

3. Se a estimación se produce por falta de resolución expresa, a cooperativa poderá solicita-la súa constancia no rexistro achegando certificado acreditativo do silencio producido, no que consten o prazo e límites da autorización solicitada.

4. Na inscrición farase consta-lo prazo da autorización, os límites de ampliación de actividades ou servicios con terceiros e a autoridade administrativa que resolveu, ou as circunstancias da estimación por silencio administrativo.

Artigo 76º.-Medidas administrativas.

1. Aquelas medidas ou actos administrativos que resulten de inscrición obrigatoria por disposición legal ou regulamentaria, inscribiranse na folla aberta a cada sociedade transcribindo a parte dispositiva da resolución administrativa, facendo consta-la autoridade e a data en que foi dictada.

2. Os asentos practicaranse á vista da correspondente resolución e a solicitude do órgano administrativo que a dictou, ou dos interesados, e revestirán

a forma máis acorde co seu contido material. As resolucións causarán anotación preventiva cando corresponda á natureza destas, ou ata que adquiran carácter de firmeza, momento no que se practicará a inscrición ou cancelación correspondente.

Capítulo VII
Do depósito e inscrición das seccións de crédito
Artigo 77º.-Depósito e inscrición: requisitos.
1. O acordo de creación de seccións de crédito e da aprobación do seu regulamento de réxime interno deberá constar en escritura pública que se depositará no Rexistro Central de Cooperativas e inscribirase na folla aberta á cooperativa no correspondente rexistro, de conformidade co previsto no artigo 10 da Lei de cooperativas de Galicia.

A solicitude de depósito e inscrición deberá presentarse no Rexistro Central de Cooperativas, acompañada dunha copia autorizada e dúas simples da escritura pública.

2. A escritura pública deberá conte-la certificación do acordo adoptado pola asemblea xeral que acredite o cumprimento dos requisitos legais e estatutarios, o texto completo do regulamento do réxime interno da sección que se crea, a identidade do seu xerente, con expresión das facultades conferidas, a data de inicio das operacións, así como as mencións e requisitos esixidos pola súa normativa específica. Tamén fará referencia ó precepto estatutario habilitante e ós datos da súa inscrición rexistral.

Artigo 78º.-Operacións do rexistro.
1. O Rexistro Central de Cooperativas abrirá unha folla á sección que se crea no libro de depósito de seccións de crédito e procederá ó depósito provisional, practicando anotación preventiva e, de se-lo caso, comunicaralle este extremo ó rexistro onde figure inscrita a cooperativa, remitíndolle a documentación presentada. O rexistro onde figure inscrita a cooperativa tramitará a solicitude conforme ás normas establecidas neste regulamento.

Unha vez realizada a inscrición na folla da sociedade procederase a practica-lo asento correspondente no libro de depósito de seccións de crédito. Para estes efectos, remitirase copia da escritura pública debidamente dilixenciada ó Rexistro Central de Cooperativas, de se-lo caso.

2. Nos asentos practicados nas follas da sociedade e da sección, ademais dos datos identificativos da escritura pública, farase consta-la data de adopción dos acordos, do inicio das operacións da sección, así como as demais circunstancias previstas na súa norma específica e no presente regulamento.

O asento practicado no libro de depósito de seccións de crédito tamén deberá conte-lo texto íntegro do regulamento de réxime interno da sección.

Artigo 79º.-Pechamento da sección de crédito: requisitos.
1. O acordo de pechamento das seccións de crédito deberá constar en escritura pública, que se depositará no Rexistro Central de Cooperativas para a cancelación da folla aberta á sección, e inscribirase na folla correspondente á cooperativa no rexistro competente.

A solicitude de depósito e inscrición deberá presentarse no Rexistro Central de Cooperativas, xunto cunha copia autorizada e dúas simples da escritura pública.

2. A escritura pública deberá conte-la certificación do acordo adoptado pola asemblea xeral que acredite o cumprimento dos requisitos legais, estatutarios e de réxime interno, así como as mencións e requisitos esixidos pola normativa específica das seccións de crédito e por este regulamento.

Artigo 80º.-Operacións do rexistro.
1. O Rexistro Central de Cooperativas procederá ó depósito provisional, facéndoo constar por medio de anotación preventiva no libro de depósito de seccións de crédito e, de se-lo caso, comunicaralle este extremo ó rexistro onde figure inscrita a cooperativa remitíndolle a documentación presentada. O rexistro onde figure inscrita a cooperativa tramitará a solicitude conforme as normas establecidas neste regulamento.

Unha vez realizada a inscrición na folla da sociedade, procederase á cancelación da folla aberta á sección no libro de depósito de seccións de crédito. Para estes efectos, remitirase copia da escritura pública, debidamente dilixenciada, ó Rexistro Central de Cooperativas, de se-lo caso.

2. Para a inscrición na folla da sociedade, observaranse as normas establecidas neste regulamento. Na cancelación da folla aberta á sección faranse consta-los datos identificativos da escritura pública e da súa inscrición rexistral, a data de finalización das operacións, así como as demais circunstancias previstas pola normativa específica.

Artigo 81º.-Outras anotacións.
1. Deberán anotarse na folla aberta á sección de crédito no Rexistro Central de Cooperativas as modificacións do regulamento do réxime interno, así como aquelas anotacións establecidas pola súa normativa específica.

2. As modificacións do regulamento de réxime interno deberán constar en escritura pública, que conterá a certificación do acordo adoptado pola asemblea xeral que acredite o cumprimento dos requisitos legais e estatutarios e de réxime interno, o texto completo dos artigos modificados, así como as mencións e requisitos esixidos pola súa normativa específica.

3. A solicitude deberase presentar no Rexistro Central de Cooperativas, acompañada dunha copia autorizada e outra simple da escritura pública.

4. Na anotación das modificacións do regulamento de réxime interno, ademais dos datos identificativos do título, farase consta-la data de adopción do acordo, o texto íntegro dos artigos modificados, así como as demais circunstancias previstas na súa normativa específica.

5. Realizada a anotación farase constar este extremo por medio de nota marxinal na folla aberta á sociedade no rexistro competente. Para estes efectos o Rexistro Central remitiralle a correspondente certificación a aquel onde figure inscrita a sociedade, no caso de que fose distinto.

Artigo 82º.-Depósito específico de auditoría.
1. O depósito da auditoría de contas previsto no artigo 10 da Lei de cooperativas de Galicia, realizarase no Rexistro Central de Cooperativas. Este depósito, de carácter exclusivamente informativo, será específico e independente do depósito de contas previsto no artigo 73 da citada lei e a súa eficacia limitarase ós termos establecidos no artigo 97 deste regulamento.

2. As cooperativas con sección de crédito deberán presentar un exemplar máis da auditoría de contas, cando depositen as contas anuais no rexistro competente. Unha vez que se teña por efectuado o depósito de contas da sociedade, procederase a realiza-lo específico da auditoría de contas no Rexistro Central. Para estes efectos, se o depósito de contas se efectuase no rexistro provincial, este deberá comunicarllo ó central, remitíndolle un exemplar da citada auditoría.

Capítulo VIII
Do depósito e inscrición das asociacións
de cooperativas
Artigo 83º.-Depósito da escritura de constitución.
1. As unións, federacións e confederacións de cooperativas constituídas ó abeiro da Lei de cooperativas de Galicia, para adquiri-la personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, deberán depositar no Rexistro Central de Cooperativas a correspondente escritura pública de constitución, de acordo co previsto no artigo 134 da referida lei.

2. A solicitude de depósito presentarase, no prazo de dous meses desde o outorgamento, acompañada dunha copia autorizada e outra simple da escritura.

3. A escritura pública de constitución será outorgada polas persoas designadas para tal efecto pola asemblea constituínte con suxeición ós acordos adoptados por ela, salvo que o sexa pola totalidade dos promotores, e deberá conter, como mínimo, os extremos previstos no número 2, do artigo 134 da Lei de cooperativas de Galicia.

Os estatutos sociais e a certificación negativa de denominación deberán incorporarse á escritura. A utilización de referencias a ámbitos xeográficos na

denominación estará condicionada ó cumprimento dos requisitos previstos nos números 3 e 4 do artigo 133 da Lei de cooperativas de Galicia.

Artigo 84º.-Inscrición e publicidade.
1. O rexistro disporá, no prazo de 30 días, a inscrición e publicidade do depósito ou o requirimento ós seus promotores, por unha soa vez, para que no prazo doutros 30 días emenden os defectos observados. Transcorrido este prazo, o rexistro disporá a publicidade ou rexeitará o depósito mediante resolución exclusivamente fundada na carencia dalgún dos requisitos mínimos previstos no capítulo I do título IV, da Lei de cooperativas de Galicia.

A entidade adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar transcorridos 30 días hábiles desde que solicitou o depósito, sen que se formulasen reparos ou se rexeite este.

2. A publicidade do depósito realizarase no Diario Oficial de Galicia, unha vez practicada a oportuna inscrición no libro de inscrición de asociacións cooperativas. Ademais dos datos identificativos da escritura pública, na inscrición farase constar necesariamente a relación de promotores, os estatutos sociais, a identidade das persoas designadas para desempeña-los cargos dos órganos sociais e calquera outro pacto ou acordo inscribible.


Artigo 85º.-Modificación de estatutos: depósito.
1. A modificación de estatutos das asociacións de cooperativas axustarase ó mesmo procedemento regulado nos artigos anteriores, tendo en conta, ademais, as particularidades establecidas neste.

2. A solicitude de depósito deberá presentarse, no prazo de tres meses desde a elevación a público do acordo, acompañada dunha copia autorizada e doutra simple da escritura.

3. A escritura pública de modificación de estatutos conterá a certificación do acordo adoptado pola asemblea xeral que acredite o cumprimento dos requisitos previstos no número 1 do artigo 74 da Lei de cooperativas de Galicia, e nos propios estatutos da entidade. O texto completo dos artigos afectados pola modificación deberá incorporarse á escritura.

No caso de que a modificación estatutaria implique o cambio de denominación tamén deberá incorporarse a certificación de que non existe outra entidade coa mesma denominación.

4. O depósito do cambio de domicilio social dentro do mesmo termo municipal poderá realizarse mediante certificación do acordo coas sinaturas do secretario e do presidente da entidade lexitimadas notarialmente, ou autenticadas polo Rexistro de Cooperativas. Neste caso, tamén deberá acreditarse a comunicación formal ós socios.

Artigo 86º.-Inscrición e publicidade da modificación.
Na inscrición faranse consta-los datos identificativos da escritura pública e os artigos dos estatutos

sociais modificados. Cando se trate de cambio de denominación ou de domicilio social faranse constar expresamente os novos na publicación do depósito, que se realizará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 87º.-Altas e baixas de socios.
1. Segundo o previsto no número 3 do artigo 134 da Lei de cooperativas de Galicia, as asociacións de cooperativas deberanlle comunicar ó rexistro as altas e baixas dos seus socios directos no prazo dun mes desde que se produza o feito.

As comunicacións presentadas conterán os datos de identificación do socio, con especial referencia ós de carácter rexistral, e a data de alta ou baixa. No caso de alta deberá xuntarse certificación do acordo de asociarse.

2. O Rexistro Central de Cooperativas comprobará o cumprimento dos requisitos indicados no número anterior e formulará requirimento ós interesados para que emenden os defectos observados, de se-lo caso. Verificado o cumprimento, expedirase certificación contendo a relación dos socios directos da entidade, onde conste a súa denominación e a data de alta, procedendo ó arquivo da documentación no expediente rexistral da entidade. A expedición das certificacións relativas ó número de socios das asociacións de cooperativas realizarase con base nos datos que constan no seu expediente rexistral.

3. Cos datos que figuren no Rexistro Central de Cooperativas confeccionarase unha base de datos de carácter informativo, onde consten os datos identificativos das asociacións e dos seus socios directos, que poderá ser consultada por medios telemáticos nos termos que se determinen, actualizándose periodicamente.

Artigo 88º.-Normas supletorias.
Ademais do previsto nesta sección e no resto da súa regulación legal específica, resultaranlles aplicables ás asociacións de cooperativas, no que proceda de acordo coa súa natureza, as disposicións establecidas neste regulamento para as sociedades cooperativas.

Capítulo IX
Doutras funcións do rexistro
Sección primeira
Da legalización dos libros e nomeamento
de expertos
Artigo 89º.-Obriga de legalización dos libros.
Os libros que legal e obrigatoriamente levarán as sociedades cooperativas suxeitas ó ámbito da Lei de cooperativas de Galicia, e relacionados no seu artigo 72, así como as asociacións de cooperativas, legalizaranse no rexistro de cooperativas onde figuran inscritas.

Artigo 90º.-Procedemento.
1. Os libros presentaranse pola representación legal da entidade nas dependencias do rexistro competente, acompañados da preceptiva solicitude e da relación comprensiva de todos eles debidamente asinada, facendo consta-lo número de follas de que

se compón cada libro. Debera especificarse se son libros en branco para legalizar antes da súa utilización, ou ben se se trata de libros formados por follas encadernadas correlativamente despois da realización de asentamentos e anotacións por calquera procedemento idóneo.

Na solicitude deberán consta-los datos rexistrais da entidade, así como o número de libro que corresponda de entre os da súa clase e a data de apertura e, se é o caso, de pechamento dos últimos libros legalizados da mesma clase que aqueles para os que se solicita a legalización.

A legalización de libros está suxeita a taxa por servicios administrativos nos termos establecidos legalmente e deberase acredita-lo seu pagamento.

2. Os libros que se presenten para a súa legalización antes da súa utilización poderán estar encadernados ou estar formados por follas móbiles. Os seus folios deberán estar completamente en branco e numerados correlativamente.

3. Os libros formados a partir de follas nas que se realizasen as correspondentes anotacións por calquera procedemento idóneo e posteriormente encadernados de modo que non sexa posible a substitución dos folios, deberán te-la primeira en branco e as demais numeradas correlativamente e pola orde cronolóxica que corresponda ás anotacións practicadas. Os espacios en branco deben estar convenientemente anulados.

Estes libros presentaranse para a súa legalización dentro dos catro meses seguintes á data de pechamento do exercicio. A presentación fóra de prazo farase constar na dilixencia de legalización e no asento correspondente.

4. Presentados os libros para legalizar, practicarase no libro diario o asento correspondente, facendo consta-lo número e clase dos libros que se presentan.

Artigo 91º.-Legalización dos libros.
1. O encargado do rexistro, unha vez examinada a solicitude, relación e libros presentados, procederá a practicar ou rexeita-la legalización solicitada no prazo de 30 días desde a data do asento de presentación. O exame comprenderá a súa adecuación ós requisitos esixidos por este regulamento.

2. A legalización dos libros farase mediante dilixencia e selo, estendendo aquela na primeira folla e o selo porase en tódalas demais. Poderán ser seladas por calquera procedemento que garanta a autenticidade da legalización

A dilixencia, asinada polo encargado do rexistro conterá a identificación da entidade cos seus datos rexistrais, a clase de libro, o número que lle corresponda dentro dos da mesma clase legalizados pola entidade, número de folios de que se compoña o libro e o sistema e contido do seu selado.

3. Se a legalización fose rexeitada comunicaráselle ó solicitante mediante nota de defectos, con devolución da relación e libros presentados. No caso de

desconformidade cos defectos sinalados poderán formularse alegacións, no prazo de quince días hábiles, que se tramitarán consonte o establecido pola normativa do procedemento administrativo común.

4. Legalizados os libros, practicarase a oportuna anotación no libro de legalizacións. Rexeitada esta, farase constar mediante nota marxinal no libro diario.

5. Practicada a legalización devolveránselle ó solicitante os libros. Transcorrido un mes desde a data na que se practicase a legalización ou en que esta fose rexeitada, sen ser retirados por representante legal, o rexistro poderá remitirllos con cargo á entidade ó seu domicilio social. En todo caso, transcorridos seis anos desde a referida data poderá procederse á súa destrucción, e farase constar esta circunstancia mediante nota marxinal no libro de legalizacións.

Artigo 92º.-Nomeamento de auditores e doutros expertos independentes: solicitude.

1. As sociedades cooperativas poderán solicita-lo nomeamento de auditores e outros expertos independentes do Rexistro Central de Cooperativas, indicando os datos rexistrais da entidade e o período ou feito concreto para o que se solicita o nomeamento.

2. A presentación da solicitude anotarase no libro diario, dándolle o oportuno traslado para que se proceda á proposta de designación de auditores ou expertos independentes.

3. A solicitude remitirase ó colexio profesional que agrupe os expertos solicitados, que realizará a proposta de designación de xeito aleatorio entre tódolos inscritos no ámbito territorial que corresponda ó domicilio social da cooperativa.

Artigo 93º.-Designación.
1. Recibida no Rexistro Central a proposta efectuada polo colexio profesional seralle comunicada á cooperativa. Aceptado o nomeamento, seralle comunicado este extremo ó referido rexistro para a súa constancia por medio de nota marxinal no libro diario.

2. Os gastos e honorarios do auditor ou experto independente serán por conta da entidade cooperativa e deberase formaliza-lo oportuno contrato de prestación de servicios, único documento que pode acredita-la aceptación para efectos rexistrais. Unha copia deste contrato arquivarase no expediente da cooperativa.

3. O Rexistro Central deberalle comunica-lo nomeamento efectuado ó rexistro onde figure inscrita a entidade, de se-lo caso, con remisión de copia da documentación referida a este para a súa inscrición na folla da cooperativa e arquivo no seu expediente rexistral no caso de auditores, e para a súa constancia, se se trata doutros expertos independentes.


Sección segunda
Do depósito das contas anuais
Artigo 94º.-Obriga da presentación das contas anuais.
1. De conformidade co artigo 73 da Lei de cooperativas de Galicia, o órgano de administración das entidades cooperativas estará obrigado a presentar para o seu depósito no rexistro de cooperativas competente, dentro do prazo de dous meses contados desde a súa aprobación por parte da asemblea xeral, as contas anuais, o informe de xestión e o informe dos interventores ou, de se-lo caso, o informe de auditoría externa, así como a certificación acreditativa do número de socios.

2. Esta mesma obriga aféctalles ós liquidadores respecto do estado anual de contas da liquidación, en canto resulte aplicable.

3. As cooperativas que dispoñan de sección de crédito deberán deposita-la auditoría de contas por duplicado.

Artigo 95º.-Documentos que hai que depositar.
1. Co obxecto de efectua-lo depósito de contas, presentarase solicitude acompañada dos seguintes documentos:

a) As contas anuais, en modelo normalizado, que comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias, a memoria, así como o informe de xestión, asinados por tódolos membros do órgano de administración ou administrador único.

b) O informe dos interventores, agás cando a cooperativa se audite externamente, que deberá presentar informe de auditoría, en ámbolos dous casos debidamente asinados.

c) Certificación do acordo de aprobación das contas anuais e da distribución ou imputación dos resultados, coas sinaturas do presidente e do secretario, ou administrador único, lexitimadas notarialmente ou autenticadas polo Rexistro de Cooperativas. Esta certificación deberá identifica-las contas anuais e o informe de xestión, que estarán debidamente asinados. Se faltase algunha sinatura farase consta-la indicación da causa e se a cooperativa estivese obrigada legalmente a audita-las contas do exercicio, expresarase que as contas depositadas coinciden coas auditadas.

d) Certificación acreditativa do número de socios, especificando as altas e baixas producidas durante o exercicio.

2. Os documentos deberán presentarse nos soportes e de acordo coas instruccións emanadas do Rexistro Central de Cooperativas.

Artigo 96º.-Procedemento.
1. Presentadas as contas anuais, practicarase asento de presentación no libro diario, no que se fará consta-la relación de documentos presentados.

2. O encargado do rexistro cualificará se os documentos presentados son os esixidos no presente regulamento e se constan a aprobación da asemblea xeral e as preceptivas sinaturas, no prazo de tres meses desde a data do asento de presentación.

3. Unha vez verificado o cumprimento dos extremos sinalados no número anterior, o encargado do rexistro terá por efectuado o depósito e practicará o correspondente asento na folla aberta á cooperativa no libro de inscrición, notificándollo ó interesado.

4. Se o depósito fose rexeitado comunicaráselle ó solicitante mediante nota de defectos, con devolución do achegado. No caso de desconformidade cos defectos sinalados poderán formularse alegacións, no prazo de quince días hábiles, que se tramitarán conforme o establecido pola normativa do procedemento administrativo común.

5. Cando en virtude de disposición legal específica, algunha entidade cooperativa estea obrigada a presenta-las súas contas anuais para o seu depósito no rexistro mercantil competente, o Rexistro Central de Cooperativas velará pola aplicación de medidas que permitan realiza-lo dobre depósito a través dunha única presentación no Rexistro de Cooperativas onde figure inscrita a entidade.

Artigo 97º.-Eficacia e publicación.
1. O depósito de contas ten eficacia exclusivamente para os efectos de publicidade rexistral e non se validarán estas. Este depósito non presupón o seu coñecemento por parte da autoridade administrativa, sen que poida obrigar ou condiciona-las súas actuacións no cumprimento da normativa vixente.

2. Anualmente, o Rexistro Central de Cooperativas tramitará a publicación gratuíta, no Diario Oficial de Galicia, do anuncio das entidades cooperativas que cumpriron coa obriga do depósito.

Artigo 98º.-Obriga de conserva-las contas anuais.
1. As contas anuais e documentos complementarios depositados no rexistro deberanse conservar durante os seis anos seguintes á data da práctica do asento correspondente no libro de inscrición.

2. Se fose necesario, os rexistros, logo de autorización da autoridade administrativa da que dependan, poderán deposita-las contas anuais e a documentación complementaria noutro lugar adecuado, distinto do local do rexistro de cooperativas, ou substituí-la conservación material polo almacenamento mediante procedementos informáticos.

Artigo 99º.-Pechamento da folla rexistral por falta de depósito de contas.
1. Transcorrido un ano desde a data do pechamento do exercicio social, o encargado do rexistro non inscribirá documentos relativos a entidades cooperativas incumpridoras do depósito de contas, ata que se practique o asento de depósito.

Non obstante, exceptúanse os títulos relativos ó nomeamento e cesamento de membros dos órganos

sociais, a disolución da sociedade e os asentos ordenados por autoridade administrativa ou xudicial.

2. Rexeitado o depósito e formuladas alegacións á nota de defectos do encargado do rexistro, quedará en suspenso o pechamento previsto no número anterior, mentres non recaia a resolución definitiva.

3. Non procederá o pechamento rexistral se as contas anuais non se depositaran por non estaren aprobadas pola asemblea xeral. Co obxecto de impedi-lo pechamento, debera acreditarse esta circunstancia mediante certificación do consello rector coas sinaturas do presidente e secretario, ou administrador único, lexitimadas notarialmente ou autenticadas polo rexistro de cooperativas, presentada dentro do prazo sinalado no número 1 deste artigo. A permanencia nesta situación deberá xustificarse cada seis meses polo mesmo medio. As certificacións presentadas deberán ser obxecto de inscrición e subsistirá a obriga de depósito de contas. Tamén subsistirá a obriga de depósito de contas de exercicios posteriores.

Capítulo X
Da coordinación rexistral, tratamento de datos e publicidade informativa
Artigo 100º.-Competencia a favor doutro rexistro de cooperativas.
1. Cando un acordo da cooperativa determine a competencia dun rexistro de cooperativas distinto ó rexistro no que figure inscrita a entidade, o rexistro que resulte competente, debido á modificación, pasará a exercer respecto da cooperativa tódalas funcións rexistrais desde o momento no que se inste ante el a inscrición do acordo.

Esta competencia afectará, incluso, a cualificación previa e as inscricións e demais trámites rexistrais necesarios para a inscrición da escritura pública correspondente.

2. A solicitude de inscrición do acordo deberá presentarse ante o rexistro que resulte competente, xunto coa da documentación preceptiva segundo o disposto neste regulamento e certificación dos antecedentes rexistrais da sociedade, expedida polo rexistro de orixe, na que conste a transcrición literal dos asentos que deban quedar vixentes.

O rexistro de orixe expedirá o certificado por pedimento da cooperativa e á vista da escritura de elevación a público do acordo, practicando a correspondente anotación preventiva.

Artigo 101º.-Tramitación.
1. Cualificada favorablemente a inscrición do acordo, o rexistro competente transcribirá literalmente o contido da certificación dos antecedentes rexistrais, como a primeira inscrición na folla aberta á sociedade, practicándose a continuación as inscricións oportunas e comunicando de oficio ó rexistro de orixe estes extremos.

Recibida a comunicación, este rexistro procederá ó pechamento da folla respectiva por medio dun único asento, no que se farán consta-los datos identificativos da nova folla da sociedade e o rexistro onde figure inscrita, remitíndolle a este último copia debidamente dilixenciada do expediente rexistral e dos documentos relativos ó depósito de contas dos últimos cinco anos.

2. Cando nos trámites precedentes interveña un rexistro non integrado no Rexistro de Cooperativas de Galicia, ou o cambio de competencia veña determinado por motivos distintos ós indicados no artigo anterior, terase en conta o previsto neste regulamento na medida en que resulte de aplicación. A tramitación realizarase a través do Rexistro Central de Cooperativas.

Artigo 102º.-Rexistro informático.
1. A ordenación, tratamento e arquivo da información rexistral acumulada realizarase polo Rexistro Central de Cooperativas mediante os medios e procedementos informáticos que sexan precisos para lles proporcionar ás entidades públicas e privadas, así como ós interesados en xeral, un medio de acceso áxil e efectivo.

2. Con esta finalidade crearase un rexistro informático, de carácter exclusivamente informativo, que se actualizará periodicamente cos datos procedentes dos distintos rexistros de cooperativas e poderá ser consultado por medios telemáticos, nos termos que se determinen.

Artigo 103º.-Publicidade informativa.
1. A publicidade dos datos informativos que constan no Rexistro Central de Cooperativas realizarase mediante a expedición de notas simples, nas que se advertirá sobre as limitacións relativas á información que se facilita, logo de solicitude do interesado. En ningún caso se poderán emitir certificacións con cargo a estes datos de carácter informativo. A solicitude e expedición destas notas simples tamén poderá realizarse a través de sistemas de telecomunicación informáticos.


2. O contido destas notas informativas poderá comprende-los seguintes datos:
a) Denominación da entidade.
b) Rexistro no que figura inscrita.
c) Identificación rexistral.
d) Data da primeira inscrición.
e) Domicilio social
f) Actividade económica principal.
g) Número de socios.
h) Capital social mínimo
i) Cifras básicas do último balance.
3. O Rexistro Central de Cooperativas publicará un directorio de tódalas cooperativas galegas, que se actualizará anualmente con referencia ó 31 de

decembro e que conterá a denominación da entidade, o domicilio social, a actividade económica principal, o rexistro no que figura inscrita e a data da primeira inscrición.

Artigo 104º.-Remisión de datos.
1. Os rexistros provinciais remitiranlle ó Rexistro Central de Cooperativas unha certificación literal de cada inscrición constitutiva practicada, así como a información prevista neste regulamento.

2. O Rexistro Central de Cooperativas remitiralle ó órgano competente da Administración xeral do Estado certificación das inscricións de constitución realizadas, así como os datos estatísticos correspondentes. Os datos e documentos procedentes do Rexistro de Cooperativas dependente da citada administración, relativos a cooperativas de ámbito estatal con domicilio en Galicia, incorporaranse ó arquivo previsto no artigo 102 deste regulamento.

3. Segundo o previsto na normativa vixente, tanto os rexistros provinciais de cooperativas, como o central, remitiranlle a información preceptiva ó órgano territorial correspondente da Axencia Estatal de Administración Tributaria. Cando en virtude de disposición legal, os rexistros de cooperativas deban facilitar información rexistral, cumprirase esta obriga de maneira desconcentrada por cada un deles.

4. A coordinación e colaboración co Rexistro de Cooperativas dependente da Administración xeral do Estado ou cos doutras comunidades autónomas, así como co Rexistro Mercantil, realizarase a través do Rexistro Central.

5. Na medida en que o permita a incorporación de medios informáticos á xestión dos distintos rexistros, as comunicacións e remisións previstas neste artigo realizaranse por medios telemáticos.

Artigo 105º.-Datos relativos ás inscricións de entidades cooperativas e depósito de contas anuais.

1. Co obxecto de facilita-lo tratamento da información rexistral, os rexistros provinciais de cooperativas elaborarán unha ficha que conterá os datos relativos ás inscricións de sociedades cooperativas e a súa cancelación, segundo o modelo que para cada caso elabore o Rexistro Central de Cooperativas.

Esta ficha remitiráselle ó mencionado rexistro coordinador, para o seu posterior tratamento e acumulación ás elaboradas por este.

2. Remitiranse igualmente ó Rexistro Central os datos do balance e número de socios reflectidos no depósito anual de contas. Tamén se deberá comunica-lo pechamento provisional da folla rexistral e a anotación de acordos de baixa provisional no índice de entidades ordenados pola Axencia Tributaria, así como as súas cancelacións.

Artigo 106º.-Elaboración de información.
1. Cos documentos e información proporcionados polos rexistros provinciais, o Rexistro Central xes

tionará un arquivo de carácter informativo, que servirá de soporte, xunto co seu propio, para as actuacións previstas neste capítulo.

2. Con esta finalidade os datos recibidos poderán ser obxecto do tratamento necesario para adaptalos tanto ós sistemas informáticos específicos, como á súa propia función informativa.

Artigo 107º.-Coordinación dos rexistros.
1. O Rexistro Central realizará a coordinación dos rexistros nos que se estructura o rexistro de cooperativas, procurando no posible a uniformidade dos criterios de cualificación.

2. No uso desta competencia coordinadora elaborará as instruccións precisas para o correcto funcionamento do servicio público prestado polos rexistros e resolverá as consultas formuladas sobre materias de competencia do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

3. Potenciará, así mesmo, o perfeccionamento do sistema rexistral e a actualización da formación nesta materia do persoal adscrito ós rexistros, especialmente no relativo á incorporación das novas tecnoloxías informáticas e da comunicación.

4. O Rexistro Central proporalle ó centro directivo do que dependa o establecemento de modelos normalizados de solicitudes e outra documentación preceptiva, en procedementos vinculados co rexistro de cooperativas, sen prexuízo de que os interesados acompañen os elementos que estimen axeitados para precisar ou completa-los datos do modelo. O mesmo rexistro elaborará, en colaboración cos restantes, modelos orientativos unificados para a súa utilización nos procedementos rexistrais.

Artigo 108º.-Consultas.
1. As sociedades cooperativas, as súas asociacións, e interesados en xeral, poderán formularlle consultas ó Rexistro de Cooperativas de Galicia sobre supostos concretos en materia da súa competencia. As consultas presentaranse por calquera medio que acredite a súa constancia nos rexistros provinciais que llas remitirán ó Rexistro Central, ou directamente neste, que será o encargado de resolvelas, logo dos informes que estime oportunos.

2. Tamén poderán formular consultas, nos mesmos termos, os encargados dos rexistros provinciais de cooperativas coa finalidade de unifica-los criterios de cualificación e os funcionarios encargados da inspección e asesoramento das cooperativas.

3. As respostas emitidas terán carácter exclusivamente informativo, non orixinarán dereitos de ningún tipo, nin vincularán a resolución de futuros procedementos rexistrais e contra estas non caberá recurso de ningún tipo.

4. Para xeral coñecemento e con carácter periódico, publicaranse as consultas formuladas e as súas respostas, omitindo os datos identificativos das persoas, entidades e lugares intervenientes nos distintos supostos.

Disposicións adicionais
Primeira.-Incorporación de medios e procedementos informáticos.
A consellería competente en materia de traballo velará pola incorporación dos medios e procedementos informáticos ó Rexistro de Cooperativas de Galicia, adoptando as medidas necesarias para a plena integración dos avances tecnolóxicos na súa xestión.

Segunda.-Dereito supletorio e normas complementarias.
Respecto de prazos, recursos, comparecencia e representación e demais materias non reguladas expresamente na Lei de cooperativas de Galicia e neste regulamento, haberá que aterse ó disposto na regulación do procedemento administrativo común, así como na normativa mercantil e hipotecaria, en canto resulte aplicable de acordo coa natureza xurídica das sociedades cooperativas e as características do Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Disposicións transitorias
Primeira.-Calendario de adaptación de estatutos á Lei de cooperativas de Galicia.

1. A adaptación dos estatutos sociais das entidades cooperativas á Lei de cooperativas de Galicia, realizarase obrigatoriamente nos períodos fixados no seguinte calendario:

-Entre a data de entrada en vigor deste regulamento e o 30 de xuño de 2002, as cooperativas inscritas antes do 31 de decembro de 1950.

-Entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2002, as cooperativas inscritas entre o 1 de xaneiro de 1951 e o 31 de decembro de 1980.

-Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2003, as cooperativas inscritas entre o 1 de xaneiro de 1981 e o 31 de decembro de 1986.

-Entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2003, as cooperativas inscritas entre o 1 de xaneiro de 1987 e o 31 de decembro de 1990.

-Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2004, as cooperativas inscritas entre o 1 de xaneiro de 1991 e o 31 de decembro de 1995.

-Entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2004, as cooperativas inscritas desde o 1 de xaneiro de 1996.

2. Non se admitirá a trámite ningunha solicitude relativa á inscrición de adaptación de estatutos de cooperativas, fóra do período sinalado para cada grupo de cooperativas no número anterior. Non obstante, se por razóns debidamente xustificadas unha cooperativa precisa adapta-los seus estatutos sociais con anterioridade ó período que lle corresponda, poderá solicita-la inscrición durante o primeiro mes de cada semestre anteriormente indicado.

A solicitude de cualificación previa do texto adaptado só poderá realizarse dentro dos devanditos

períodos. A realización deste trámite opcional non dará lugar a que se teñan por iniciados os trámites de inscrición.

Segunda.-Procedemento de adaptación de estatutos á Lei de cooperativas de Galicia.

A inscrición da adaptación de estatutos levarase a cabo na forma establecida para a modificación de estatutos, coas seguintes particularidades:

1. A escritura pública de adaptación de estatutos deberá conter en todo caso:
a) O texto íntegro dos estatutos adaptados.
b) A acreditación de que o capital social mínimo fixado estatutariamente está totalmente desembolsado.

2. Non resultará necesario realizar nin acredita-las publicacións previstas no número 1 do artigo 53 deste regulamento, nos seguintes casos:

a) Cambio de denominación que non afecte a súa parte diferenciadora.
b) Cambio de domicilio social que teña lugar dentro do mesmo termo municipal.
c) Modificacións do obxecto social que non impliquen cambio de clase.
d) Incremento do capital social mínimo.
3. Cando a cooperativa estivese inscrita nun rexistro de cooperativas distinto ó que resulte competente, o rexistro correspondente pasará a exercer respecto daquela tódalas funcións rexistrais desde o momento en que a cooperativa inste ante el a adaptación dos seus estatutos; competencia que alcanzará, incluso, ás inscricións e ós demais trámites necesarios para a inscrición da escritura pública de adaptación.

A solicitude de cualificación previa deberá, así mesmo, solicitarse no rexistro que resulte competente, segundo o proxecto de estatutos adaptado.

Terceira.-Disolución de pleno dereito polo transcurso do prazo para a adaptación.

1. De conformidade co previsto na disposición transitoria terceira da Lei de cooperativas de Galicia, as entidades que non solicitasen do rexistro de cooperativas competente a inscrición da adaptación dos seus estatutos sociais nos prazos indicados no calendario fixado na disposición transitoria primeira deste regulamento, quedarán disoltas de pleno dereito e entrarán en período de liquidación.

2. Non obstante, as cooperativas que teñan inscrita a adaptación dos seus estatutos sociais á citada lei, con anterioridade a entrada en vigor do presente regulamento, non deberán realizar ningún trámite complementario, considerándose cumprido o previsto na referida disposición transitoria.

3. A inscrición da disolución practicarase segundo o previsto no artigo 62 do presente regulamento, notificándollo ó Consello Galego de Cooperativas.

Cuarta.-Expedientes en trámite.
Os expedientes rexistrais en materia de cooperativas que estean en trámite no momento da entrada en vigor deste regulamento, resolveranse de conformidade coas disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

Quinta.-Os encargados dos rexistros.
1. Os rexistros de cooperativas permanecerán a cargo dos actuais encargados do rexistro.

2. As vacantes que se produzan cubriranse entre funcionarios da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 5 deste regulamento. Para estes efectos consideraranse cumpridos tódolos requisitos necesarios, sempre que se acredite o desempeño das funcións propias de encargado do rexistro durante un período mínimo de cinco anos e a participación en cursos de formación rexistral en materia de cooperativas específicos.

Sexta.-Dotación de medios dos rexistros.
O Rexistro de Cooperativas de Galicia será dotado dos medios humanos e materiais precisos para o desenvolvemento das funcións previstas neste regulamento. Con este fin, os encargados do rexistro procederán ó inventariado dos medios actualmente adscritos ó rexistro e elevarán á autoridade administrativa da que dependan proposta para complementalos, fundada nas novas funcións e competencias asignadas.

Sétima.-Substitución de libros e documentos.
1. Os libros e demais documentos utilizados nos rexistros de cooperativas serán substituídos por outros adaptados ás previsións contidas neste regulamento a partir da súa entrada en vigor, conservando tódalas inscricións existentes e os números de rexistro asignados, sen que afecte a situación rexistral das cooperativas. Conservarase, así mesmo, a integridade dos seus expedientes rexistrais.

2. As cooperativas que non conten con número de rexistro asignado pola Xunta de Galicia inscribiranse nos novos libros do rexistro que resulte competente, de acordo co contido do seu expediente rexistral.

3. O Rexistro Central de Cooperativas elaborará as instruccións oportunas para a adaptación e implantación do novo sistema rexistral e coordinará o proceso de substitución de libros e documentos.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorización á Dirección Xeral de Relacións Laborais para a aprobación de modelos e instruccións.

Autorízase a Dirección Xeral de Relacións Laborais para que, por proposta do Rexistro Central de Cooperativas, aprobe os modelos e imparta as instruccións á que deban axustarse os rexistros de cooperativas de Galicia.

Segunda.-Autorización ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o desenvolvemento do regulamento.

Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para establece-las normas complementarias necesarias para efectiviza-lo procedemento de designación de auditores e expertos independentes, a través de convenio de colaboración cos respectivos colexios profesionais.

Terceira.
Facúltase a consellería competente en materia de traballo para aclarar e interpreta-las normas contidas neste regulamento.

Cuarta.
Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste regulamento.





[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]


© Xunta de Galicia 1998
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servicio prestado pola Consellería da Presidencia e Admón. Pública
URL: http://www.xunta.es/dog/dog.nsf
E-mail:
webdoga@xunta.es
inclu../imagenes/descargas/200406172048350.Decreto 430-2002-galego.htm